Amosando publicacións coa etiqueta receita. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta receita. Amosar todas as publicacións

xoves, 12 de marzo de 2026

Brownie estilo "Rocky Road"

 Ola, bolboreteirxs! Que tal estades? Hoxe traémosvos unha receita moi moi lambona, xa sabedes que nós o somos 😋, mais tamén é bastante aditiva, quedades avisadxs!!

 Como vos afeccionados aos brownies (xa compartimos por aquí varias opcións: con crema de queixo, con doce de leite, de chocolate branco, de froitos vermellos, a versión clásica, unha rápida, outra de garavanzos e outra de galletas "Oreo"), descubrimos unha nova versión agregándolle na superficie unha mestura de chocolate, nubes e froitos secos e, como non podía ser doutra maneira, tivemos a tencación de probala e que xenial idea! Casan perfectamente e menuda "gochada" máis saborosa. 

Tamén temos que sinalar que o momento ideal é calquera mais é unha bomba! Aquí vos deixamos a receita: 



Brownie estilo "Rocky Road"





Ingredientes:

mércores, 15 de novembro de 2023

Pizza outonal

Bo día, bolboreteirxs! Aquí estamos un día máis cunha nova receita outonal, cuxa protagonista é a cabaza. Esta é unha nova versión da pizza, xa que en lugar de facer unha blanca ou con salsa de tomate, imos usar a cabaza, o que lle dará un toque diferente, e moi especial á nosa pizza. Para o resto dos ingredientes nós facémosvos esta proposta, que triunfou na nosa casa, mais xa sabedes que hai que xogar cos produtos e os nosos gustos. 


Pizza outonal  



Ingredientes:


Para a pizza:

  • Masa de pizza 
  • Puré de cabaza 
  • Chistorra        
  • Champiñóns 
  • Cebola 

martes, 3 de xaneiro de 2023

Roscón "Pink Velvet"

Feliz 2023, bolboreteirxs! Esperamos que este ano veña cargado de moita felicidade e que todos os vosos desexos se cumpran 🥰❣️ Nós esperamos seguir acompañándovos un ano máis e que as nosas receitas vos gusten e as poñades en práctica 😉.
Primeira receita do ano e, como non podía ser doutra forma, traémosvos unha nova versión do Roscón de Reis 👑. Xa sabedes que tedes a versión clásica, unha das máis lida do noso blogue, e a versión chocolateada.  A torta "Red Velvet" é unha das nosas favoritas e cando lle vimos a Alma Obregón a receita deste delicioso Roscón non dubidamos en poñela en práctica. Veña! Tomade nota, que aínda nos dá tempo de facelo para a noite do 5 ou o almorzo do 6. 



Roscón "Pink Velvet"



Ingredientes:

  • 415 g de fariña de forza
  • 160 ml de leite
  • 90 g de azucre 
  • 60 g de manteiga
  • 7 g de lévedo seco de panadaría      
  • 2 ovos
  • 3 culleradas de esencia de vainilla
  • 1 cullerada de cacao puro

luns, 20 de setembro de 2021

Berenxenas á parmesana

Boa tarde, bolboreteir@s. Como estades? Xa vedes que nós seguimos ofrecendo pratos saudábeis e ben apetitosos con verduras diversas como protagonistas. Desta volta tocoulle á berenxena. Tiñamos unhas poucas na casa e pensamos en facer unha receita clásica, as berenxenas recheas mais non nos apetecía moito desa maneira así que elaboramos algo máis lixeiro e cheo de sabor.

Aquí xa sabemos que este tipo de combinacións adoitan ser exitosas e máis cun queixo coma o parmesano. Imos ver os pasos para culminar con éxito esta receita.



Berenxena á parmesana


Ingredientes:

  • 800 g de salsa de tomate
  • 3 berenxenas
  • Mozzarella        
  • Parmesano
  • 1 cebola
  • Alfábega fresca
  • Tomiño
  • Ourego

domingo, 13 de outubro de 2019

Trigo tenro con espinacas e queixo

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Despois da lambetada triunfante do pasado sábado traemos sabor para outra fin de semana, aínda que desta volta cun prato moi moi diferente.
Este ano descubrimos un produto do máis proveitoso tras probalo nun dos nosos restaurantes favoritos da Coruña, o Peculiar. Estamos a falar do trigo tenro, unha alternativa ao arroz con múltiplos beneficios alimenticios e sobre todo para as nosas papilas gustativas. 
Ofrece unha textura moi especial e combina que dá gusto con moi diferentes verduras. Neste caso optamos polas espinacas, ben lixeiras e tamén moi recorrentes na nosa cociña. Ollade que delicia! Iso si, ides ver na cremosidade do prato que o queixo tamén ten moito que dicir :-)



Trigo tenro con espinacas e queixo



Ingredientes:

  • 600 ml de caldo de verduras
  • 250 g de trigo tenro
  • 250 g de espinacas
  • 250 g de queixo
  • 2 tomates
  • 1 cebola

martes, 6 de agosto de 2019

Torta de pexegos e chocolate

Boas, bolboreteir@s!!! Como vai todo? Hoxe traemos unha oda ás receitas doces e unha perdición para as persoas máis lambonas. Esta fin de semana aproveitamos que David estaba de aniversario e que eran as festas do barrio en Cantarrana (Viveiro) para prepararmos unha sobremesa ambiciosa. O de ambiciosa é porque tiñamos ganas de algo moi doce, non pola dificultade.
Ben, pois vistes que no último día publicamos a receita da marmelada de pexegos e non era casual. Andamos con antollo deles e queriamos unha torta na que foran elemento clave. E así foi.
A verdade é que non recordamos ter probado esta combinación de pexegos e chocolate antes mais tamén por iso tiñamos grandes expectativas. E vaites se se cumpriron.
De igual modo que gustamos moito doutras mesturas choco-froita, namoramos desta xa que o pexego dá o frescor necesario nunha lambetada ben intensa por mor do chocolate. Babexamos só de matinar en degustala de novo, aí vai.



Torta de pexegos e chocolate


Ingredientes:

Para a base:
  • 440 g de fariña
  • 250 g de manteiga
  • 150 g de azucre
  • 40 g de cacao puro en po
  • 2 ovos

sábado, 3 de agosto de 2019

Marmelada de pexegos

Bo día, bolboreteir@s! Imos comezar agosto de maneira moi doce, cunha marmelada. Esta lambetada é das máis fáciles de facer do mundo e só ten a necesidade dunha boa froita.
Dous aspectos lingüísticos antes de comezar. Por un lado está a denominación. Marmelada ten bastante de equívoco en si pois realmente a marmelada debería ser só aquela de marmelo, a froita semellante en cor e forma ao limón. Mais a verdade é que se foi estendendo o nome para o doce de calquera das froitas. Así pois, podemos optar por marmelada ou por doce de pexegos.
Por outro lado, unha das nosas palabras favoritas (e tamén das nosas froitas): pexego. Catro variantes sen apenas modificacións: pexegos, péxegos, pesegos, pésegos... Cal é a vosa? Nós chegamos a un punto que xa non sabemos cal é a que viñamos utilizando... Son xa influencias de diferentes casas entón... haha.
Imos adozarnos entón: 



Marmelada de pexegos



Ingredientes:


  • 800 g de pexegos
  • 300 g de azucre moreno
  • 2 culleradas de vainilla

sábado, 27 de xullo de 2019

Albóndegas de cabaciña

Bo día, bolboreteir@s! Pasado xa o Día Nacional da Galiza e aproveitando que polo norte non temos unhas xornadas moi apatecíbeis para pasear puxémonos a argallar na cociña, botando man dunha das nosas verduras favoritas, a cabaciña. Desta volta non houbo que imaxinar. Pensamos nun dos produtos por excelencia de inmensas culturas gastronómicas, como son as albóndegas, e démoslle o protagonismo ao verde.
Tiñamos ademais unha salsa marinara no blogue esperando por un bo produto e vaia, este cumpriu ao grande!
Prácennos moito este tipo de receitas agora que se achega o peque porque cumpren co obxectivo de achegar unha alimentación equilibrada dando entrada a moi diferentes verduras. Pensemos que aquí optamos por cabaciña mais podiamos botar man practicamente de calquera. Velaquí está:



Albóndegas de cabaciña


Ingredientes:

  • 2 cabaciñas grandes
  • 300 g de espinacas
  • 1/2 taza de queixo ricotta
  • 6-7 noces
  • 2 cullerada de allo en po
  • 1 cullerada de cebola en po
  • 1 cullerada de ourego 

sábado, 28 de abril de 2018

Verduras á crema

Bo día, as receitas non paran e nós seguimos argallando en novas ideas como a que hoxe vos presentamos.
Esta semana, con motivo do Sant Jordi, chegounos un novo libro de Isasaweis, unha das nosas autoras favoritas e dando unha primeira ollada xa chegamos a unha das súas marabillas que nos serviu para nos inspirar e crear esta delicia que hoxe vos traemos a Bolboretas no bandullo. 
Unha vez máis damos todo o protagonismo ás verduras, destacándomos as espinacas, polo que nos aseguramos un prato ben apetecíbel. Cremos que xa vos dixemos unhas cantas veces o que nos fan perder a cabeza esta tipo de verduras.
Ides ver que achegamos algunha proteína a través dos champiñóns para facermos máis completa a receita. Desta forma imos ter as ceas máis saborosas! A por ela!



Verduras á crema


Ingredientes:


  • 400- 500 g de espinacas
  • 250- 300 ml de leite evaporado
  • 4-5 champiñóns grandes
  • 3-4 culleradas de améndoas
  • 2 queixiños
  • 1 cebola
  • 1 dente de allo
  • 2 culleradas de aceite

martes, 20 de febreiro de 2018

Bolboreteando con... Rosalía Fernández Rial

A poesía é o gran milagre do mundo dicía Lois Pimentel, por iso nós recurrimos a ela sempre que podemos, e así hoxe ficamos encantadísimos de ter en Bolboretas no bandullo a unha das mellores creadoras poéticas (e non só) con que conta a nosa literatura nos últimos anos, Rosalía Fernández Rial. E sobre todo unha persoa marabillosa da que temos moito por aprender como ides comprobar neste Bolboreteando.
Tivemos a sorte de a coñecer en persoa hai ano e medio, xa que tamén participou no LGX15 cunha exposición do máis interesante (“O galego, lingua ártica”), e desde aquela vimos seguindo aínda con máis apego a súa traxectoria. Contámosvos algo antes de a lermos.
Rosalía Fernández Rial nace en 1988 ubicándose a súa infancia entre Carballo e Muxia, vilas ás que aínda hoxe segue profundamente ligada. Con gran interese pola palabra, as letras e a arte desde pequena, e representada por un nome ben simbólico, Rosalía licenciouse en Filoloxía pola USC realizando diversos traballos de investigación ligados ao teatro dirixindo despois a súa formación cara á didáctica e a expresión dramática chegando a doutorarse.

martes, 7 de novembro de 2017

Salsa tahini

Como vai o inicio de semana, bolboreteir@s? Agardamos que moi ben. Para vos dar máis forza e tamén apetito contamos cunha nova receita que talvez moit@s descoñezades mais que veredes as posiblidades que ofrece, especialmente dentro do veganismo.
A salsa tahini é moi utilizada nos países árabes e nos últimos anos estase introducindo tamén en territorios europeos, especialmente para a elaboración do hummus. Con todo, ten moita rendibilidade en receitas como o baba ganush ou o halva e mesmo para degustar de forma directa con pan ou bolachas salgadas.
Sendo sinceros, non tiñamos pensado preparala xa que a iamos mercar, mais vendo as dificultades para a encontrar decidimos probar sorte. E saíu ben. Ollade:



Salsa tahini



Ingredientes:

  • 4 culleradas de sésamo torrado
  • 8 culleradas de aceite de oliva
  • 2 culleradas de auga (opcional)

sábado, 21 de outubro de 2017

Mexillóns en salsa

Bo día, bolboreteir@s. Retornamos despois duns día sen moita actividade xa que non estaba o país para moita festa despois dos días nefastos que vivimos, especialmente polo sur.
Sexa como for, a vida sigue e para iso o gastronómico tórnase vital, sexa con máis ou menos virtuosismo. Desta volta preparamos unha receita que non era nova para nós aínda que nunca a preparáramos nós até o momento. Leva anos instalada na nosa casa, especialmente para festexos, ben sexa para mexillóns, ameixas ou berberecheos. Porén, nunca tiveramos que pornos nós con ela e esta semana pasada que estivemos de festa polo Ventorrillo decidimos que era a hora.
Nós somos moi deste molusco porque recolle todo o sabor do mar galego e ademais presenta uns prezos máis accesíbeis ca outros. De todas formas, hai mexillóns e mexillóns e a nós os de Lorbé, por exemplo, vólvennos tolos.
Agardamos que a vós se vos faga auga tamén a boca...



Mexillóns en salsa


Ingredientes:

  • 2 kg de mexillóns
  • 2 tomates grandes
  • 1 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 chile
  • 1 folla de loureiro
  • 1 cullerada de fariña
  • Pementa moída
  • Sal
  • 1 vaso de viño

martes, 19 de setembro de 2017

Bolboreteando con... Antonio Reigosa

Xa volvemos do verán hai unhas semanas mais a tempada de sorpresas comeza oficialmente hoxe coa renovación da nosa sección favorita, o Bolboreteando. E facémolo con alguen ben prezado para nós, que admiramos xa desde tempos da adolescencia en que faciamos as primeiras lecturas míticas e lendarias e que coñecemos hai un ano pola Mariña, terra que compartimos. Falamos de Antonio Reigosa. Sempre nos apaixonou o descoñecido das lendas, a tradición residente na memoria d@s nos@s maiores e a verdade é que cada un dos traballos de Reigosa teñen esa maxia que rodea a literatura popular e que acaba por nos conquistar. E Antonio tamén nos conquistou, claro, desde o primeiro momento.
Foto tomada de blog.xerais.gal
Antonio Reigosa naceu en día grande, o 15 de agosto do 58, en Zoñan (Mondoñedo). As súas experiencias infantís na zona xa o aproximan a unha fantasía popular lúdica, descubertas e imaxinación, que o acompañaría toda a vida. Precisamente do seu Mondoñedo benquerido sería nomeado o pasado 2015 Cronista Oficial.
Traballa no Departamento de Comunicación da Rede Museística da Deputación de Lugo desde comezos dos 80 e ademais leva durante todos eses anos impartindo conferencias, investigando e escribindo arredor da mitoloxía e literatura oral galega colaborando en diferentes medios e revistas especializadas. É creador dun dos espazos clásicos da rede dixital galega (desde 2005), "Galicia Encantada. Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia" en que podemos navegar horas e horas procurando entre a maxia de cada unha das parroquias do noso país.

martes, 23 de maio de 2017

Bolboreteando con... Rubén Lino, de Poetarras

Bo día, bolboreteir@s!! Como vai todo nestes días que nos fan intuír a chegada do verán? Supoñemos que ben e con ganas de vacacións @s que aínda non as collestes.
Por aquí andamos moi content@s xa que os días de "Bolboreteando con" son sempre moi especiais e máis aínda cando o preparamos con persoas tan simpáticas e amábeis como quen hoxe vos traemos por aquí. A idea primeira era presentarvos unha conversa co conxunto de Poetarras aínda que por cuestións de tempo, ocupación e pola dificultade de realizar a entrevista en diferentes vías ao ser varias persoas, acabou Rubén Lino por representar os seus compañeiros.
Poetarras son xa unha referencia musical e cultural na Galiza por romper cos moldes musicais, por ir un paso máis alá e por combinar humor, crítica, festa, música... Poetarras non é unicamente cancións senón que hai un traballo co audivisual ben relevante a través de "sketches" con reflexións diversas. Creado en 2013 e integrado por Rubén Lino, Manuel Gago, Pablo Lamosa e Daniel Vilaverde, deixan temas xa coñecidos por moit@s como FeijóoLady DiEu (non) son, pero...AnllónsChove en Galiza ou unha das nosas preferidas Hasta la diglosia siempre. Difícil dardes un paseo rápido pola súa canle de Youtube pois xa sabedes, a risa... engancha!

martes, 4 de abril de 2017

Ensalada de atún, pataca e aguacate

Como levades o inicio de abril, bolboreteir@s? Nós encantados pois parece que agora si quega a primavera. Ademais, para máis felicidade onte xa superamos os 2000 seguidores/as en Facebook polo que vos temos que dar unha vez máis un millón de grazas!
Ben, pois esta subida de temperaturas para nós significa a consolidación da época de ensaladas. Si, nós comemos ensaladas todo o ano, mais así con caloriña apetecen moito máis e aperecen nos nosos menús día si, día tamén.
Temos algunha de referencia mais gustamos de probar outras novas, tal e como fixemos coa que aquí hoxe presentamos. Partimos da base de atún, ovo e pataca, un clásico na nosa casa, e fixemos uns retoques para lle dar maior complitude e sabor. Logramos deste modo un prato ben apetitoso, fresco e que non nos deixará con fame. Chegou pois, a hora das ensaladas!



Ensalada de atún, pataca e aguacate



Ingredientes:


  • 1 pataca cocida
  • 1ovo cocido
  • 1 aguacate
  • 1 lata de atún
  • 1 tomate
  • 1/2 cebola
  • 1-2 culleradas de millo doce
  • Leituga ao gusto
  • Maionesa caseira

martes, 28 de marzo de 2017

Croissant á moda de Porto (Brioche)

Bo martes, amiguiñ@s! Como levades este comezo primaveral mais frío que o propio inverno? Estabamos pensando en traervos unha ensalada mais parece que de momento aínda non apetecen tanto, non?
Así pois presentámosvos unha receita acabada de saír do forno. De feito, acabamos de almorzar con eles e que dozura para comezar o día, perfecto! Falabamos hai unhas semanas da nosa viaxe ao Norte de Portugal onde alén do bacallau, francesinha, café e demais, sobresaíu para nós un produto, os croissants. De feito, probámolos en diferentes confeitarías e son impresionantes. Nada teñen que ver cos que aquí se preparan. A masa difire da do follado típico, sendo máis ben tipo brioche e por tanto, máis substanciosos. Había con mil e un recheos, mais nós optamos por papalos mesmo sós. Ben, excepto un, que tiña que ser con chocolate, como non.
De feito, parece ser que Porto é o lugar do mundo que máis croissants vende, incluso máis que París. Por algo será!
Sexa como for, prometímonos pór en práctica esta lambetada na casa e unhas semanas despois aquí estamos desfrutando dela. Como a Porto non imos ir todos os meses, había que procurar unha solución.
Era a primeira volta que preparabamos croissants, así que ficamos encantados co resultado, que ademais recorda moito aos portuenses. Imos con eles? Aí os tedes!


Croissant á moda de Porto (Brioche)


Ingredientes:


  • 350 g de fariña de trigo
  • 150 g de fariña de forza
  • 200 ml de leite
  • 85 g de azucre
  • 40 g de manteiga
  • 12 g de lévedo de panadeiro
  • 2 culleradas de aceite
  • 2 ovos 
  • Un chisco de sal

sábado, 7 de xaneiro de 2017

Cremas de ovo chocolateiras

De baixón porque van acabando as vacacións? Ou liberados porque poderedes recuperar hábitos alimenticios despois das enchentas destas semanas? Un pouco de todo, non? Ben, pois nós imos pechar ciclo de larpeiradas por esta vez antes de presentarmos un conxunto de receitas saudábeis para compensar en días vindeiros.
Con todo, a de hoxe é unha sobremesa doce moi lixeira a pesar do chocolate pois servimos en pequenas cantidades e ademais a cantidade de chocolate non é demasiado grande, só o suficiente para que a crema de ovo modifique o sabor.
A verdade é que xa hai tempo que preparamos e estaban gardadas para ver a luz, considerándomos este o momento ideal para a transición do exceso destas xornadas.
Ademais, así adozamos este sábado de espera pois xa sabedes... mañá chega o gran día, Bolboretas no bandullo chega a Youtube cunha receita de esencia galega e moi moi orixinal. Estamos desexando ver que vos parece a nosa canle e a videorreceita. Mentres tanto, aquí tedes unha saborosa lectura :-) 


Cremas de ovo chocolateiras



Ingredientes (para 6-8 cremas):

  • 500 l de leite
  • 150 g de azucre
  • 125 g de chocolate
  • 3 xemas

sábado, 22 de outubro de 2016

Terroríficas madalenas de castaña con crema de cabaza

Aí vén, aí chega, aproxímase o Samaín. Xa sabedes, pola conquista dos escaparates, da tendencia destas semanas: medo, cabazas, laranxa, caveiras... Ben pois nós sumámonos pondo como base dous produtos de tempada: as castañas e as recorrentes cabazas, aínda que no noso caso tirando proveito alimenticio.
Ano tras ano procuramos aproveitar as castañas dos soutos galegos para crearmos receitas orixinais como luriñas e castañas en mollo de millocanas de crema de castañas ou croquetas de castañas.  E como xa ía tempo que non preparabamos madalenas pois... era a solución perfecta. E coa cabaza, ademais de lle ofrecer un contraste canto ao sabor, tamén lle pomos algo de cor.
Xa podedes imaxinar que a caracterización terrorífica non é canto ao padal senón para os ollos con esa ornamentación doce con presenza de diferentes bechos de goma. Canto a decoración seguro xa tedes mil e unha ideas coas que lograr pratos espectaculares mais recomendámosvos especialmente que teñades en conta esta combinación para as madalenas pois resulta moi sorprendente. Nós gustamos especialmente do corpo mais a cobertura havos de agradar moito tamén. Ollade a idea:

Terroríficas madalenas de castaña con crema de cabaza


Ingredientes:


Para as madalenas:
  • 200 g de castañas cocidas
  • 150 g de fariña 
  • 150 g de azucre
  • 150 g de manteiga
  • 3 claras de ovo
  • 1 xema de ovo
  • 1 cullerada de ron
  • 1 culleriña de lévedo en po

sábado, 1 de outubro de 2016

O Ratatouille de Escarlatina, a cociñeira defunta

Moitos de vós xa coñeceredes a famosa Escarlatina pois chegou á nosa literatura infanto-xuvenil para quedar eternamente, aínda desde o mundo dos mortos. Quen é entón esta pícara? Pois a personaxe creada por Ledicia Costas en 2014, que dá lugar á novela "Escarlatina, a cociñeira defunta", peza marabillosa que recomendamos encarecidamente a tod@s @s amantes da lectura, non só aos peques. O libro supón unha viaxe á infancia e á fantasía que esta etapa caracteriza da man de Román, un pequeno que adora a cociña e cuxo agasallo de aniversario é unha nena do Alén Mundo, que só o poderá acompañar unhas horas e que chega para acompañalo nunha viaxe polo Alén, no que se encontra con personaxes incríbeis e do que será máis difícil regresar do que podía parecer.
Non chega só coas nosas boas palabras, "Escarlatina, a cociñeira defunta" levou a que Ledicia Costas fose recoñecida co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015, que vén a demostrar todas as posibilidades da nosa literatura.
Ben, e por que chega a Bolboretas no bandullo unha receita deste libro? Porque ademais de nos namorar, non resulta común encontrar novelas que fusionen literatura e gastronomía como aquí fai Ledicia. A final de cada capítulo, inclúese unha receita do recetario de Román, o que conforma un álbum gastronómico ben interesante. Mais, o relato ten presente en todo momento a paixón duns personaxes pola cociña e reflicte á perfección a maxia do momento de elaboración de certos pratos. Aínda que ben é certo que aquí nos encontramos pratos... ben estraños, nauseabundos, mais claro esta era comida de defuntos, haha: "Albóndegas de cerebro de morcego con xarope de bile", "Sopa de ollos birollos con crías de víbora" ou "Filete de cu de avestruz empanado con crocante de cascuda e regado con mexo de burra". Alucinante, non?
Por todo isto, decidimos dedicar unha semana a "Escarlatina, a cociñeira defunta", á súa precuela, "Esmeraldina, a pequena defunta" e como non, á autora, Ledicia Costas. Hoxe comezamos este menú saboroso-terrorífico cun ratatouille que pode asustar. 
De feito, ollade como prepara o ratatouille Escarlatina:

[...]
- Bos días! - dixen bastante animado.
- Que tal durmiches, Román?
- Moi ben. O teu ataúde non é tan terríble como parece. Que é iso que estás cociñando?
- Ratatouille ao meu xeito.
Achegueime á pota na que a cociñeira tiña todo mesturado e observei o seu contido ao tempo que inspiraba profundamente polo nariz. Aquilo alcatreaba e tiña pinta de todo agás de ratatouille.
-Puag! Pero a que cheira isto, Escarlatina?
Por toda resposta, colleu coas dúas mans un bote grande de cristal rotulado cunha etiqueta onde poñía: RATA, púxomo diante dos ollos e tiven que esforzarme para non cuspirlle dento de puro noxo. Dentro do recipiente había rabos, patas e fociños de rata.
- Pero que é isto? Isto non é ratatouille, isto é rata!
Ela sorriu, divertida.
Así é como fago eu a ratatouille. Con rata cociñada no seu propio prebe.
[...]

Tranquil@s. Nós imos preparar o ratatouille máis parecido ao gusto de Román, que a fin de contas é dos viv@s, coma nós.

Ratatouille


Ingredientes: 

  • 1 berenxena grande
  • 1 cabaciña grande
  • 2-3 tomates
  • 1 pemento
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo