Bo día, bolboreteirxs! Aquí estamos un día máis cunha nova receita outonal, cuxa protagonista é a cabaza. Esta é unha nova versión da pizza, xa que en lugar de facer unha blanca ou con salsa de tomate, imos usar a cabaza, o que lle dará un toque diferente, e moi especial á nosa pizza. Para o resto dos ingredientes nós facémosvos esta proposta, que triunfou na nosa casa, mais xa sabedes que hai que xogar cos produtos e os nosos gustos.
Pizza outonal
Ingredientes:
Para a pizza:
Para o puré de cabaza:
- 400 g de cabaza
- 2-3 dentes de allo
- Tomiño
- Pementa moída
- Sal
- Aceite
Utensilios: unha cunca, unha fritideira de aire (forno ou pota), unha táboa e un coitelo, unha bandexa apta para o forno e papel vexetal.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de facer a masa da pizza, a que máis vos guste. En Bolboretas no bandullo tedes varias opcións para todos os gustos. Nós, desta volta, fixémola con fariña integral. Reservamos.
De seguir, facemos a crema de cabaza. Para iso, cortamos a cabaza en anacos pequenos, engadímoslle os dentes de allo (enteiros), o tomiño, a pementa moída, o sal e o aceite.
Nós cociñámola na fritideira de aire a 205º durante 18 minutos, mais podédela facer no forno ou incluso ao vapor.
Triturámola moi ben co batedor eléctrico.
E chegou a hora de montar a nosa pizza! Despois de estirarmos a masa do tamaño que necesitemos, estendemos unha capa da nosa cabaza.
A continuación, agregamos o queixo de cabra.
A chistorra.
Os champis.
A cebola.
E rematamos con queixo relado.
Enfornamos a 250-260º, calor arriba e abaixo ou función pizza, durante 12-15 minutos.
E xa teríamos lista a nosa comida!
Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica.
Unha pizza orixinal e diferente ao que estamos afeitxs normalmente. O toque doce da cabaza combina á perfección co sabor da chistorra e o queixo de cabra. Como vedes, é un prato moi sinxelo para aproveitarmos os produtos de tempada, e atrevérmonos a introducir a cabaza nas nosas receitas. Así que aquí vos deixamos unha nova idea para facerdes estes días de choiva.
Aperta forte, bolboreteirxs!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario