Amosando publicacións coa etiqueta Comida rápida. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Comida rápida. Amosar todas as publicacións

martes, 30 de marzo de 2021

Kebab da casa

Supoñemos que esta receita vai chamar a atención de moita xente e máis nestes tempos en que un kebab se converteu nun símbolo pasado de tempos festivos e de recuperacións nocturnas. A cea máis tardía tras troula ou o almorzo de máis adiantado? Sexa o que for, o kebab xa está instaurado na nosa gastronomía rutinaria de rúa desde hai arredor dunha década. Non hai vila sen o seu restaurante turco nin festa sen o parrandeiro que acuda ao kebab na procura da solución a todos os seus meigallos alcólicos. 

Aínda que aquí o asociamos, como escribimos, a restaurantes turcos, este alimento é un dos mellores representantes da gastronomía de Oriente Medio. Alí teñen moitas variantes aínda que o nacemento provén da carne espetada.

Iso si, a súa expansión por Europa vén da man do éxodo de turcos a Alemaña a mediados do século XX e hoxe en día hai máis postos de keban en Berlín que en Estabul, por exemplo, aínda que iso como sabemos, depende da comercialización e do éxito en moitas ocasións do foráneo. Reino Unido tamén é un clásico neste tipo de locais. E como mencionabamos ao principio, en Galiza veñen sendo moi habituais desde hai arredor de dez anos ganando un oco nos clásicos da comida rápida e tamén económica, algo que ao noso ver, fai que teña tamén a popularidade que ten. Aquí unha receita caseira, salvando obviamente as distancias co orixinal. 



Kebab da casa


Ingredientes:

Para a carne:
  • 2 filetes de tenreira (grandes)
  • 1 culleriña de ourego
  • 1 culleriña de alfábega
  • 1/2 culleriña de pemento doce
  • 1/2 culleriña de comiño           
  • 1/2 culleriña de canela
  • Pementa moída
  • Sal

martes, 20 de xuño de 2017

Mesto de bisté

Bo día, bolboreteir@s! Continuamos coa tendencia das últimas semanas con pratos de comida rápida e reparamos que até o momento non había un bocadillo no blogue. Mimá! Menús de todo tipo e con alimentos varios e faltaba un clásico da nosa alimentación.
E víndonos á idea á mente pensamos naqueles bistés da matanza que tan ben sabían e que comiamos con nada máis que pan. E aínda que non contamos con materia prima de tanta calidade desta volta, decidimos retomar a idea dándolle unha volta e facendo un conxunto ben apetitoso. Ben mesto, ben substancioso. Un bocadillo con todas as letras e moi diversos sabores que casan con moito xeito.



Mesto de bisté


Ingredientes (para 2 persoas):

  • 2 anacos de pan
  • 2 filetes porco/tenreira
  • 2 follas de leituga
  • 1 aguacate
  • Uns anacos de queixo
  • 2-3 culleradas de mostaza
  • Pementa moída
  • Allo en po

sábado, 9 de xullo de 2016

Quesadillas de pavo e champiñóns

Que contentos estamos agora que apareceu o sol polo norte e despois de descubrir un prato que temos segurísimo que se fará moi recorrente na nosa casa. Tiñamos ouvido falar das quesadillas e cremos que tamén probado nalgunha vez mais non debeu ser un grande éxito posto que non o lembramos.
Mais procurando nas orixes e variantes desta receita comprobamos que tiña toda a pinta de nos saber moi ben. Ademais, ofrécenos a posibilidade de utilizar produtos dos que tod@s temos na casa e xa sabedes que iso para nós é moi importante. Coñecemos a xente e na cociña diaria valórase moitísimo a accesibilidade.
Ben, pois a palabra quesadilla móstrase claramente española, con esa terminación "delatora" que neste caso non conleva o valor diminutivo. Con todo, é un alimento asociado especialmente ás terras mexicanas, onde o degustan con frecuencia con mil e unha variantes sendo sempre imprescindíbel o queixo, claro.
Con este prato demóstrase tamén que non toda a gastronomía mexicana se define polo picante aínda que nada impide utilizarmos algún mollo que nos traia os colores á cara. Ollade, ollade!

Quesadillas de pavo e champiñóns


Ingredientes (para cada quesadilla):

  • 2 tortillas de trigo/millo
  • 3 lascas de pavo
  • 1 champiñón
  • Queixo relado ao gusto

martes, 1 de marzo de 2016

Pizzas rápidas

Bo día, bolboreteir@s! Hoxe erguémonos con novas de Bolboretas no bandullo xa que algo falan na prensa de nós e dos nosos seguidores e seguidoras. Aí tedes o artigo Voz de Galicia que nos fai moitísima ilusión.
E a todo isto, nós seguimos con diferentes receitas que nos permitan saír de calquera apuro ou facer unha sabororísima cea en pouco tempo naquelas xornadas en que máis cans@s estamos. Non imos cambiar a pizza tradicional por nada do mundo, sobre todo porque é un dos nosos manxares de referencia, mais si é certo que precisa o seu tempo entre o lévedo da masa, a cocción e demais. Por iso, traémosvos unha solución máis apurada e de bo rendemento. Tres diferentes opcións de pizzas en que a base consiste nas tortillas mexicanas con que adoitamos facer as "fajitas" ou "burritos". Aínda que temos a receita das propias tortillas aquí, como consiste nunha receita rápida, xa aproveitamos as mercadas integrais.
Nós o que fixemos, foi probar diferentes combinacións para ver cal ficaba mellor. As tres encantáronnos. aínda que hai unha vencedora. Ollade para ver cal é a nosa preferida! 

Pizzas rápidas


Ingredientes:

Para a 1ª opción: de mexillóns
  • 1 tortilla mexicana
  • 3-4 culleradas de salsa de tomate
  • Un chisco de ourego
  • 1/2 bola de mozzarella
  • 1 lata de mexillóns
  • 7-8 olivas 
Para a 2ª opción: de queixo
  • 1 tortilla mexicana
  • 3-4 culleradas de salsa de tomate

martes, 18 de agosto de 2015

Biscoito rápido e saudábel de plátano e chocolate

Martes especial para unha nova receita. Especial aquí en Viveiro porque estamos de pos-San Roque e de pre-Naseiro. E por iso, aproveitamos para coller unhas pequenas vacacións. Así pois, esta será a última receita que presentemos até o sábado 29 de agosto, o que non significa que non sigamos a recordar a través das redes sociais algunha dos nosos mellores pratos. Mais nestes 5-6 días de festa, pouco tempo vai quedar para cociñar, e menos para vos escribir como corresponde as receitas. Estaremos a tope co Naseiro, a Romaxe do bo xantar desde venres (Día do polbo) até martes, cinco días de moita troula. E non hai troula galega en que non falte a boa comida :-)
Mais entretanto, cómpre desfrutarmos desta última larpeirada, saudábel e perfecta para @s máis impacientes, xa que non habedes de tardar nada en ver o froito do voso traballo. Arredor de cinco-dez minutos entre amasado e cocción. E ademais, vedes como se poden degustar lambonadas sen excesos de azucre. Ollade ;-)

Biscoito rápido e saudábel de plátano e chocolate


Ingredientes:
  • 2 claras de ovo
  • 1 plátano
  • 2 culleradas e media de flocos de avea
  • 1 cullerada de cacao puro 0%
  • 1 cullerada de vainilla

martes, 11 de agosto de 2015

Croquetas de brócoli e cenoria

Seguimos de verán aínda que o ceo, canto menos na Mariña Luguesa, nos queira dicir o contrario. E nós seguimos coas nosas receitas para que teñades o día un pouco máis entretido. E hoxe imos cunha outra versión dun clásico, mais un recurso dos máis aproveitábeis na cociña, as croquetas. Desta volta optamos por facelas a partir de verduras, deixando a carne a un lado, e como sempre, ficaron ben saborosas.
Nós sempre dicimos que as croquetas son unha das mellores opcións para @s peques, xa que grazas a elas poden degustar alimentos que talvez doutro xeito xamais comerían. Sobre todo para aqueles que adoitan comer moi pouca verdura.
E ademais, que as croquetas sempre se realizan con pouco traballo e moita sinxeleza e mesmo eles e elas nos poden axudar. E de seguro que así aínda lles saben mellor. Que cando un/unha se sinte partícipe do traballo, xa se sabe... haha

Croquetas de brócoli e cenoria


Ingredientes:
  • 1/2 brócoli
  • 1 cenoria
  • 1/2 cebola
  • 1 dente de allo
  • 80 gr de fariña
  • 700 ml de leite
  • Aceite

sábado, 11 de xullo de 2015

Gaspacho de melón con xamón

Despois do éxito do último artigo, en que superamos récords de lecturas coa presenza de Leandro Lamas e das súas Verduras á prancha con guacamole, voltamos cunha das nosas receitas para este verán. E o gaspacho xa é un clásico de terras de moito calor, aínda que se asocia principalmente a Andalucía.
Con todo, queriamos darlle unha volta a este prato para o facer un pouco máis completo e entrou en xogo un outro produto estival por excelencia, o melón, que ao mesmo tempo se asocia á perfección co xamón. Deste xeito procuramos integrar estes elementos nun prato fresquísimo, cun sabor ben curioso e un pouco máis substancioso.
Cómpre ser sinceros, non tiñamos claro como ía quedar, ao arriscar na combinación. Porén, gustounos moito e parécenos unha idea moi apetecíbel para esas xornadas de moita calor en que necesitamos hidratarnos e tomar produtos frescos.
Aí vos vai esta innovadora versión, que por suposto non ten ningunha complicación máis que picar a froita e verdura.


Gaspacho de melón con xamón


Ingredientes:

  • 1/2 melón
  • 2 tomates grande
  • 1 ceboliña
  • 75 gr de xamón 
  • 200 ml de aceite de oliva
  • 1 cullerada de vinagre
  • 1 cullerada de zume de limón

martes, 2 de xuño de 2015

Roliños saudábeis (WRAP)

Parece que así con este soliño nos erguemos con mellor ánimo pois xa apetece que vaian vindo días calorosos para desfrutarmos da praia, do río ou simplemente dun pouco de verde para tomarmos o sol. Mais tamén nos tarda para irmos introducindo certos produtos máis axeitados para o verán na nosa alimentación. Produtos máis lixeiros e sobre todo frescos acordes a días de altas temperaturas.
A receita que traemos hoxe ten como base a verdura e faise ideal para a cea. Nós elaborámolo pensando en traspasarmos a ensalada a un formato máis divertido, nun rolo elaborado a través destas saborosas tortillas mexicanas, moi sinxelas de elaborar tamén na casa. Aínda que non pensamos neles cando estabamos a cociñar, si nos decatamos posteriormente que este formato está tendo moito éxito nalgúns países desde hai tempo, sendo coñecidos como WRAPs. Hai mil e unha forma de os preparar, e nós pensamos que este, no que destaca o frescor da ensalada, lle quedaba realmente ben. A ver que opinades vós.

Roliños saudábeis (WRAP)

Ingredientes (para 4 roliños):
  • 4 tortillas mexicanas (receita aquí)
  • 8-10 cogomelos
  • 8 lascas de pavo (ou xamón curado)
  • 4 follas de leituga
  • 1-2 tomates
  • 1 cebola
  • 1 dente de allo
  • Queixo ao gusto

sábado, 30 de maio de 2015

Pizza vexetal con masa de centeo

Sábado de receita e sempre que traemos unha pizza vimos con maior alegría porque talvez sexa o produto que máis desfrutamos para comer frecuentemente. A de hoxe non é a primeira pizza que vos traemos, mais si é ben diferente debido aos ingredientes, a salsa de tomate, á masa, ao enfornado... Con estas mudanzas logramos unha pizza que para nós é practicamente perfecta e que temos seguro que a tod@s vós vos encantará.
Ben sabedes da nosa adoración pola gastronomía italiana, así que nós xa temos un día á semana de pizza. De tanto facela, case nos consideramos mesmo expertos, haha. Así que non pensedes que esta é unha simple receita de pizza, ten moito de interese e moito do que lle tirarmos proveito para que nos quede unha pizza da casa moi ben feitiña, con esa masa grosa e con algunha que outra sorpresa no interior... Aí vos vai!

Pizza vexetal con masa de centeo

Ingredientes:

Para a masa:
  • 260 gr de fariña de centeo
  • 240 gr de fariña de forza
  • 300-350 ml de auga
  • 10 gr de lévedo de panadaría
  • Unha cullerada de aceite
  • Unha culleriña de coandro

martes, 19 de maio de 2015

Hamburguesa crioula

Aquí estamos de novo cun produto dentro dos catalogados "comida rápida", aínda que convén non asociarmos este tipo de comida a aspectos negativos xa que non ten que ver a súa elaboración caseira coa dalgúns restaurantes fast-food. Que vai ter de malo prepararmos unha hamburguesa na casa sendo a carne unha fonte nutritiva importantísima? Despois si hai outros factores máis calóricos como o pan que venden no supermercado ou as diferentes salsas que empregamos. Así que todo dependerá de como decidamos elaborar a nosa hamburguesa. Nós desta atrevémonos cun novo xeito, ou máis ben, cunha nova carne. 
Como nos encantan moitísimo os crioulos e adoitamos degustalos da forma máis tradicional ou simple (á brasa, con churrasco, na prancha...) queriamos probalos cunha nova receita, e o primeiro que nos veu á cabeza foi a través dunha hamburguesa. Non é nin moito menos un invento noso xa que é unha das grandes marabillas que podedes encontrar nas Galipizzas/Pizzbur, mais procuramos facelas dándolle o noso toque persoal, como a todo, claro :-) 

Hamburguesa crioula

Ingredientes (para 3 hamburguesas):
  • 2 crioulos medianos
  • 1/2 pemento vermello
  • 1/2 cebola
  • 1 dente de allo
  • Pementa moída

martes, 28 de abril de 2015

Cogomelos recheos

Somos tan seguidores dos cogomelos que non ficaremos satisfeitos até que os teñamos probado de todas as formas posíbeis, aínda que isto sexa imposíbel xa que é un produto que ofrece mil e unha posibilidades na cociña. Desta volta tocou reenchelos. Normalmente botamos man deles como complemento dalgunha carne, pasta mais agora queriamos que fosen o elemento principal do noso menú, que ben o merecen :-)
Ademais, gústannos tanto que xa estamos matinando a idea de introducirnos no mundo da micoloxía para aprender a collermos os diferentes fungos comestíbeis que nos ofrece a natureza. Polo sabor destas xoias e tamén por herdanza dunha afección que realizaba meu pai con moita satisfacción. Xa nos daredes consellos cando comecemos :-) Mentres tanto, aquí queda unha outra forma de os degustar.

Cogomelos recheos



Ingredientes:
  • 10 cogomelos
  • 5-6 lascas de touciño entre de pavo
  • 1 cebola pequena
  • 3-4 cullaradas de salsa de tomate
  • Queixo Relado
  • Ourego

martes, 3 de febreiro de 2015

Francesinhas

Parece mentira que até o de agora non tivéramos elaborado ningún prato típico de Portugal, co que nos adoramos a gastronomía lusa! Ás veces non somos conscientes das posibilidades que nos ofrece o noso idioma para acceder á cultura lusófona, e neste caso no tocante ás receitas. Se gostades da gastronomía portuguesa ou brasileira (tamén caboverdiana, angolana, mozambicana...) tedes moi sinxelo coñecerdes os seus pratos botando un ollo pola rede. E sen necesidade de tradutor ningún. Vantaxes de sermos galeg@s e termos un idioma internacional ;-)
Deste xeito, puxémonos a procurar algo ben típico do país do sur (que non fose bacallau, xa que non nos entra polo ollo) e lembrámonos de que na cidade de Porto é moi moi coñecido un estilo de sándwich chamado francesinha, recheo de diferentes embutidos e cun mollo ben gorentoso. Iso si, existen mil e unha variantes dela. 
Non é un alimento de moito tempo atrás xa que parece que foi inventada na década dos 60 por un emigrante retornado de Francia, que decidiu adaptar un snack francés aos ingredientes e gastronomía portuguesa. E o resultado, pois todo un éxito. Tedes aquí a interesante orixe deste prato por se quixerdes saber algo máis del :-)
O ideal é viaxar a Porto para degustar o verdadeiro, cos produtos máis típicos da zona, mais entanto non chega o momento, temos que nos conformar con facelo na casa e cos produtos galegos.


Francesinhas

Ingredientes:

Para o sándwich (por unidade):
  • 3 rebanadas de pan de molde
  • 6 lascas de chourizo
  • 3 lascas de queixo
  • 2 salchichas frescas
  • 2 lascas de lombo adobado
  • 1 lasca de xamón 
  • 6-8 follas de espinacas 

Para o mollo (para 3 ou 4 unidades): 
  • 400 gr de salsa de tomate caseira (ou tomate triturado)
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo 
  • 1/2 pemento verde picante (ou normal)
  • 1 cullerada de fariña de millo

martes, 4 de novembro de 2014

"Burritos" mexicanos da casa

Levamos unha tempada do máis mexicanos. En calquera momento poñémonos a cociñar co poncho e cantando rancheiras, haha. Como os produtos do país azteca están bastante de moda e se comercializan moi ben, queremos mostrar como podemos elaboralos tamén na casa sen perder o sabor tradicional.
Despois das fajitas, atrevímonos cuns burritos. Despois de probar exitosamente coa elaboración das tortillas, ficábanos o sazonador para lograr que estes burritos fosen totalmente caseiros. E así foi. Cunha sinxela mestura de especias conseguimos o toque tan característico deste prato.
O nome é do máis curioso, aínda que non está moi clara a súa orixe. A teoría máis arriscada defende que a denominación deriva do parecido da tortilla envolta coa orella dos coñecidos animais de dito nome. Moito supoñer, creo eu, haha. O que si, identifícase como un termo da zona de Guanajuato, que despois se estendeu a todo México e a todo o mundo. De México para Galiza!

Burritos mexicanos da casa

Ingredientes (para dúas persoas):
  • 2 tortillas mexicanas (receita aquí)
  • 200 gr de carne picada 
  • 1/2 vaso de auga
  • Leituga picada
  • Queixo relado ao gusto
  • 1 dente de allo
  • Perexil
  • 2 culleradas de aceite
  • Sazonador:
    • 2 culleradas de allo en po
    • 2 culleradas de comiño
    • 1 cullerada de pemento picante
    • 1 cullerada de pemento doce

martes, 14 de xaneiro de 2014

Hot Dog venezolano

A receita de hoxe vén desde América do Sul, máis concretamente desde Venezuela. Porén, nós coñecímola en terras mallorquinas cando pasabamos uns días coa familia de alí. Como comprobaredes é unha receita sinxelísima e deliciosa, ademais de rápida xa que vos pode sacar de algún apuro. Con ela seguro que sorprendedes aos vos@s convidad@s pola súa orixinalidade. 

Parece ser que o bocadillo de salchicha, (tamén coñecido como hot dog, cachorro quente ou perrito caliente) ten a súa orixe alá por 1867 e, ao contrario do que poderiamos pensar, non nos EUA, senón na Alemaña, levando posteriormente os bávaros este manxar a América na súa emigración. Canto ao nome, canto menos curioso e divertido, parece que veu dado por analoxía con ese can de corpo alongado que tod@s coñecedes. Estes bocadillos encontrámolos en postos de rúa en todo o mundo, mais aquí deixámosvos unha receita diferente para o facerdes nos vosos fogares.


Hot Dog venezolano

Ingredientes:
  • Salchichas 
  • Pan
  • Leituga 
  • Cebola
  • Cebola fritida
  • Queixo relado
  • Patacas fritidas de bolsa
  • Salsas ao gusto (Mostaza, ketchup, brava, ali-oli...)