sábado, 30 de maio de 2015

Pizza vexetal con masa de centeo

Sábado de receita e sempre que traemos unha pizza vimos con maior alegría porque talvez sexa o produto que máis desfrutamos para comer frecuentemente. A de hoxe non é a primeira pizza que vos traemos, mais si é ben diferente debido aos ingredientes, a salsa de tomate, á masa, ao enfornado... Con estas mudanzas logramos unha pizza que para nós é practicamente perfecta e que temos seguro que a tod@s vós vos encantará.
Ben sabedes da nosa adoración pola gastronomía italiana, así que nós xa temos un día á semana de pizza. De tanto facela, case nos consideramos mesmo expertos, haha. Así que non pensedes que esta é unha simple receita de pizza, ten moito de interese e moito do que lle tirarmos proveito para que nos quede unha pizza da casa moi ben feitiña, con esa masa grosa e con algunha que outra sorpresa no interior... Aí vos vai!

Pizza vexetal con masa de centeo

Ingredientes:

Para a masa:
  • 260 gr de fariña de centeo
  • 240 gr de fariña de forza
  • 300-350 ml de auga
  • 10 gr de lévedo de panadaría
  • Unha cullerada de aceite
  • Unha culleriña de coandro
  • Un chisco de sal
Para o recheo:
  • Salsa de tomate
  • Queixo relado
  • 1 bola de queixo mozzarella
  • 1 tomate
  • 5-6 espárragos verdes
  • 1/2 pemento vermello
Utensilios: batedor eléctrico ou manual e papel vexetal.

Elaboración: 

Para comezarmos, temos de preparar a masa. Para iso, mesturamos as dúas fariñas. 



Engadimos o sal, o coandro e o aceite. Mesturamos ben.


De seguir, imos engadindo, pouco a pouco, o lévedo diluído na auga. Mesturamos ben até conseguir unha masa homoxénea e elástica.




Botamos un chisco de auga sobre a masa para a humedecer, tapámola cun pano e deixamos repousar até que duplique o seu tamaño, aproximadamente 2 horas. 




Colocamos a masa sobre papel vexetal con fariña e ímola estirando pouco a pouco até que teñades o grosor que máis vos guste, nós facémolo coas mans e deixámola algo gordiña mais podedes utilizar un rolete. 


Despois, botamos sobre os bordos o queixo relado e ímolos dobrando sobre si mesmos para tapar o queixo coa axuda das mans.





A continuación, botamos unha capa de salsa de tomate (nós fixémola triturando un par de tomates, un dente de allo e un chisco de ourego para que tivera máis sabor). De todas formas, se tedes algo de présa, podedes botar da de bote.



Cortamos o tomate en lascas e colocámolas sobre a salsa de tomate. 


De seguir, uns anacos da mozzarella (metade da bola, aproximadamente), os espárragos en cachiños e uns dadiños de pemento.




A continuación, engadimos o resto da mozzarella. 


Enfornamos á máxima potencia do forno, calor arriba e abaixo, colocándoa abaixo de todo, durante 10-12 minutos e xa estaría lista para comer!


Non leva carne, nin falta que fai, porque parece que esta pizza ten de todo, ou non? Unha masiña grosa e crocante, uns bordos recheos de queixo que lle dan aínda máis sabor, unha salsa caseira cun toque a allo... A clave para nós está no enfornado. Até o de agora sempre a poñíamos no medio do forno porque tiñamos medo a que se nos queimase, mais desde que probamos a poñela na parte máis baixa, notamos un cambio ben notábel. A pizza cócese en menos tempo e a masa sube moitísimo máis xa que se segue o método tradicional dos fornos de pedra, onde a masa está colocada directamente sobre o foco de calor.
Queremos ver os vosos resultados despois de seguirdes algún destes trucos, mais podedes estar tranquil@s porque tedes o éxito garantido. E iso si, os ingredientes xa os poñedes a gusto de cada quen. Nós desta volta optamos por verduras, acordándonos tamén d@s nos lectores/as vexetarian@s.
Unha forte aperta. Agardamos que pasedes un moi feliz sábado!

9 comentarios:

  1. Moitas grazas. Hai que facela para probar. Son moi avogosa das empanadas, pero á pizz tampouco non lle torzo a cara. O malo son as dúas horas do lévedo biolóxico... Adoito traballar con masas sen lévedo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas a ti polas túas palabras! Alégranos que che guste este receita! Neste caso, é necesario o lévedo para que quede máis saborosa a masa e, desta forma, subirá máis no forno!
      Un saúdo e esperamos ver unha foto co resultado! Bicos

      Eliminar
  2. nunca a fixen con fariña de centeo, tendre que probarla, e unha ledicia! bicos

    ResponderEliminar
  3. nunca a fixen con fariña de centeo, tendre que probarla, e unha ledicia! bicos

    ResponderEliminar
  4. Uummmmmmmmmm que pizza mas rica me encantan todos los ingredientes alguna que otra vez le pongo centeno a las masas me encanta el sabor que tiene , que pena no poder llevarme un cacho para la cena, te ha quedado de relujo al igual que el filete a la napolitana yo tambien lo hago desde hace años en casa nos gusta mucho.
    Bicos mil y feliz domingo wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, a verdade é que lles dá un toque moi especial! Alégranos que che guste!
      Un bico!

      Eliminar
  5. Ola,
    Unha pregunta: os espárragos verdes cócense ou teñen algun tipo de preparación antes de poñelos na base da pizza, ou non é necesario?
    Grazas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola! Primeiramente moitas grazas polo teu comentario e perdoa pola tardanza.
      Non é necesario cociñar os espárragos antes de poñelos na pizza xa que se cociñan perfectamente no forno.
      Esperamos serche de utilidade e xa nos contarás se a probas!
      Mil grazas!

      Eliminar