martes, 26 de maio de 2015

Milanesa á napolitana

Unha vez máis por aquí, xa nos va tardaba traervos unha nova receita, que tiñamos gardada para esta semana con motivo do 27 de maio, Día d@ Celíac@. Sentímonos bastante implicados coa causa xa que temos unha boa amiga e tamén unha alumna que non poden comer nada con gluten. En principio non tería porque ser un grave problema, mais desde aquí queremos denunciar as dificultades postas para estas persoas. Produtos do máis común como pan, pasta ou unha simple madalena, convértense nun manxar prohibitivo a nivel económico. Encontrámonos verdadeiras barbaridades nos comercios. É certo que se ten avanzado moito e agora podemos achar case de todo, mais cun custo importante.
De todas formas, cando nós preparamos algún produto para celíacos, procuramos os métodos máis económicos. Así chegamos á receita de hoxe, unha milanesa á napolitana. Xa fixeramos milanesas en moitas ocasións mais queriamos darlle un toque novo sen levar gluten. Así fixémonos con pan relado para celíac@s xa que cos outros elementos non había problema. Logramos pois un manxar apto para celíac@s e igualmente saboroso, de feito non se nota ningunha diferenza debido á intensidade de sabores, principalmente o do queixo e a propia carne.
E unha vez acabada a receita démonos conta da paradoxa que supón o título, un produto orixinario de Milano feito ao estilo de Napoli, mais que ben quedou! Aí vai:

Milanesa á napolitana

Ingredientes (para 4-6 persoas): 
  • 8 bistés de porco
  • 8 lascas de xamón cocido
  • 8 lascas de queixo
  • Salsa de tomate caseira (receita aquí)
  • 8-9 dentes de allo
  • Unha manchea de pirixel
  • 4 ovos batidos
  • Pan relado apto para celíac@s
  • Pementa moída
  • Ourego
  • Sal
  • Aceite de oliva
Utensilios: picadora, tixola, fonte apta para forno, papel vexetal.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de adobar os bistés. Para iso trituramos os dentes de allo, o pirixel, pementa moída e un chisco de sal. Reservamos unhas horas, ou mellor, unha noite enteira para seren máis saborosos. 






Pasado ese tempo, temos de empanar os filetes, primeiro por pan relado, despois polos ovos batidos e, de novo, polo pan relado para facermos unha boa capa e que queden máis crocantes. 






Fritímolos en abundante aceite e, despois, colocámolos sobre papel vexetal para eliminar o exceso de aceite. Tentade controlar o punto de cocción dos filetes tendo en conta que aínda pasaran despois uns minutos polos forno.



De seguir, forramos unha bandexa do forno con papel vexetal e poñemos alí os bistés. 


A continuación, botámoslles unha capa da salsa de tomate, e colocamos unha lasca de xamón cocido e outra de queixo. Ademais de botarlles un pouco de ourego por enriba.





Enfornamos a 200º, co gratinador, até que funda un pouco o queixo, aproximadamente 5 minutos. 


E xa estarían preparados para comer! Podémolos acompañar dunhas patacas asadas e unha ensalada, para que sexa unha comida máis completa e saudábel, ou do que máis gustedes. 


A nós encantounos, e polo que dixo a amiga celíaca, tamén, así que sexades ou non celíac@s animámosvos a probar este manxar. Un produto exquisito que non supón moito gasto. Con el queremos reivindicar maiores facilidades para @s celíac@s se faceren cos diversos produtos que ofrece o mercado. Non todo o mundo se pode permitir gastar catro euros en pan de hamburguesas, ou nun pequeno paquete de pasta.
Agardemos que probedes este prato e mandedes foto do resultado. Unha fortísima aperta amig@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario