Arredor de Bnb

Que é Bolboretas no bandullo?


Bolboretas no bandullo nace un 30 de decembro do 2013 coa intención de situar na rede a nosa paixón pola gastronomía, que tivo como ponto de orixe a creación dunha famosa torta tres chocolates caseira.
Tiñamos claro o obxectivo desde o inicio, pendurar as nosas receitas, e aínda que principalmente tiñamos en mente optar polo vertente máis doce, a realidade do día a día foinos levando a un corpus máis completo e diverso.



Mais Bolboretas no bandullo non é un simple repositorio de receitas. É un proxecto dixital comprometido coa lingua e cultura galega que pretende facer unha achega importante á presenza do noso idioma na rede. Dúas paixóns fusionadas: cociña e lingua. E a partir disto xorden moitas posibilidades.
E quen somos nós? Diana Fernández Gómez e David Díaz Díaz. Unha parella de namorados desde 2005, filólogos galegos, que desde 2013 reflectimos en Bolboretas no bandullo esta afección común e coa que aprendemos xuntos día a día. Diana foi a impulsora da iniciativa e quen sustenta a parte máis creativa e orixinal do blogue. David está ligado á parte máis literaria e cultural. Con todo, ben é certo que as tarefas son compartidas en todo momento.



Bolboretas no bandullo, alén de nos ofrecer aprendizaxe diaria e coñecemento a través da interacción na rede cos lectores/as e con outros moito cadernos, trouxo moitas oportunidade que fan que o blogue sexa a estas alturas imprescindíbeis na nosa vida. E se isto é así é por vós. Bolboretas no bandullo tamén sodes tod@s e cada un/ha de vós que estades aí con lecturas, comentarios, suxestións e sobre todo sempre con moito agarimo. Mil grazas por nos acompañar neste percorrido! 


TRAXECTORIA


  • Ao pouco de iniciarmos este percorrido, presentóusenos a oportunidade de colaborarmos nunha páxina arxentina de alimentación infantil: chiquirecetas.com Estamos moi agradecidos ao administración desta web que pensa en nós para moi diversas actividades. Con certa frecuencia vimos publicando receitas para Chiquirecetas.

  • Após o ano e medio de percorrido, xurdiu unha das mellores oportunidades até o momento. Fomos convidados por Puleva para participar no II Blogtrip "Grandes retos de la alimentación infantil en el nuevo milenio" que tivo lugar en Granada o 16 e 17 de outubro de 2015. Esta experiencia, que estivo vinculada á colaboración con Chiquirecetas, deu para coñecer fabulosas blogueiras, visitas á cidade nazarí, degustación de pratos exquisitos da gastronomía andaluza…

  • A finais de abril tamén fomos convidados a participar cunha ponencia no #EcomGastro  Gastronomía Comunicación 2.0 que tivo lugar no Hotel Hesperia Finisterre o 28 e 29 de abril de 2016. Esta foi a primeira vez que presentamos en público (físico) o proxecto e supuxo unha experiencia inesquecíbel pola conversa posterior cos ouvintes e polas diferentes perspectivas coñecidas arredor da gastronomía en rede. Ademais, tivemos oportunidade de participar nun concurso de cociña en que fomos xefes de mesa e do que resultamos gañadores co prato titulado "Kfollas" grazas ao magnífico equipo que nos acompañaba.  


  • O martes 14 de xuño tivemos oportunidade de asistir á Biblioteca Rego da Balsa en Carballo para conversar cos seguidores e seguidoras do blogue, presentar o proxecto e conversar sobre a relevancia do galego na rede e de iniciativas coma esta. Carballo é un lugar ben especial por diferentes motivos e o convite fíxonos especial ilusión, especialmente pola incidencia no uso do noso idioma. 


  • Desde Carballo mostran sempre moito agarimo polo noso portal. Proba diso é que uns meses despois, en outubro, a Concellaría de Turismo e Promoción Económica nos ofreceu a posibilidade de pasar unha fin de semana na vila bergantiñá para coñecer de primeira man o FIOT e o "Dálle un bocado ao FIOT". Degustamos o pan de Carballo, a súa repostaría, as magníficas tapas dos locais participantes e desfrutamos do ambiente dunha das localizacións de maior actividade cultural do país. aquí tedes o artigou  que xurdiu desta viaxe gastronómica

  • O pasado 24 de novembro tivo lugar unha das experiencias máis fermosas da nosa traxectoria. A Coordinadora de Técnicas e Técnicos da Normalización Lingüística convidounos a participar  no LGX15 de 2016 que se levou a cabo na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Estivemos acompañados de persoas ás que admiramos moitísimo como Rosalía Fernández Rial, Elena Ferro, Marcus Fernández, Poetarras ou Belén Regueira entre outras. Estas charlas, formatos TED, tiñan como obxectivo presentar opinións, propostas e reflexións para o futuro do galego. A nosa intervención partiu desde a gastronomía e as posibilidades destas como axente revitalizador da lingua e da cultura. En LGX15.gal podedes ver as diferentes participacións do evento xa que todos foron gravadadas para emitir posteriormente en Youtube. Aquí deixamos o "Bolboreteando coa lingua no LGX15" 

  • Así mesmo, durante este tempo, realizamos diferentes obradoiros ligados á gastronomía en diferentes puntos do país. A maior parte deles ligados á Rede Museística de Lugo, con sesións como "Cociñando no museo", "A saúde desde a alimentación", "Facemos arte coa comida?", "Un percorrido gastronómico para encher o bandullo" ou "Receitas para diferentes épocas do ano" repartidos no Museo do Mar (San Cibrao), Pazo de Tor (Monforte de Lemos), San Paio de Narla (Friol) e Museo Provincial de Lugo. Tamén en Ribadeo desenvolvimos "Piruletas de chocolate", "Arte coa comida" e "Xogamos a ser escultores coa froita". No colexio Fogar de Santa Margarida, na Coruña, tamén estivemos cos pequenos e pequenas aprendendo a preparar pratos saudábeis e saborosos.


BOLBORETAS NO BANDULLO NOS MEDIOS 




  • Selfientrevista para o Sermos Galiza o 9 de setembro de 2016 






Contacta con Bolboretas no bandullo 

Facebook      Twitter       Instagram                                                                               

Bolboretea en Facebook              Bolboretea en Twitter          sígueme en Instagram   

                           Youtube

                       


Tamén en bolboretasnobandullo@gmail.com

2 comentarios:

  1. Mólame o blog!!
    Nunca entrara, son seguidora en fb, pero nada máis, a partir de agora hei empezar a facer receitas vosas que ademáis de ter boa pinta parecen sinxelas. Boa sorte e bo proveito!! Grazas!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non viramos até agora isto. Mil grazas pola teu comentario. Alegrámonos inmensamente que che guste e agardamos que desfrutes o sabor e a cultura por aquí achegados :-) Apertas!!

      Eliminar