Bolboreteir@s! Unha vez máis por aquí, e como xa nos coñecedes de vellos, seguro que intuídes que despois dunha lamberetada como a do pasado martes tocaría algo un pouco máis lixeiro. E así é, imos cun recurso para o día a día, saudábel e realmente exquisito.
Ben é certo que desta volta a idea non é nosa senón do mediático cociñeiro Alberto Chicote. Nun destes xoves en que vemos despois de cear "Pesadilla en la cocina", co que, por certo, rimos até escachar, encontramos esta delicia. O madrileño incorporábaa á carta dun deses restaurantes que aos que vén axudando e sorprendeunos tantísimo pola súa sinxeleza que non o pensamos nin un momento. Anotada e posta en práctica ao día seguinte. Ao fin ao cabo pouco precisamos, cun pouco de cabaciña e queixo, practicamente temos un prato de 10!
Con isto sorpendererdes a quen quixerdes e desfrutaredes dunha outra opción para as nosas verduras, que tanto xogo nos dan!
Ravioli de cabaciña
Ingredientes:
- 1 cabaciña
- 1 rulo de queixo de cabra
- 1 tomate
- 1 culleriña de manteiga
- Aceite de oliva
- Allo en po
- Un chisco de romeu
- Un chisco de tomiño
- Para acompañar: leituca, remolacha relada e cebola.
Utensilios: unha mandolina (ou pelador ou táboa e coitelo), unha cunca, un microndas, unha tixola e un prato.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de preparar todos os ingredientes para facermos os ravioli. Primeiro, facemos tiras coa cabaciña coa axuda da mandolina, un pelador ou cunha táboa e un coitelo. Reservamos.
Tamén cortamos o rulo de cabra en lascas. Reservamos.
Cortamos o tomate en cadradiños, botamos unha cullerada de aceite, o tomiño e o romeu. Metémolo no microndas 1 minuto e reservamos.
Agora que xa temos os ingredientes dos ravioli, temos que montalo. Nun prato poñemos dúas lascas de cabaciña en forma de cruz.
Xusto no centro, poñemos unha lasca de queixo.
E un pouco do tomate asado.
E pechámolo tal e como vedes no vídeo.
De seguir, botamos a culleriña de manteigs e derretémla na tixola. E engadimos os ravioli para que se vaian facendo. Temoslles que dar a volta para que se fagan polos dous lados. Non vos preocupedes se se vos desfán un pouco, é normal polo queixo. Perden a perfección na forma mais garanten o sabor.
Para servilos, facemos unha ensalada coa leituga, a cebola e a remolacha e, sobre ela, colocamos os nosos ravioli.
E xa estarían listos para comer! Como vedes, é unha receita moi rica, saudábel e rápida de facer! Esperamos que a faigades e que vos guste moitísimo. Agardamos a proba, ben sexa para o padal ou para o ollo, a través dunha desas fotografías ben fermosas que nos enviades de cando en vez.
Recordade o sorteo que remata mañá da caixa de Lembranza Box. Tedes máis información nas nosas Redes Sociais. Moita sorte, amig@s!
Eso espero yo poder hacerlos algun dia , nunca los he comido y se me han antojado ains no se que voy hacer por que cada vez que vengo se me antoja todo lo que haces voy a neceistar vivir otra vida para hacer todas la recetas que tengo en pendientes.
ResponderEliminarComo siempre receta y fotos del paso a paso son de 20 points.
Bicos mil wap@s.
A nós tamén nos pasa, a listaxe é interminábel... Estes fanse nun momento e merecen a pena, están riquísimos e ademais son saudábeis, que xa suma máis 10 puntos, haha!
EliminarApertas!