Amosando publicacións coa etiqueta Artigos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Artigos. Amosar todas as publicacións

martes, 13 de novembro de 2018

A gastronomía da nosa lúa de mel

Bo día, bolboreteir@s e bolboreteir@s!! Tardamos un pouquiño mais a espera neste caso merecía a pena pois como xa vos informamos nas RRSS, casamos o pasado día 20 de outubro, polo que deixamos repousar o blogue nestas tres semanas mentres estabamos de lúa de mel. 
E para voltar, non se nos ocorría nada máis interesante que un breve artigo gastronómico da viaxe de noivos por New York, Las Vegas (con Ruta 66 e Grand Canón) e Riviera Maya. Tranquis, prometemos traer tamén imaxes dos petiscos da voda e do menú, hehe.

domingo, 14 de outubro de 2018

5 recomendacións gastrocoruñesas

Como vai todo, bolboreteir@s? Hoxe seguro que vos sorprendemos pois imos cambiar o rexistro. Non traemos receita nova mais iso non quita que vos vaiamos abrir moitísimo o apetito. Após dez anos xa instalados na Coruña, apetecíanos preparar un breve artigo (estes días andamos algo apurados) no que vos comentamos algunhas das nosas preferencias gastronómicas na cidade herculina. Xa dicimos que breve, porque a verdade é que se nos deixamos ir, isto daría para moito corenta ou cincuenta ben apetecíbeis.
Non temos afán de críticos gastronómicos nin imos desglosar aquí todas as características de cada un deles, simplemente nos apetece ofrecervos algúns dos puntos da cidade que máis nos agradan, explicando tamén algúns dos motivos. Para o resto, podedes tirar de Tripadvisor, haha. Imos alá coas nosas recomendacións!

5 recomendacións gastrocoruñesas


1. O lagar da Estrella


Situado na rúa da Estrela, conquístanos desde desde o primeiro momento. Nós sempre prestamos moita atención ao pan, e no Lagar da Estrella non descoidan isto. De feito, forma parte dos entrantes cos que imos abrindo apetito, xunto cun aceite intenso para mollar pan, nunca mellor dito.

martes, 27 de febreiro de 2018

Bolboretas no bandullo en Euskadi

Bo día, amig@s! Como vai este peche de mes? Agardamos que estea a ser moi produtivo. Por aquí a verdade é que si xa que vimos dunha fin de semana do máis intensa. Aínda que tiñamos unha receita xa no forno para publicar hoxe, despois de botar a vista atrás pensamos en que nos apetecía contarvos algo de como foi a nosa experiencia en Euskadi, onde, como xa sabedes, fomos convidados polo Universidade do País Vasco para expor "Bolboretas no bandullo: lingua e tecnoloxía", na Facultade de Letras de Vitoria. 
Antes de entrarmos no que máis vos gusta, no gastronómico, que para iso o País Vasco dá e moito, queriamos comentarvos o especial que foi para nós achegarnos a Vitoria para falar do noso proxecto e mostrar as posibilidades que ten a lingua galega na rede e no ámbito gastronómico. Foi unha verdadeira experiencia pois contamos cun alumnado implicado capaz de valorar o noso idioma, o que debería servir como exemplo para moitos galegos e galegas. Desfrutamos desta ponencia nunhas dúas horas marabillosas, cheas de interacción onde rematamos como mellor presta, papando. Mereceu a pena só por ver as caras dalgúns e dalgunhas cando destapamos os freixós e as lambetadas de licor café, haha. Mil grazas para elas e eles por tan xenial acollida e especialmente a Rosalía Ferreiro pola oportunidade.

sábado, 10 de febreiro de 2018

O Entroido máis lambón (receitas)

Bolboreteir@s, hoxe non traemos unha receita nova mais si unha acumulación de receitas directas ao corazón e ao bandullo pois imos co especial de entroido, coa recompilación máis saborosa.
O Entroido máis famoso do mundo din que é o de Rio de Janeiro. Nós nunca estivemos alá, nin tampouco en Cádiz ou Canarias, onde din que é un espectáculo. O que si cremos é que deben incluír o Entroido galego na listaxe dos máis festivos do mundo, canto menos os do sur, polo respecto á tradición e pola esencia cultural que presentan.
Ademais, sería interesante que fixesen unha listaxe dos festexos máis larpeiros do mundo. Aí si estamos seguros que pouco terían que facer contra as nosas filloas, orellas, cocido... Outro nivel! Se tan agardada é aquí esta celebración é tamén pola posibilidade de poder degustar uns alimentos ligados a unha única época do ano, que sendo tan ansiosos, acabamos por adiantar. Si, aquí o Entroido xa comeza un par de semanas após Reis...
Imos cunha boa mostra do que é o Entroido desde o padal. 

sábado, 1 de abril de 2017

O sabor da arte: Maruja Mallo

Bolboreteir@s, hoxe chegamos con ganas de vos sorprender e de festexarmos o Día das Artes Galegas, unha celebración cun percorrido moi breve mais moi necesario para enxalzarmos un campo no que somos moi fecundos cuantitativa mais sobre todo cualitativamente, a arte. Porén, por que un artigo este ano, despois de dúas edicións. Temos varios motivos mais un é o que nos move principalmente: a artista honrada é Maruja Mallo, quen sempre admiramos e consideramos infravalorada, aínda que ben é certo que nos últimos anos se ten avanzado moito no coñecemento e difusión da súa obra.
Sexa como for, estivemos sempre ben orgullosos de Viveiro ter unha representante no mundo como Maruja Mallo e o seu legado artístico, imborrábel. Así pois, hoxe imos presentar un pequeno xogo a través de varias das obras da artista vangardista. Antes de nada, gustaríanos deixar claro que este percorrido parte da paixón de dous admiradores de Maruja Mallo mais non especialistas nin críticos de arte. O que encontraredes aquí si ten un afán lúdico cunha aproximación a cadros de Maruja Mallo e unha interpretación gastronómica dos mesmos. É dicir, tentamos facer a nosa humilde achega á difusión da obra da artista a través dun ámbito que nós cremos con moitas posibilidades.
Maruja Mallo (Ana María Gómez González) nace en Viveiro no 1902. Apenas pasa tres anos na cidade do Landro, residindo en diferentes localidades até instalarse en 1922 en Madrid onde ingresa na Academia de Belas Artes e coñece a diferentes membros da Xeración do 27.
Alí xa se mostra como unha muller moderna, libre e integrada nas actividades frecuentadas habitualmente por homes como cafés literarios ou deportes. Durante esta primeira década en Madrid xa traballa para diferentes publicacións como La Gaceta Literaria, El Almanaque Literario ou Revista de Occidente, realiza portadas de libros e comeza a recibir críticas positivas de figuras tan relevantes como Ortega y Gasset. Así mesmo, presenta os seus primeiros traballos.

martes, 25 de outubro de 2016

Carballo, bocado a bocado

Bo día, amig@s! Hoxe deixamos as receitas a un lado mais non a gastronomía. Como xa fostes vendo nas redes sociais, esta fin de semana visitamos Carballo e fixémolo cunha clara intención, desfrutar dos seus sonados produtos e do Dálle un bocado ao Fiot (Festival Internacional Outono de Teatro). O concello decidiu contar connosco para un percorrido que resultou do máis saboroso. Antes de nada, queremos agradecer a oportunidade e a amabilidade do persoal que nos recibiu e acompañou nestes días, en especial ao concelleiro Xosé Regueira, ao alcalde Evencio Ferrero, á técnica de Turismo Maite Parga e ao técnico de Normalización Lingüística Nel Vidal. Ademais, cómpre parabenizar tamén a organización do FIOT pola iniciativa e pola dimensión que ofrece ao teatro con estas actividades paralelas*. É difícil combinar mellor estes dous campos culturais. 
Presentámosvos pois o noso percorrido gastronómico polos estabelecementos de Carballo, onde fomos recibidos con moito agarimo.

xoves, 13 de outubro de 2016

Lembranza Box

Xa sabemos que non é frecuente encontrármonos cun novo artigo ou receita un día que non sexa martes ou sábado mais hoxe fixemos unha excepción posto que tiñamos algo que vos recomendar.
O pasado mes de abril, como xa vos comentáramos, estivemos convidados ao #EcomGastro Gastronomía y Comunicación 2.0 no Hotel Hesperia Finisterre. Ben, pois ademais do que supuxo para nós podermos presentar alí o proxecto Bolboretas no bandullo, resultou especialmente interesante polas persoas que puidemos coñecer. Unha delas foi Carol, que é quen está detrás dun fermoso proxecto como é Lembranza Box.
Desde o primeiro momento, o interese polos espazos foi recíproco e decidimos artellar algo que se foi adiando até estas datas. Hai unha semana chegou á nosa casa unha caixa desas marabillosas que preparan en Lembranza Box e abrímola de igual modo que os pequenos e pequenas cando encontran os agasallos de Nadal. E vaia sorpresas!
Mais primeiro... que é Lembranza Box? Pois como Carol nos explica no perfil da súa páxina, é unha caixa con varios produtos galegos, ecolóxicos e de produción sostíbel. Cada mes ten 5 produtos novos para desfrutar de alimentos cultivados, producidos e envasados en Galiza. Con isto procura dar a coñecer os nosos produtos ecolóxicos, de alta calidade creados por pequena empresas galegas de modo sostíbel. Pretende pois, axudar ao coñecemento destas marcas no noso territorio mais tamén alén das fronteiras.

martes, 8 de marzo de 2016

Das nosas receitas preferidas... Parte I

Vaia, pois hoxe imos cambiar a dinámica. Tranquil@s, as receitas non han faltar, de feito veñen en conxunto, nunha selección inmellorábel de Bolboretas no bandullo.
Ter un blogue de cociña é fantástico xa que nos "obriga" a estar continuamente xogando cos ingredientes e, desta forma, probando moitas combinacións e produtos novos. Tamén ten a vantaxe de que non podes aborrecer comendo sempre os mesmos pratos porque debemos variar para ter receitas novas para compartir, aínda que algunhas veces isto é un inconveniente porque algunhas das elaboracións quedan tan saborosas que che gustaría volver a elaboralas cada semana, hahaha. 
Desta forma, hoxe quixemos facer unha recompilación dalgunhas das nosas receitas preferidas; sabemos que quedan moitas no tinteiro (pizza, coca, pastel de carne, galletas salgadas etc.) mais, senón, esta entrada non tería fin ;) 


As receitas salgadas preferidas


Spaguetti de cabaciña con tomate seco


Esta receita foi un total descubrimento, vímola nun programa de cociña e decidimos probala para saber que tal, e ficamos encantad@s co seu sabor. Este prato é perfecto para introducir máis verduras na nosa alimentación e ademais é moi saudábel, algo moi importante. Ademais, admite moitas combinacións e, por iso, recorremos a el os días que non temos moito tempo de cociñar e nos apetece algo moi saboroso. Seguramente unha das mellores formas de degustar cabaciña, especialmente para @s peques.

sábado, 7 de novembro de 2015

Gastrorruta Granada e Sevilla

Xa tres semanas aló e nós aínda sen vos falar da nosa aventura por terras andaluzas. E iso que ganas tíñamos, e moitas. Xa sabedes que non é moi común que fagamos artigos deste tipo mais, desta volta, coidamos que merece moito a pena para coñecerdes un pouco máis da cultura gastronómica do sur peninsular. Para isto o que faremos será presentarvos o noso percorrido nestes tres días de experiencia inolvidábel.
Cómpre recordar, que fomos convidados pola marca Puleva a asistir ao II Blogtrip Grandes retos de la alimentación infantil en el nuevo milenio, que se desenvolveu na cidade nazarí. Podedes imaxinar pois a alegría que levamos cando nos chegou o convite. Alén de representar o noso blogue, fomos tamén por parte de Chiquirecetas, páxina en que levamos colaborando case desde os inicios de Bolboretas no bandullo. 

Gastrorruta Granada e Sevilla


luns, 30 de xuño de 2014

Seis meses de Bolboretas no bandullo

Hoxe estamos de semianiversario, xa hai seis meses que comezamos a publicar e a verdade que foi mellor do que pensabamos, máis de 1200 seguidores/as en Twitter, máis de 250 en Facebook, case 15000 visitas no blogue e sobre todo esas vosas lecturas que tantos nos satisfacen e dan ánimos para seguirmos publicando as nosas receitas.
Coido que após medio ano, podemos afirmar que se está a cumprir o obxectivo principal, axudarmos na dinamización da nosa lingua e na normalización dentro do fermoso ámbito gastronómico.Milleiros de grazas a tod@s e tod@s, sodes moi moi grandes. É todo un pracer chegar a vós a través das diferentes receitas. E especialmente a aqueles e aquelas que se atreven a probar algún dos pratos que imos presentando. Temos moito que aprender de vós :)
Ben, e para celebrarmos a data, propoñémosvos que nos faigades chegar aqueles vosos pratos preferidos da infancia e que só con mencionalos, pensedes nos anos primeiros de idade. Tentaremos elaborar pois, as tres máis apetecíbeis para posteriormente penduralas no blogue. Xa sabedes, a torta de ananás que vos facía a avoa, o arroz con leite, a compota de pera... Cadaquén seguro que ten moitas ideas daquela época; podedes compartilas aquí ou nas redes sociais ;)
E esperamos nos vindeiros meses seguir con máis sorpresas, entre elas, o noso primeiro video :)  Por suposto, aceptamos todo tipo de ideas e suxerencias. O importante é aprendermos entre tod@s.

Vémonos lambisqueir@s! E de novo grazas pola vosa atención.

.

sábado, 25 de xaneiro de 2014

Novidades

A publicación de hoxe vaise desmarcar das anteriores, non vos traeremos unha receita senón que vos contaremos as últimas novidades do blogue, ademais de presentarvos as receitas gañadoras entre as varias que nos fixestes chegar.
Para comezarmos, cómpre informarvos de que ademais das receitas semanais, algúns días teredes "receitas rápidas" que serán perfectas para eses días en que estamos cans@s e non temos ganas de facer pratos moi elaborados, ou que nos apetece un doce para facer nun momentiño. Encontrarédelas na barra dereita do blogue, nunhas categorías incluídas a partir de hoxe (larpeiradas, xantares e ceas, comida rápida, masas e pans ...).
Outra novidade é que a partir de esta semana tamén nos poderedes ler na páxina web chiquirecetas.com,  de orixe arxentina e que está especializada na alimentacións d@s máis pequen@s.
E xa para finalizar debemos agradecer o voso grande apoio; por alcanzarmos @s 500 seguidores/as en Twitter decidimos escoller tres receitas de todas as que nos propuxestes por Twitter e Facebook, e son estas:

  • Pizza caseira con patacas laminadas, zorza, un ovo e tomiño (Ecolleita - Twitter).
  • Unha empana vexetarianas [os ingredientes serán sorpresa] (Maruxiña Pernas Longas - Facebook). 
  • Pasteis de chocolate e amorodos (Miriam Viveiro - Facebook).

Nas vindeiras semanas iremos realizando os pratos ideados por estas tres persoas e que estamos seguros de que han de saber ás mil marabillas. Parabéns a elas, moitísimas grazas de novo a tod@s @s que nos enviastes as vosas ideas, e preparádevos porque mañá penduraremos unha nova receita que vos ha de encantar!

luns, 30 de decembro de 2013

Presentación

Benvid@s!!


Bolachas
Aproveitando esta etapa que a algunhas nos concede un pouco máis de tempo libre vou aproveitar para pór en marcha algo que tiña en mente xa hai un tempo, un blogue de cociña.

Nesta bitácora dixital tentarei plasmar a miña paixón pola cociña así como ofrecer a miña pequena contribución para a consolidación do galego na rede. Aínda que non son moitos, si coñecemos un pequeno número de magníficos cadernos dedicados a expor na nosa lingua unha serie de receitas tanto galegas como doutras partes do mundo. Procuraremos pois, contribuír ao seu apreciábel labor desde aquí. Con todo, este non será un blogue dedicado exclusivamente á cociña galega, aínda que si tentaremos achegarnos sempre a ela.
Torta de chocolate e amorodos
O compromiso co idioma estará sempre presente en Bolboretas no bandullo e apoiaremos todas aquelas medidas co obxectivo de elevar o galego ao posto correspondente, tratándomos neste caso unha disciplina en auxe como a cociña. Servirémonos tamén nalgunha ocasión das posibilidades gastronómicas da nosa rica literatura podéndomos traer aos nosos días algúns pratos mencionados polos nosos autores e autoras. Recordade por exemplo aqueles versos de Cantares gallegos: “I aló no lar, ¡que fogo!, ¡que larada!, / ¡que rica e que ben feita frixolada!”.