Bolboreteir@s, hoxe non traemos unha receita nova mais si unha acumulación de receitas directas ao corazón e ao bandullo pois imos co especial de entroido, coa recompilación máis saborosa.
O Entroido máis famoso do mundo din que é o de Rio de Janeiro. Nós nunca estivemos alá, nin tampouco en Cádiz ou Canarias, onde din que é un espectáculo. O que si cremos é que deben incluír o Entroido galego na listaxe dos máis festivos do mundo, canto menos os do sur, polo respecto á tradición e pola esencia cultural que presentan.
Ademais, sería interesante que fixesen unha listaxe dos festexos máis larpeiros do mundo. Aí si estamos seguros que pouco terían que facer contra as nosas filloas, orellas, cocido... Outro nivel! Se tan agardada é aquí esta celebración é tamén pola posibilidade de poder degustar uns alimentos ligados a unha única época do ano, que sendo tan ansiosos, acabamos por adiantar. Si, aquí o Entroido xa comeza un par de semanas após Reis...
Imos cunha boa mostra do que é o Entroido desde o padal.
O entroido máis lambón (receitas)
1. Cocido
Hai un par de anos preparamos un cocido humilde mais que aínda así representa ben a esencia do prato salgado máis destacada desta parte do ano. Contundencia desde a verdura até os múltiplos tipos de carne concentrados nun só plato e que percorren todo o país desde os fogares e os restaurantes. Conta a lenda que non hai Entroido sen cocido. Ao mesmo tempo, talvez sexa un dos pratos que máis variantes admiten. O cocido a fin de contas, é unha personalización na que engadimos "extras" sen preocupación. A fin de contas, hase de comer!
Nós deixámosvos aquí a nosa versión, un cocido bolboreteiro. Fame e tempo para o degustar!
2. Flores
Évos verdade que as flores non son algo moi tradicional pola Mariña Luguesa mais en boa parte de Galiza, nunca faltan, especialmente tamén polo sur. Nós sempre tivemos antollo deste doce de estética coidada. A chegada da primavera xa vén adiantada no Entroido con este florecemento cheo de dozura.
Con seguridade foi o que nos deu máis problemas á hora da preparación, debido á falta de experiencia no manexo cun molde ben peculiar. Sexa como for, a quen lle guste a repostaría, e sabemos que a vós si, non podedes deixar á marxe as flores de entroido.
3. Chulas
De igual forma que as flores non triunfan aínda moito polo norte, si as chulas, que forman parte desas larpeiradas máis tradicional que van ficando esquecidas para moit@s mais que convén reivindicar pois forman parte da nosa tradición culinaria. Boa mostra disto é que, cando as preparamos, tivemos que acudir a receitas e indicacións de persoas moito máis maiores ca nós para preparalas.
Son unha desas sobremeas válidas para diferentes festividades mais teñen especial ligazón co entroido. Unha peza de pan gramado é apenas suficiente para nos dar este capricho.
4. Bica de Laza
A máis recente en Bolboretas no bandullo e non por ficar para máis tarde implica menor importancia. Ao contrario, esta é unha das receitas máis fáciles de encontrar en diferentes territorios e ademais en calquera momento do ano. A pesar de que o seu punto de orixe é a parte máis sur de Ourense, apropiámonos dela para adozar aínda máis este blogue con ansias de lambetadas.
A última receita, ao voso dispor aquí.
5. Orellas
Comezamos coa que nós denominamos a tríade larpeira do Entroido. As divindades gastronómicas que venerar e colocar nun pedestal durante o Entroido coas semanas previas e posteriores.
Era unha das lambetadas que Cunqueiro destacaba para o martes lardeiro, e que deben o nome á suposta similitude coas orellas humanas, especialmente coa dos frades (de feito nós sempre as coñecimos como orellas de frade), aínda que a nós máis nos recordan ás de trasnos e elfos. Iso si, as orellas xa as vemos de todas as formas. E tamén con moi diferentes grosores. Hai onde as fan moi crocantes e noutros puntos moito máis contundentes. Velaquí as nosas orellas.
6. Roscas
Nós temos feito algunha enquisa no Twitter arredor das preferencias entre esta tríade doce e dá para moito debate pois as roscas, é un produto benqueiro en toda Galiza. Hai mil e unha formas tamén de facelas e están presentes en feitas, festas e romarías de todo o país. Con todo, as do Entroido teñen o seu punto diferencial, na textura e no toque de anís (aínda que non tod@s llo botan).
Ideal para congregar a familia arredor da cociña poñendo a uns e outros a amasar, dános para almorzos, sobremesas e merendas de identidade e sabor. Rosquiñas, roscas ou roscóns, o entroido é menos doce sen elas! Aquí a nosa receita!
7. Freixós
O símbolo do Entroido, fica para o final. A nosa perdición e a de milleir@s de galeg@s. Tantas denominacións se encontran polas diferentes comarcas como variantes na súa preparación: filloa, freixó, marrucho, follado, filloces, filloga... Debería ser patrimonio da humanidade, ter un día propio no ano e mesmo debería entrar na nova bandeira galega! Percíbese a nosa paixón por eles non? Ben, non eramos os únicos. Sabedes que dicía Cunqueiro ao respecto?
Non se nos debía a autorizar a ningún restaurante a chamarse "galego" por aí adiante, se non aprobaba o exame da filloa. E daba filloas cada día.Dixo Cunqueiro, e dixo ben. Nós, sabendo da devoción por eles, preparamos unha vídeo-receita que tivo moi boa acollida en Youtube e que permite ir seguindo da forma máis visual o paso a paso co que asegurarmos uns freixós exitosos. Comprobádeo na nosa canle!
Nós preferimos os doces, mais a outra versión máis estendida, a salgada, tamén chegou a Bolboretas no bandullo: freixós salgados
Ademais, fomos facendo moi diversos experimentos coas filloas. Aquí os tedes.
c) Torta de freixós, probabelmente unha das larpeiradas máis marabillosas xamais creadas e unha das receitas da que sentimos máis orgullo. E máis pracer de degustar. Non podemos máis que vola recomendar.
Con todo isto, alguén pode dubidar de que contamos co Entroido máis lambón de todo o universo? E iso que aínda nos gardamos receitas para vindeiros anos. As follas de limón, as canas de crema e algunhas outras que imos coñecendo a través de vós e a través de diferentes lecturas. En Bolboretas no bandullo hai lugar para todas as larpeiradas!
Desfrutade do Entroido e sede moi felices!! Forte aperta!
Ningún comentario:
Publicar un comentario