Outra vez freixós? Si, o amor por eles é infinito en todas as súas versións. Ben, realmente non é que volvésemos preparar filloas senón que aproveitamos unhas poucas que sobraron para probarmos a lograr un xantar ben completo a partir delas.
E tiñamos ganas de probar pois até o momento nunca se fixera na nosa casa unha elaboración dese tipo. Si optabamos por reencher as doces (nocilla, mel, azucre, froita...) mais as salgadas sempre as comeramos soas. Porén, decatámonos das súas grandísimas posibilidades. Xa son moitos os locais onde lle veñen tirando proveito ás filloas recheas e nós non iamos ser menos.
Optamos por vos ofrecer dúas posibilidades ben diferentes xa for para as preparar xuntas ou para a escolla da vosa preferida. Non vos podemos mostrar preferencia por unha ou outra pois aquí a cada un gustoulle máis unha diferente.
Unha, coa carne como protagonista, moito máis potente; outra moitísimo máis fresca e lixeira onde a verdura centra a atención do padal. Estamos seguros que a vós se vos ocorren outras mil ideas mais queriamos que ficase aquí esta posta en práctica gorentosa que vos recomendamos moi encarecidamente. Agora, tempo de freixós, é o momento!
Freixós recheos
Ingredientes:
- Un bo feixe de freixós salgados
Para a opción 1 (para 4-5 freixós):
Para a opción 2 (para 4-5 freixós):
- 100-150 g de pavo en tacos
- 1 cenoria
- 1/2 cabaciña
- 1/2 pemento vermello
- 1 cullerada grande de queixo crema
Utensilios: unha tixola, dúas cuncas, unha táboa e un coitelo e dúas culleres.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de preparar os freixós salgados, que taparemos cun pano e reservaremos até que teñamos os recheos feitos! Empezamos co recheo da carne. Para iso, quentamos dúas culleradas de aceite nunha tixola, botamos o allo picado finamente e a carne.
Cando a carne comece a ter cor, engadimos as nabizas, ben lavadas e cortadas en anacos e mesturamos ben.
Deixamos cociñar uns minutos e engadimos o viño. Cando se evapore o alcol, pasados 2-3 minutos, agregamos a salsa de tomate e mesturamos moi ben.
Deixamos que se cociñen ben todos os ingredientes sobre 5 minutos e engadimos o queixo, mesturamos para que se integre ben e xa estaría preparado.
Mentres se cociña a carne, xa imos adiantando o segundo recheo. Relamos a cabaciña e a cenoria e picamos finamente o pemento. Engadimos o pavo e mesturamos moi ben.
Botamos o queixo crema, remexemos de novo e xa estaría listo!
E facemos isto até que se nos acaben os recheos, despois podemos seguir comendo os freixós sós 😉😂! E xa estarían prepados para comer!
Que non vos vendan contos de crepes e demais que nós temos o noso produto, ben identitario e con mil e unha posibilidades para a nosa cociña. Haberá marabilla creada como a dos freixós? Ou será que padecemos unha doenza chamada "filloite". Non podemos parar de pensar neste produto entroideiro!
Agora ben, animámosvos a lles procurar novas saídas nestas semanas. Gardade unhas poucas e poñede a voar o maxín. Ha de merecer a pena aguantar a tentación de as papar nun primeiro momento. Unha forte aperta, amig@s!
Uummmmmmmmmm que ricos tenian que estar con las nabizas ,asi no se me ha ocurrido nunca rellenarlos ,casi siempre los relleno con un poco de bechamel queso y jamon york y los caliento un poco en la sarten o los relleno con mahonesa , lechuga muy picadita y atun ,con tu permiso tomo nota .
ResponderEliminarBicos mil wap@s.
Pois coas nabizas están deliciosos, a verdade! Mais, en realidade, están boísimos de calquera forma 😂😂😋!
EliminarMil bicos guapaa!