Amosando publicacións coa etiqueta nabizas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta nabizas. Amosar todas as publicacións

martes, 14 de febreiro de 2017

Freixós recheos

Outra vez freixós? Si, o amor por eles é infinito en todas as súas versións. Ben, realmente non é que volvésemos preparar filloas senón que aproveitamos unhas poucas que sobraron para probarmos a lograr un xantar  ben completo a partir delas. 
E tiñamos ganas de probar pois até o momento nunca se fixera na nosa casa unha elaboración dese tipo. Si optabamos por reencher as doces (nocilla, mel, azucre, froita...) mais as salgadas sempre as comeramos soas. Porén, decatámonos das súas grandísimas posibilidades. Xa son moitos os locais onde lle veñen tirando proveito ás filloas recheas e nós non iamos ser menos. 
Optamos por vos ofrecer dúas posibilidades ben diferentes xa for para as preparar xuntas ou para a escolla da vosa preferida. Non vos podemos mostrar preferencia por unha ou outra pois aquí a cada un gustoulle máis unha diferente.
Unha, coa carne como protagonista, moito máis potente; outra moitísimo máis fresca e lixeira onde a verdura centra a atención do padal. Estamos seguros que a vós se vos ocorren outras mil ideas mais queriamos que ficase aquí esta posta en práctica gorentosa que vos recomendamos moi encarecidamente. Agora, tempo de freixós, é o momento! 

Freixós recheos


Ingredientes:


Para a opción 1 (para 4-5 freixós):
  • 300- 350 g de carne picada
  • Un manoxo pequeno de nabizas
  • 4-5 culleradas de salsa de tomate
  • 2 dentes de allo
  • 2 lascas de queixo
  • Un vaso de viño branco
  • 2 culleradas de aceite de oliva 

domingo, 8 de xaneiro de 2017

Pasteliños de patacas e nabizas

Bolboreteir@s, chegou o día da estrea!! Neste domingo de despedida de Nadal hai motivo de ledicia pois ábrese, por fin, unha canle de receitas en galego, cunha primeira videorreceita da que aquí vos queda a explicación e desenvolvemento escrito. Démoslle varias voltas á idea mais finalmente decidímonos por estes novidosos pasteliños de patacas e nabizas pois queriamos que a primeira receita fose sorprendente e ao tempo con identidade propia.
Agardamos agora impacientes os vosos comentarios, gústame e subscricións en Youtube pois queremos saber o que vos parece esta primeira creación en vídeo que preparamos con tanta ilusións para vós. Este vai ser un proceso de aprendizaxe en conxunto, ao igual que o do blogue, no que agardamos ir comezando con novas cousas pouco a pouco e traermos receitas ben gorentosas desas que tanto gustades.


martes, 20 de outubro de 2015

Exaltación de "cherrys" en cama de nabizas

Como vai todo, amig@s!? Resistides o temporal e a auga? Seguro que si, que aquí xa estamos afeitos a isto. Para vos consolar, que saibades que polo sur da Península estaban aínda peor.
E non sei a vós, mais cando temos tempo así e estamos na casa, a nós increméntansenos aínda máis as ganas de nos meter na cociña a argallar novas receitas ou outras das que xa temos en Bolboretas no bandullo.
E nunha destas foi como nos puxemos a cociñar estes produtos que tiñamos na casa, na súa maioría da horta da casa. Veu unha gran cantidade de tomates e nabizas e xa matinamos en como lle tirar proveito. Tiñamos claro que tiña que ser unha receita fresca e lixeira en que destacasen eses elementos e as súas cores e isto foi o que se nos ocurriu:


Exaltación de cherrys en cama de nabizas


Ingredientes:

Para a cama de nabizas:
  • Un bo feixe de nabizas
  • 2 ovos
  • 1 cebola grande
  • 1 culleriña de pemento doce

sábado, 12 de setembro de 2015

Biscoito de nabizas enrolado

Xa por aquí de novo e hoxe con máis ganas que nunca, xa que despois dunha semana moi produtiva a nivel gastronómico, hoxe presentámosvos o que para nós vai ser o prato estrela deste mes e unha das receitas das que máis orgullosos estamos até agora xa que a consideramos unha novidade creada a partir dun dos grandes alimentos da Galiza, o nabo.
Soábanos de ver facer un biscoito de verduras tamén a Arguiñano, debía ser de espinacas, mais non o tiñamos claro. Así que como a avoa nos deu da horta as primeiras nabizas da tempada, aproveitamos para lles tirar o máximo rendemento que se nos ocorreu, facendo un biscoito delas. E como todo invento, a tensión estaba manifesta xa que non sabiamos se quedaría a cor que prentendiamos, nin tampouco o sabor. O verde xa podedes ver como se fixo dono do prato logrando unha verdadeira beleza gastronómica. E canto ao segundo, cómpre dicirmos que a esencia da nabiza se mantén intacta sendo do máis sorprendente co novo formato que lle ofrece o biscoito. Desde logo, só faltaba un bo recheo con salsa para alcanzar a plenitude. E así foi. Non nos fiabamos moito do noso criterio xa que andabamos emocionados coa creación, mais houbo algún outro comensal sorprendido e que prometeu levalo á practica para marabillar á súa xente.
Vai aí!

Biscoito de nabizas enrolado

Ingredientes:

Para o biscoito:
  • 150 gr de nabizas
  • 100 gr de fariña
  • 8 gr de lévedo en po
  • 2 ovos
  • 2 culleradas de aceite de oliva
  • Sal

Para o recheo:
  • 8 lascas de pavo