martes, 20 de outubro de 2015

Exaltación de "cherrys" en cama de nabizas

Como vai todo, amig@s!? Resistides o temporal e a auga? Seguro que si, que aquí xa estamos afeitos a isto. Para vos consolar, que saibades que polo sur da Península estaban aínda peor.
E non sei a vós, mais cando temos tempo así e estamos na casa, a nós increméntansenos aínda máis as ganas de nos meter na cociña a argallar novas receitas ou outras das que xa temos en Bolboretas no bandullo.
E nunha destas foi como nos puxemos a cociñar estes produtos que tiñamos na casa, na súa maioría da horta da casa. Veu unha gran cantidade de tomates e nabizas e xa matinamos en como lle tirar proveito. Tiñamos claro que tiña que ser unha receita fresca e lixeira en que destacasen eses elementos e as súas cores e isto foi o que se nos ocurriu:


Exaltación de cherrys en cama de nabizas


Ingredientes:

Para a cama de nabizas:
  • Un bo feixe de nabizas
  • 2 ovos
  • 1 cebola grande
  • 1 culleriña de pemento doce
  • Un chisco de sal
  • Auga
  • Vinagre (opcional)

Para a ensalada de "cherrys":
  • 25 cherrys
  • 80 gr do voso queixo preferido
  • 5-6 espárragos
  • Ourego
  • Un chisco de sal
  • Aceite de oliva virxe

Utensilios: pota, tixola, picos, coitelo, táboa.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de lavar e cortar as nabizas. De seguir, cocémolas en abundante auga cun chisco de sal durante 20-25 minutos. Reservamos.



Mentres tanto, cocemos os dous ovos en abundante auga cun chisco de sal. Se queredes, podédeslles botar unha cullerada de vinagre para que, se rompen, non se separen. Reservamos. 


Ao mesmo tempo, picamos a cebola en xuliana e rustrímola en dúas culleradas de aceite. 


Cando a cebola estea brandiñas, engadimos o ovo picado e a culleriña de pemento doce. 


Agregamos a cebola co ovo ás nabizas e mesturamos ben. Reservamos.


Aparte, temos de facer as espetadas de cherrys, queixo e espárragos. Para iso, temos de cortar os espárragos e o queixo en anacos cadrados (o queixo podedes escoller o que máis vos guste, nós fixémolas con queixo San Simón afumado, que era o que tíñamos na casa) e ilos colocando interladamente nos espetos xunto cos cherrys. Aliñámolos con dúas culleradas de aceite de oliva virxe, unha cullerada de ourego e un chisco de sal.  


A continuación, temos de preparar a presentación. No centro do prato, colocamos dúas ou tres culleradas da ensalada de nabizas. Para que teña máis sabor, podedes botarlle un chisco de vinagre.


E, sobre as nabizas, colocamos dúas ou tres espetadas. 


Xa vedes que é unha forma divertida e orixinal de aproveitar os produtos da horta cando veñen en grandes cantidades. Como fondo hai unha base tradicional xa que partimos dunha ensalada de cherrys e doutra de nabizas para lles dar unha volta nun prato un tanto máis moderno mais tamén moi moi saboroso e orixinal. Unha mestura de cores e sabores para dignificar os nosos produtos e lle sacar o máximo produto a eses simpáticos cherrys tan divertidos de devorar. Unha forte aperta, lambereteir@s!

2 comentarios:

  1. Pero que propuesta mas original para comer las navizas me encanta tu exaltacion de cherrys en la cama de navizas,te ha quedado un plato fantastico ademas de rico.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar