Amosando publicacións coa etiqueta Nadal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nadal. Amosar todas as publicacións

sábado, 30 de decembro de 2023

Árbore de Nadal (10º aniversario)

Bo día, bolboreteirxs! Hoxe é un día moi especial, non só porque é a última receita deste ano 2023, senón tamén porque hoxe é o noso 10 aniversario. 10 anos xuntos, bolboreteirxs, nos que compartimos receitas e vivistes con nós moitos momentos especiais da nosa vida. Mil grazas polo voso apoio e por estar sempre aí léndonos e apoiándonos neste aventura. Sodes unha motivación para seguirmos cociñando e xogando cos ingredientes. 
Como vos contamos o outro día, estamos embarazados de novo, en breves teremos a Maia con nós e agardamos que sigades vendo desde as vosas pantallas como este amor e estas receitas medran e medran. 
Para celebrarmos este décimo aniversario, deixámosvos a última receita do ano, unha árbore natalicia moi vistosa, ideal para rematar a última cea do ano ou empezar o 2024 da mellor forma posíbel. 
Evidentemente, sabemos que nas vosas mesas non han de faltar turróns, mazapáns e doces tradicionais de todo tipo mais como son datas de xuntarnos a nós sempre nos gusta tirar dalgún recurso orixinal coa intención de sorprender. Velaquí esta nosa idea que a fin de contas resume un pouca as nosas intencións nestes dez anos, achegarvos unha pouca de cor e moito moito sabor. 


Árbore de Nadal (10º aniversario)



Ingredientes: 

  • 2 láminas de follado     
  • 1 ovo 
  • Azucre 
Para a crema pasteleira de laranxa e canela: 
  • 1/2 l de leite 
  • 80 g de azucre 

martes, 12 de decembro de 2023

Galletas natalicias

Bo día, bolboreteirxs! Facer galletas é un dos plans favoritos dos días de choiva ou de frío que non apetece moito saír da casa; ademais, se as facemos en familia todo é máis especial, porque os peques sempre están moi motivados. Alén disto, cando as galletas estean feitas podemos facer un chocolate quentiño mentres desfrutamos dunha película xuntos. 

Estas galletas tamén son ideais para regalar, meténdoas nunhas bolsiñas bonitas cun lazo, ou incluso para facer adornos para a árbore comestíbeis. Son agasallos do máis especial, xa que están feitos con todo o noso cariño e amor. 


Galletas natalicias



Ingredientes: 

Para as galletas: 

  • 145 g de fariña 
  • 50 g de fariña de améndoa        
  • 115 g de manteiga 
  • 60 g de azucre glas 
  • 1 culleriña de vainilla 

venres, 1 de decembro de 2023

Torta natalicia de chocolate con ganache de chocolate branco

Bo día, bolboreteirxs! Que tal estades? Chegou decembro o mes do Nadal, e con el unhas receitas deliciosas cun toque natalicio. Ao final conseguimos aguantar até o día 1, eu creo que nin nós mesmos tiñamos confianza niso!
Comezamos cun doce exquisito, moi vistoso que se alonxa un pouco das lambonadas típicas desta época mais sería unha opción xenial para unha comida/cea con amigos ou para sorprender na mesa de Nadal ou fin de ano. Iso si, é unha torta para adictxs ao chocolate, biscoito de chocolate e ganache de chocolate branco! Aínda que a torta sexa un pouco laboriosa, é moi sinxela de facer, ao igual que a decoración. 


Torta natalicia de chocolate con ganache de chocolate branco



Ingredientes (para un biscoito alto de 22 cm): 

Para o biscoito: 

  • 800 g de fariña 
  • 520 g de azucre 
  • 500 ml de leite        
  • 500 ml de auga 
  • 360 ml de aceite de oliva suave 

martes, 3 de xaneiro de 2023

Roscón "Pink Velvet"

Feliz 2023, bolboreteirxs! Esperamos que este ano veña cargado de moita felicidade e que todos os vosos desexos se cumpran 🥰❣️ Nós esperamos seguir acompañándovos un ano máis e que as nosas receitas vos gusten e as poñades en práctica 😉.
Primeira receita do ano e, como non podía ser doutra forma, traémosvos unha nova versión do Roscón de Reis 👑. Xa sabedes que tedes a versión clásica, unha das máis lida do noso blogue, e a versión chocolateada.  A torta "Red Velvet" é unha das nosas favoritas e cando lle vimos a Alma Obregón a receita deste delicioso Roscón non dubidamos en poñela en práctica. Veña! Tomade nota, que aínda nos dá tempo de facelo para a noite do 5 ou o almorzo do 6. 



Roscón "Pink Velvet"



Ingredientes:

  • 415 g de fariña de forza
  • 160 ml de leite
  • 90 g de azucre 
  • 60 g de manteiga
  • 7 g de lévedo seco de panadaría      
  • 2 ovos
  • 3 culleradas de esencia de vainilla
  • 1 cullerada de cacao puro

martes, 27 de decembro de 2022

Caldo (ou fumet) de lagostinos

Bo día, bolboreteirxs! Como foi a Noiteboa e o día de Nadal? Pasou o Apapalpador ou Papá Noel, ou sodes máis dos Reis Magos? Nós, como podedes ver, estamos aproveitando para cociñar e, por iso, hoxe vos traemos unha nova receita. 

Os caldos, ou fumets, son elaboracións que nos van axudar a darlle moito sabor a outros pratos, como poden ser arroces, guisos ou salsas, e así podemos potenciar o sabor dos produtos e que sexan moito máis intensos. Nós usamos moito este caldiño para facer arroz negro ou pasta con gambas ou lagostinos; aínda que tamén pode servir para facer salsa de marisco ou algún guiso de peixo para estas festas. 

Queremos compartir hoxe a receita por aquí porque vos pode ser de moita utilidade para o menú de Noitevella ou Aninovo, así que, aquí vai: 



Caldo (ou fumet) de lagotinos



Ingredientes:

  • 500 g de cascas de lagostinos
  • 1 cebola pequena                    
  • 2-3 dentes de allo
  • Auga

venres, 23 de decembro de 2022

Chocolate á cunca con nubes

Bo día, bolboreteirxs! Que tal? Xa tedes todo preparado para a Noiteboa e o Nadal? Nós temos todo listo e ademais imos desfrutar duns días coa familia e as amizades por Viveiro! 
Cando estivemos en Copenhague, desfrutamos moito dos chocolates á taza, xa que era unha boa forma de entrar en calor. Alucinamos co seu sabor, en concreto, cun dos que tomamos nunha cafetaría moi riquiña 🥰 vendo nevar desde a ventá ❄️ ⛄️ e intentamos recrealo con esta receita, que será unha das primeiras que vos traeremos con inspiración danesa. Imos aló con esta delicia doce. 


Chocolate á cunca con nubes!



Ingredientes:

  • 250 ml de leite  
  • 40-50 g do chocolate que máis vos guste 

martes, 20 de decembro de 2022

Coroa natalicia de canela

Bo día, bolboreteirxs! Se pensamos non sabores, e olores, do Nadal seguro que pensamos na canela, na laranxa, no chocolate, na améndoa... Para esta ocasión decidimos xuntar a canela co follado porque sabemos que vai ser un éxito asegurado, porque xa só co olor cando esta sobremesa estea no forno atraerá aos máis larpeirxs da casa! 
As coroas tamén son típicas destas festas, poñémolas de decoración nas portas, nas mesas... e tamén é unha idea xenial para darlle formas aos nosos doces, xa que quedan moi vistosos. Dito isto, imos aló coa receita. 



Coroa natalicia de canela



Ingredientes: 


  • 1 lámina de follado 
  • 100 g de manteiga a temperatura ambiente            
  • 80 g de azucre 

mércores, 14 de decembro de 2022

Árbore natalicia para petiscar

Bo día, bolboreteirxs! Que tal estades? Como foi a ponte? Como sabedes estamos nunha época de xuntanzas, tanto coa familia, amizades, compañeirxs de traballo… e esta é unha receita ideal para empezarmos un destes xantares 🥰❣️ 
Pode parecer cedo mais de seguro que moitas familias xa estades pensando na elaboración do menú de Nadal. Hai pratos que non adoitan fallar e que xa supoñen tradicións da casa mais nós pensamos que moitas vees hai dúbidas para os petiscos que dan entrada ao xantar ou cea polo que queriamos traervos unha idea moi simple mais que seguro lucirá xenial nas vosas mesas. Imos botar man das masas que tanto nos gustan para crear unha árbore a compartir polos comensais :-)




Árbore natalicia 



Ingredientes:

Para a masa:

  • 200 g de fariña de forza 
  • 200 g de fariña integral             
  • 400 ml de auga 
  • 50 ml de aceite 
  • 1 sobre de lévedo de panadaría 
  • Un chisco de sal 

martes, 22 de novembro de 2022

Cornos de Oreo e chocolate branco

Que tal, Bolboreteirxs? Este primeiro trimestre do curso está voando e xa temos aí o Nadal. Nós xa estamos a tope porque nos encanta está época do ano, e tamén andamos pensando no menú das festas, e as lambonadas, que non poden faltar. 
Estes cornos poder ser unha boa idea para un almorzo/merenda para desfrutar en familia ou coas amizades, e podémolo facer máis natalicio cambiando o chocolate branco por turrón! Asegurámosvos que son uns bocados deliciosos, e adictivos! Aí vai a receita. 



Cornos de Oreo e chocolate branco




Ingredientes:

  • 1 lámina de follado 
  • 8-9 galletas Oreo 

domingo, 20 de decembro de 2020

Coroa de verduras

Boa tarde, bolboreteir@s! Que tal todo? Imaxino que xa con ganas de que cheguen os días de Nadal para darvos unhas boas homenaxes gastronómicas. Xuntar non nos xuntaremos mais papar habemos de papar ben.

Ben, pois alén dos pratos clásicos, mariscos e demais, nós queremos traervos algunha idea diferente, para aqueles que gusten das probas e os experimentos culinarios. Este ano, como non imos ter tantos comensais, talvez sexa o momento de facer un menú totalmente ao noso gusto.

Pois presentámosvos unha coroa na que destacan as verduras e que poden supor un entrante ben lixeiro antes dos atracóns que nos daremos. Nós probámolo na fin de semana e deixounos un moi bo sabor de boca.  Aí vai!




Coroa de verduras


Ingredientes:

  • 1 lámina de follado
  • 1/2 cabaciña
  • 1/2 pemento vermello 
  • 1/2 pemento amarelo
  • 2 champiñóns
  • Tomatiños
  • Queixo feta

domingo, 6 de decembro de 2020

Torta Reno

Publicamos tarde mais chegamos noutra fin de semana. Ben, agora si que si, para nós xa é tempada de luces, doces, árbore e respostaría de Nadal. A pesar de que é un ano ben complexo, tiñamos moitas ganas desta época para desconectar un pouquiño da dinámica de todo o ano e celebrar que van vir tempos mellores. E nós para celebrar facémolo como mellor se nos dá: papando e creando novas receitas.

A de hoxe vaivos gustar moitísimo! Especialmente aos máis chocolateir@s da casa. Traemos unha torta que xa entra polos ollos mais sorprende máis o padal pola súa intensidade e dozura. Unha sobremesa daquelas ás que non podemos chegar fartos senón que merecen un oco especial no menú e no noso bandullo. Imos por ela!




Torta Reno


Ingredientes:

Para o biscoito:
  • 370 g de fariña
  • 350 g de azucre
  • 300 g de manteiga
  • 250 g de chocolate con leite
  • 250 g de iogur grego
  • 6 ovos
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 cullerada de vainilla
  • Un chisco de sal
Para o recheo e a decoración:
  • 750 ml de nata

sábado, 21 de novembro de 2020

Solombo á mostaza

Boas, bolboreteir@s! Como imos neste novembro sen bares? Non nos podemos queixar moito que canto menos estamos a ter sol para saír pasear. Aquí agradecémolo moito, sobre todo polo peque. 

E esta maña dedicámolo a organizar un pouquiño as cousas da casa e a preparar algunha receita nova. Alén da lambetada que vos presentaremos proximamente, traemos hoxe unha carne cociñada dun xeito pouco tradicional mais moi sinxelo e sobre todo saboroso, que é o que nos interesa aquí. 

Desta volta, procuramos inspiración e encontrámola na canle de Youtube de "Cocina con Carmen". Así pois, recreamos a idea para compartir cos nosos amig@s lectores. Aí vai!



Solombo á mostaza



Ingredientes (para 2 solombos):

     
  • 2 solombos
  • 2 cebolas
  • 2 dentes de allo 
  • 4 culleradas de mostaza
  • 2 culleradas de mel
  • 300 ml de caldo 

martes, 31 de decembro de 2019

Trufa de mazapán

Rematamos o ano de maneira doce, como non podía ser doutra forma. Tal e como foi o 2019 para nós. E agardamos que para vós tamén. Que por certo, onte cumprimos xa 6 anos de Bolboretas no bandullo. Como pasa o tempo!!!!
Ben, pois imos partir dun clásico nas sobremesas de Nadal mais cunha reviravolta. Os mazapáns non adoitan faltar nos fogares galegos mais é certo que ao igual que os acompañantes doces adoitan ser mercados xa que nestes menús natalicios xa se inviste moito tempo no resto dos pratos. Pois ben, como vimos dicindo xa noutras publicacións destas datas, nós animámosvos a deixardes uns minutos tamén para preparar algunha sobremesa vós mesmos. E precisamente os mazapáns é un deses pratos que gaña moito moitísimo na versión caseira. Somos conscientes de que outros produtos (véxase o turrón de Suchard) logran un sabor inconfundíbel que é difícil de imitar ou superar mais noutros como no caso que aquí hoxe presentamos, imos superar por moito a versión comercial. Ademais, dándolle unha nova volta. Velaquí está!



Trufa de mazapán



Ingredientes:


  • 300 g de améndoa moída
  • 200 g de azucre glas
  • 100 g de galletas "maría"

sábado, 28 de decembro de 2019

Zamburiñas

Boas festas, bolboreteir@s! Esperemos que esteades pasando uns días marabillosos coa vosa xente. Nós estamos a vivir un Nadal do máis especial mais iso si, en calquera momento, rebentamos!
E falando de comida. Non vos pasou nunca que non sabedes como puidestes vivir sen algo até o momento en que o probades. Pois as zamburiñas entraron hai ben pouco na nosa listaxe de mariscos e fixérono para quedar para sempre. E este foi o primeiro Nadal en que as preparamos na casa e guauuuuuuuu. Que delicatessen! Un destes mariscos aos que apenas lles fai falta nada para sobresaír. Ben, en realidade como a maior parte dos nosos produtos do mar. Aquí vai!




Zamburiñas



Ingredientes:


  • Zamburiñas
  • Aceite de oliva

martes, 24 de decembro de 2019

Pequetrufas

Bo día, bolboreteir@s! Aquí estamos nun dos días máis especiais do ano traéndovos unha receita ideal para preparar cos reis da casa, polo menos nestes días. Andabamos argallando nestes días lambetadas deste tipo para aquelas xornadas en que nos toca cociñar cos máis pequen@s e demos con esta idea, sumamente sinxela. Iso si, para días especiais pois como vedes non é a merenda ou sobremesa máis saudábel do mundo.
Iso si, sabemos que garanten un momento moi divertido de amasado e triturado e sen ningún tipo de risco. De feito, aquí poden encargarse practicamente da totalidade das tarefas. O noso non, que ten catro meses, pero para @s que comezan na cociña resulta do máis axeitada.




Pequetrufas



Ingredientes (para 10 trufas):


  • 7 galletas Príncipe

sábado, 14 de decembro de 2019

Panettone

Olaaaaaaa!!!!!!!!!! Apenas dúas semanas para o Nadal e aquí xa temos os menús decididos e as larpeiradas pensadas para os grandes festíns alimenticios. 
E hoxe cumprimos cunha autodemanda que nos tiñamos feitos desde hai ben tempo: o panettone. Unha das sobremesas por excelencia do Nadal, especialmente en Italia onde se converte en verdadeiro epicentro das mesas natalicias.
Pois ben, nós que somos amantes das masas e das preparacións de pan, tiñamos que facer isto antes ou despois. É certo que non é un doce que adoitemos mercar na nosa casa, non temos esa tradición e de feito até hai nada non o probaramos. Porén, foi degustalo e confirmar o éxito deste produto. Iso si, cremos que é un deses produtos que gañan moitísimo con elaboración caseira. Ou será que saíu moi ben por aquí... hehe. Aquí vai!



Panettone


Ingredientes:


Prefermento:
  • 50 g de fariña de forza
  • 35 g de auga tibia
  • 15 g de lévedo
  • 10 g azucre
Masa:
  • 300 g de fariña de forza
  • 85 g de azucre
  • 75 g de manteiga
  • 3 ovos

sábado, 29 de decembro de 2018

Bombóns estilo Ferrero

Bo día, bolboreteir@s! Está rematando o ano e imos concluír con moi moi bo sabor de boca, cunha das especialidades da casa, as larpeiradas chocolateiras.
Desta volta, aproveitamos a encarga que nos fixo Miriam Viveiro, unha delicia para @s peques cos que está a traballar a cerámica nestas vacacións de Nadal.
E pensando nunha delicia, ollamos para o que tiñamos na casa e boom! Por que non tentar facer os típicos Ferrero Rocher que conquistan a todo o mundo. Parecía unha misión complexa e arriscada mais, na realidade, todo o contrario. É un proceso ademais moi divertido se queredes probar a facer coas crianzas da casa, pois hai que traballar especialmente con chocolate, o que lles adoita encantar.
Agora si, unha vez probado o resultado, tememos que baixen bruscamente as vendas dos produtos Ferrero pois estes bombóns caseiros serven para lle facer fronte con todo descaro. Palabra de bolboreteir@s! E ademais, sempre está o encanto do caseiro, do traballado coas nosas propias mans. Ai, que receita! Velaquí a tedes!



Bombóns estilo Ferrero



Ingredientes:

  • 250 g de crema de cacao 
  • 250 g de chocolate con leite
  • 200 g de abelás

sábado, 22 de decembro de 2018

Roast beef con salsa gravy

Boa tarde, bolboreteir@s! Xa fica menos para o Nadal. Iuhuuuu. Xa anda o Apalpador cos sacos de castañas preparad@s e nós maxinando os nosos menús para estes días tan lambóns. Hoxe, de novo, tiramos da aprendizaxe adquirida nestes días na Gran Bretaña, onde coidan especialmente os menús natalicios e botamos man dun clásico, o roast beef. Aquí a clave está en contar cunha boa materia prima e despois procurar o punto de cociñado, a gusto do consumidor. Ides ver que nós optamos por pasar un pouco a carne.
Traemos pois un bocadiño inglés para este Nadal. Preparad@s? Imos alá!



Roast beef con salsa gravy



Ingredientes:


Para o roast beef:
  • 1 peza de solombo
  • 5 culleradas de aceite
  • 1 culleriña de allo en po
  • 1 culleriña de pirixel
  • 1 culleriña de ourego
  • 1 culleriña de romeu

martes, 18 de decembro de 2018

Pastel de polo

Boa noite, bolboreteir@s! Como vai a semana. Nerviosos ante a chegada do Nadal? Nós un pouco, que somos como nen@s! Hahaha.
Ben, como sabedes quen nos seguides nas RRSS, esta ponte de decembro viaxamos até Londres, para vivir ese espírito do Nadal tan peculiar e tamén para descubrir unha gastronomía que ten moitos seguidores mais tamén moitos detractores. Ás veces transcende unha imaxe da gastronomía británica un tanto sesgada. Hai moito por descubrir, especialmente nestas datas. Hoxe imos cunha desas "pie" que tanto gustan e que aquí triunfou e mesmo pode formar parte do menú natalicio. Imos alá!



Pastel de polo


Ingredientes:

  • 2 láminas de follado
  • 2 peitugas de polo
  • 3-4 cenorias
  • 2 allos porro
  • 1 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 2 culleradas de fariña de arroz/maicena
  • 1 culleriña de pemento picante
  • Ourego

sábado, 8 de decembro de 2018

Mendiants de chocolate

Bo día, bolboreteir@s! Como ides? Nós andamos de viaxe mais xa deixamos unha receitiña preparada para vos mostrar.  Como sempre, cando non temos moi claro que facer, investigamos nos libros e na rede para dar con algunha lambetada de interese. E desta volta chegamos aos "mendiants". E preguntarades que é isto? Pois unha chocolada receita francesa con significado "méndigo", na que esta mendicidade está representada por uns poucos froitos secos que emerxen nesta delicia.
Como ides ver, caracterízase pola sinxeleza e pouco traballo e ao mesmo tempo, por este resultado tan doce e interesante.
Ben, nunca oiramos falar deles mais aquí chegan os mediants para non marchar xamais. Iuhu!!!





Mendiants de chocolate



Ingredientes:

  • 200 g de chocolate
  • Pistachos, anacardos, noces...