Amosando publicacións coa etiqueta torta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta torta. Amosar todas as publicacións

luns, 23 de setembro de 2024

Torta de Nutella e Lindt

 Bo día, bolboreteirxs! Que tal? Como vai este inicio de curso? Nós aquí xa estamos a tope coa nova rutina sendo 4 e intentaremos sacar tempo para poder publicarvos varias receitas que vos temos preparadas, que están deliciosas!! 

Esta fin de semana celebramos o aniversario da miña irmá e, como xa sabedes, na nosa casa somos moi lambonas e a torta tiña que ser de chocolate, non había ningunha dúbida. Estivemos buscando pola rede e, con algunhas variacións, temos aquí a torta chocolateada perfecta. Iso si, é unha bomba, quedades advertidxs! 


Torta de Nutella e Lindt


Ingredientes:

Para a base:
  • 250 g de galletas tipo Digestive
  • 120 g de manteiga
  • 1 cullerada de azucre en po
  • 1 cullerada de cacao puro en po
  • Unha presa de abelás picadas    
Para o recheo:
  • 400 ml de nata para montar
  • 300 ml de Nutella
  • 250 ml de leite
  • 80 ml de auga moi fría
  • 15 g de xelatina en po
  • 12-14 bombóns Lindt

venres, 1 de decembro de 2023

Torta natalicia de chocolate con ganache de chocolate branco

Bo día, bolboreteirxs! Que tal estades? Chegou decembro o mes do Nadal, e con el unhas receitas deliciosas cun toque natalicio. Ao final conseguimos aguantar até o día 1, eu creo que nin nós mesmos tiñamos confianza niso!
Comezamos cun doce exquisito, moi vistoso que se alonxa un pouco das lambonadas típicas desta época mais sería unha opción xenial para unha comida/cea con amigos ou para sorprender na mesa de Nadal ou fin de ano. Iso si, é unha torta para adictxs ao chocolate, biscoito de chocolate e ganache de chocolate branco! Aínda que a torta sexa un pouco laboriosa, é moi sinxela de facer, ao igual que a decoración. 


Torta natalicia de chocolate con ganache de chocolate branco



Ingredientes (para un biscoito alto de 22 cm): 

Para o biscoito: 

  • 800 g de fariña 
  • 520 g de azucre 
  • 500 ml de leite        
  • 500 ml de auga 
  • 360 ml de aceite de oliva suave 

luns, 18 de setembro de 2023

Torta "Happy Hippo"

Bo día, bolboreteirxs!Hoxe volvemos con novas ideas despois duns meses de descanso, e volvemos cunha receita TOP, a torta que fixemos para o 4ª aniversario de Xiao. O noso peque, ao contrario que nós, aínda non é moi lambón, mais estas barriñas encántanlle polo que intentamos recrealas en forma de torta. É unha torta sinxela, só temos que ter unha pouca de paciencia cos tempos. Aquí vos queda o paso a paso. 


Torta "Happy Hippo"



Ingredientes (para un molde de 26 cm): 

Para a base: 

  • 300 g de galletas, tipo oblea 
  • 50 g de manteiga 

Para a primeira capa: 

  • 250 g de chocolate con leite 
  • 420 ml de nata 

domingo, 27 de novembro de 2022

Crostata de Nutella

Bo día, amig@s!!! Como vai todo? Vaia ben ou mal, nós hoxe pretendemos adozarmos o día e ofrecervos unha idea moi chocolateira.

Neste verán, como xa vos contamos en máis dunha ocasión, estivemos na illa italiana de Sardegna, un paraíso en moitos aspectos e toda unha sorpresa a nivel gastronómico. Aínda que nós namoramos especialmente das pizzas, (posibelmente as mellores que nunca probamos, e xa estiveramos en Italia máis veces), chamounos a atención bastante unha lambetada que atopabamos con diversos recheos. A crostata na verdade é unha das sobremesas máis típicas nas casas italianas, unha especialidade de avoa que encontramos en diversas pasticceria. A verdade é que o máis habitual foi encontralas con marmelada de pexego xa que este froito era moi típico, especialmente na zona de Alghero. E esas... moi ben, mais a verdadeira xenialidade para nós está na combinación máis tradicional, co chocolate, concretamente coa Nutella. 

Como a maioría das crostate que atopabamos eran pequeniñas, viñemos co antollo dunha versión para fartar, unha señora crostata que preparamos con bo motivo, o aniversario da que escribe. O resultado foi o imaxinado, satisfacción máxima e capricho cumprido. Non podemos máis que avisarvos de que non babexedes no teclado. 



Crostata de Nutella



Ingredientes:


  • 500 g de Nutella
  • 500 g de fariña   
  • 135 g de azucre    

domingo, 28 de novembro de 2021

Tortaleta de chocolate e crema Kinder

Hoxe vimos fortes, moi fortes. Non hai choiva que free a dozura coa que vos imos conquistar nesta xornada. Aquí nesta casa somos moi de celebracións e claro, cada vez que hai un aniversario botamos un par de semanas de festexos. Vale, vale, non seguidas pero a verdade é que entre celebración na casa, coas amizades, cos compis de traballo, familia e demais, ao final, xuntamos unha boa canntidade de comiolas. Para algunhas encargamos, para outras cada un trae algo pero tiñamos claro que unha das tortas tiña que ser para cumprir os caprichos máximos da honrada que neste caso é a presente, haha.

Desta forma fomos a un dos nosos produtos de perdición, o chocolate Kinder e arredor de varios deles configuramos unha torta que para nós é practicamente inmellorábel. Neste caso o mérito é do produto utilizado, claro. Tiñamos claro que ía ser imposíbel que fracasara unha torta que contén estes produtos. Así pois... elaborar e... darse unha homenaxe con todas as letras!!!!



Tortaleta de chocolate e crema Kinder



Ingredientes:           


  • Masa crebada
  • 400 g de crema Kinder/ cacao con abelás
  • 200 g de chocolate con leite          
  • 100 g de chocolate de praliné (ou 300 con leite)
  • 300 g de nata 35%
  • Kinder Bueno, Happy Hippo, Choco-bons…
  • Chocolate branco
  • Purpurina comestíbel (opcional)

domingo, 6 de decembro de 2020

Torta Reno

Publicamos tarde mais chegamos noutra fin de semana. Ben, agora si que si, para nós xa é tempada de luces, doces, árbore e respostaría de Nadal. A pesar de que é un ano ben complexo, tiñamos moitas ganas desta época para desconectar un pouquiño da dinámica de todo o ano e celebrar que van vir tempos mellores. E nós para celebrar facémolo como mellor se nos dá: papando e creando novas receitas.

A de hoxe vaivos gustar moitísimo! Especialmente aos máis chocolateir@s da casa. Traemos unha torta que xa entra polos ollos mais sorprende máis o padal pola súa intensidade e dozura. Unha sobremesa daquelas ás que non podemos chegar fartos senón que merecen un oco especial no menú e no noso bandullo. Imos por ela!




Torta Reno


Ingredientes:

Para o biscoito:
  • 370 g de fariña
  • 350 g de azucre
  • 300 g de manteiga
  • 250 g de chocolate con leite
  • 250 g de iogur grego
  • 6 ovos
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 cullerada de vainilla
  • Un chisco de sal
Para o recheo e a decoración:
  • 750 ml de nata

domingo, 6 de setembro de 2020

Torta Arco da Vella (1º aniversario do Xiao)

Boa noite, bolboreteir@s! Hoxe imos traervos unha das receitas máis especiais que aquí presentamos pois é a elaborada para o primeiro aniversario do peque da casa, do Xiao. 

Para non xuntarnos moitos tivemos celebracións en varios días e a verdade é que levamos unha boa tempada de doces. Algúns mercados e outros como o que aquí presentamos hoxe, feitos na casa con toda a ilusión e agarimo posíbeis. 

Tiñamos moitas ganas desde hai tempo de elaborar unha torta deste estilo e este era o momento ideal. Cun pouco de paciencia e tempo, logramos unha larpeirada apetitosa desde a primeira ollada até o último bocado. Que gozada! Imos por ela.



Torta Arco da Vella


Ingredientes:


Para o biscoito:
  • 400 g de fariña  
  • 400 ml de aceite de xirasol
  • 400 g de azucre
  • 20 g de lévedo en po
  • 3 culleradas de vainilla
  • 8 ovos
  • Colorantes

Para o recheo e decoración:
  • 525 g de manteiga
  • 330 g de azucre
  • 6 claras de ovos

sábado, 11 de xullo de 2020

Torta de crema de chocolate e amorodos (e galletas oreo)

Bo día, bolboreteir@s! Vaia fin de semana, deberiamos estar no pleno balbordo das festas de verán e aquí andamos, argallando a troula á nosa maneira, na casiña e con tranquilidade. E celebrando calquera día sen máis xustificación que as ganas de papar unha boa torta na mellor compaña. E iso é o máis importante. Dirián @s máis vell@s: o caso é que haxa saúde. E ganas de comer. 
E nós cremos que esta torta só con vela xa dá ganas de botarte á cociña e argallar a autohomenaxe, lambendo os sobrantes de cada preparación. 
Aquí gustou moitísimo, como era de esperar, e pouco sobrou, porque os lambóns abundan. E vós sabemos que tamén sodes moi moi larpeir@s!





Torta de crema de chocolate e amorodos (e galletas Oreo)




Ingredientes:

Para a base:
  • 450 g de galletas Oreo
  • 150 g de manteiga
Para o recheo:

  • 600 ml de nata
  • 300 g de chocolate negro/con leite
  • 300 g de amorodos
  • 60 ml de auga

mércores, 6 de maio de 2020

Torta da avoa

Pero como podía ser, amig@s, que case 7 anos e 600 receitas despois non tiveramos no blogue unha das nosas receitas "fetiche"? Estabamos alucinados cando nos decatamos deste oco na nosa listaxe. Mais a solución foi sinxela. Poñémonos inmediatamente coa creación. E con isto non tardamos moito porque temos cada un dos pasos ancorados na nosa memoria pois son moitos anos recreando esta lambetada na nosa casa, tanto pola nosa parte como da mamá e a avoa.
Sexa como for, alén de clásica, é para nós unha das sobremesas máis efectivas nos fogares e restaurantes galegos. Unha combinación sinxela que serve para pór o broche larpeiro perfecto a calquera menú. Hai diversas variantes e aquí vos deixamos a nosa para que comparedes ou poñades en práctica.



Torta da avoa


Ingredientes: 

  • 2,200 l de leite
  • 3 sobres de Flanín
  • 150/200 g de chocolate Paladín
  • Galletas tipo “María”
  • Viño doce

sábado, 10 de agosto de 2019

Torta mousse de pexegos

Bo día, bolboreteir@s! Fin de semana de Maruxaina, finde de festas e finde de moito comer. @s lambóns estamos de noraboa, claro! Así pois, sumámonos con esta tremenda receita. Ides pensar que estamos obsesionados cos péxegos e moita razón non vos falta. Recordade que os antollos son frecuentes nesta familia ultimamente e desta volta deunos por unha froita. É certo que tivemos que mercalos porque aínda non se nos dan mais ante a gula pouco nos puidemos resistir.
Despois da marmelada e da torta de chocolate e pexegos, hoxe traemos unha outra torta moito máis fresca e lixeira, ideal para estes días de calmazo.
Aquí uns cantos amig@s  deron boa conta dela e pouco durou sobre a mesa. Preguntaban pola receita e agora xa vai ficar ao seu dispor para elas e tamén para tod@s vós.


Torta mousse de pexegos


Ingredientes (para un molde de 26 cm):


Para a base:
  • 300 g de galletas oreo
  • 2-3 culleradas de manteiga
Para o recheo:
  • 600 g de pexegos
  • 400 g de nata para montar
  • 150 g de azucre
  • 1 iogur de pexegos

martes, 6 de agosto de 2019

Torta de pexegos e chocolate

Boas, bolboreteir@s!!! Como vai todo? Hoxe traemos unha oda ás receitas doces e unha perdición para as persoas máis lambonas. Esta fin de semana aproveitamos que David estaba de aniversario e que eran as festas do barrio en Cantarrana (Viveiro) para prepararmos unha sobremesa ambiciosa. O de ambiciosa é porque tiñamos ganas de algo moi doce, non pola dificultade.
Ben, pois vistes que no último día publicamos a receita da marmelada de pexegos e non era casual. Andamos con antollo deles e queriamos unha torta na que foran elemento clave. E así foi.
A verdade é que non recordamos ter probado esta combinación de pexegos e chocolate antes mais tamén por iso tiñamos grandes expectativas. E vaites se se cumpriron.
De igual modo que gustamos moito doutras mesturas choco-froita, namoramos desta xa que o pexego dá o frescor necesario nunha lambetada ben intensa por mor do chocolate. Babexamos só de matinar en degustala de novo, aí vai.



Torta de pexegos e chocolate


Ingredientes:

Para a base:
  • 440 g de fariña
  • 250 g de manteiga
  • 150 g de azucre
  • 40 g de cacao puro en po
  • 2 ovos

martes, 25 de xuño de 2019

Torta de chocolate e crema de framboesas

Bo día, bolboreteir@s! Nótase que estamos de festa e de paparota que ollade tremenda lambetada vos presentamos hoxe. Nada máis e nada menos que unha torta de chocolate con crema e framboesas. Haivos poucas maneiras mellores de adozar o voso menú.
Andamos matinando estes días en que preparar para o noso xantar de San Xoán e acabamos por chegar a esta idea que conquistou os nosos bandullos chocolateiros pola dozura e os contrastes achegados polas froitas.
Agora que veñen festas unha detrás de outra cremos que é ben ter á man ideas coma estas para así non andar toleando coa maneira de como sorprender as vosas convidadas e convidados. E ben, con isto ides gozar moito vós tamén, que a fin de conta quen cociña é quen máis merece papar, haha.
Aquí está!


Torta de chocolate e crema de framboesas


Ingredientes:


Para o biscoito:
  • 270 g de fariña
  • 225 g de azucre
  • 225 g de manteiga
  • 200 g de chocolate
  • 5 ovos
  • 1 iogur e medio natural
  • 1 culllerada de vainilla
  • 1 sobre de lévedo en po

martes, 12 de setembro de 2017

Torta súper sinxela de nata e froitos do bosque

Bo martes, bolboreteir@s!! Como levades o inicio escolar, por aquí aínda andamos aproveitando os últimos días antes da chegada dos adolescentes ao insti e con moita ilusión por un curso especial.
E entretanto, seguimos dándolle ao maxín para crear novas receitas aínda que ben é certo que a que hoxe vos traemos ten de todo menos complicación.  Como estivemos de festa esta fin de semana na Xunqueira (Viveiro) e preparamos uns mexillóns, cocido, e pementos recheos, quedaba pouco tempo para a torta polo que argallando entre os libros que temos pola casa tiramos ideas duns e doutros para lograr unha torta súper sinxela, ideal para @s que queren dar primeiros pasos na repostaría cunha larpeirada non moi arriscada.
Iso si, o feito de que sexa para dummies non quere dicir que sexa menos saborosa ca outras. Xa imaxinades que unha combinación de galleta, nata e froitos do bosque, non vai fallar. Imos alá!



Torta súper sinxela de nata e froitos do bosque



Ingredientes:


  • 15/20 galletas
  • 1 l de nata
  • 2 vasos de leite
  • 1/2 vaso de azucre
  • 3 sobre de callada
  • 200 g de marmelada de froitos do bosque
  • Framboesas e arandos
  • Xarope de chocolate/caramelo (opcional)

martes, 30 de maio de 2017

Brazo de xitano de chocolate

Seguimos de doce. Pasamos unha tempada en que apenas coincidiron tortas e doces e agora, por uns motivos ou outros, estamos a facer de Bolboretas no bandullo unha oda ao azucre e ao chocolate. E claro, tamén ás lambonadas.
Non é a primeira vez que preparamos un brazo de xitano, que para nós sempre é aposta segura, mais desta volta fixemos un especial para @s comensais, especialmente chocolateir@s. A pesar de que non é a sobremesa máis lixeira pola potencia de cada porción, fixémola desaparecer nun abrir e pechar de ollos. 
Desde aquí, aínda que estramos na fase final do curso e tamén na de última preparación para as ansiadas oposicións, damos por comezada a etapa de festas. E xa sabedes, en Galiza todo se celebra comendo, devorando. Deberemos ir facendo acumulación de recursos entón para estar preparados ante os festexos que veñen. Velaquí un ben saboroso!



Brazo de xitano de chocolate


Ingredientes:



Para o biscoito:
  • 200 g de azucre
  • 90 g de fariña
  • 50 g de cacao
  • 50 ml de aceite
  • 6 ovos
  • Un chisco de sal
  • 1 culledada máis de cacao

sábado, 27 de maio de 2017

Tortaleta de choconata

Bolboreteir@s, imos rematando maio e achégase o verán aínda que a nós aínda nos queda a etapa de máis apuro, mais sempre cumprindo con este blogue que tanto nos leva dado. Hoxe continuamos co noso afán de inzar a rede de vídeos en galego, concretamente de vídeos gastronómicos e presentamos unha outra vídeo-receita, chea de dozura e que podemos alcanzar con moi pouco esforzo.
Desta volta nós preparámola para unha encarga que nos fixeron mais, como non, probamos o que iamos facendo e a verdade é que sobrepasaba as cotas máis altas de sabor pois certos ingredientes mesturados dan o mellor de si.
Sabedes o que nos encanta cociñar mais cando nos metemos coas tortas a verdade é que perdemos a cabeza. Non é comida para todos os días mais unha boa torta é sinónimo de festa, de celebración arredor da maxia que ofrece a gastronomía máis doce.
E despois desta introdución deixámosvos o camiño audiovisual: https://www.youtube.com/watch?v=IdS-l37o9GII , e o camiño da escrita. Agora, ao voso gusto. O caso é que a desfrutedes!


Tortaleta de choconata


Ingredientes:


Para a base:
  • 300 g de galletas
  • 170 g de manteiga
  • 1 cullerada de azucre moreno
  • 1 chisco de sal
  • 1 cullerada de manteiga (para o molde)

Para a crema de cacao:
  • 375 ml de nata
  • 300 g de crema de cacao
  • 200 g de queixo de untar
  • 150 g de azucre
  • 1 cullerada de vainilla

martes, 2 de maio de 2017

Torta Tatin

Seguimos co doce, amig@s! Hoxe cun clásico que a maioría coñeceredes, unha torta Tatin que ademais de ser un éxito seguro, sobre todo para @s que gustamos do sabor da mazá asada, ten unha historia ben curiosa. 
O nome parece estar relacionado directamente co Hotel Tatin, situado na localidade de Lamotte-Beuvron, en Francia. O seu dono era Jean Tatin e coa súa morte, o hotel ficou en herdanza para as súas fillas Caroline e Stéphanie, a finais do XIX. A orixe da torta parece ser que foi accidental xa que unha das irmás, ao parecer, cociñou tempo de máis as mazás, pondo finalmente por riba unha masa para non desperdicialas. Finalmente, ao dar a volta, encontráronse cunha larpeirada que acabaría por ser unha das mellores xoias da repostaría francesa. 
Hai algunha teoría diversa mais acaba por ser esta a máis difundida e que nos fai crer nunha fermosa anécdota. 
A esta delicia chámaselle tamen torta invertida pois como vedes no paso a paso imos montala ao contrario do que facemos habitualmente, deixando o que será o soporte para o final. Velaquí a tedes!



Torta Tatin


Ingredientes:


  • 1 lámina de masa crebada
  • 4 mazás
  • 100 g de azucre
  • 50 g de manteiga
  • O zume dun limón

sábado, 26 de novembro de 2016

Torta de chocolate con crema de caramelo

Bolboreteir@s!!! O doce é sinónimo de ledicia e como estes días andamos moi alegres despois de pasar pola Sala Capitol e desfrutar do LGx15, pois traemos unha torta destas que nos podemos permitir de vez en cando, en xornadas ben especiais. Antes de máis, queriamos agradecervos, tamén desde aquí, a tod@s @s que nos acompañastes neste LGx15, polo voso agarimo e atención e tamén polos vosos comentarios após a nosa intervención. Foi un luxo contar cun público tan amábel. Parabéns e grazas á Coordinadora de Traballadoras/es pola Normalización Lingüística por facer todo con tanto amor e coidado para todas as persoas que na Capitol nos encontramos. Xeniais! Agora agardamos a emisión en Youtube :-)
E voltamos á sobremesa que hoxe presentamos, esta torta de chocolate con crema de caramelo que aquí axudou a adozar aínda máis estes días e que agora agarda de postas en práctica en calquera dos vosos fogares. Para desfrutar do sabor seguro que haberá unha chea de voluntari@s. Falta quen se anime á execución? Nós cremos que agarda desexosa por vós ;-)


Torta de chocolate con crema de caramelo


Ingredientes:


Para o biscoito:
  • 500 ml de leite
  • 370 g de fariña
  • 350 g de azucre moreno
  • 230 g de chocolate
  • 170 g de manteiga
  • 4 ovos
  • 1 cullerada e media de lévedo

martes, 15 de novembro de 2016

Torta S'mores (merengue)

Aquí seguimos, bolboreteir@s! Como vai a semana? Agardamos que ben, e con ocos para prepararmos novas receitas de Bolboretas no bandullo, aínda que a de hoxe... seguro que preferides deixala para a fin de semana para vos dar unha homenaxe. 
Retornamos aos doces con esta variante da americana torta S'more, unha lambetada que naceu na primeira metade do século e que vemos como unha típica torta que @s estadounidenses levan para os días de parque. Parece que a creadora foi Loreta Scott Crew, facéndoa para as súas compañeiras e compañeiros Scouts. Ben é certo que a orixinal presenta por arriba unha capa de nubes, que pasaban cun pau polo lume para lle dar algo de cor. Nós optamos por substituír estas nubes por merengue porque sabiamos que vari@s comensais non gustaban dese primeiro elemento.
Así pois, engadimos ao noso corpus de tortas unha nova opción saborosa, rápida e apta para inexpertos no campo da repostaría. Mais... dirixida a persoas moi lambonas que gustan moitísimo do chocolate porque estamos perante unha bomba calórica, das que precisan un pouco de deporte para compensar, haha. Aí vai!



Torta S'mores (merengue)


Ingredientes:

Para a base:
  • 500 g de galletas
  • 225 g de manteiga
Para a crema de chocolate:
  • 450 g de chocolate con leite
  • 300 g de crema de cacao con avelás
  • 360 g de nata

sábado, 10 de setembro de 2016

Torta de merengue e crema de limón

Se analizades a traxectoria deste case tres anos de Bolboretas no bandullo, xa saberedes que por estas datas toca unha torta especial posto que celebramos as Festas da Xunqueira en Viveiro. E por suposto que non vai faltar sobremesa.
Iso si, de vez en cando debemos controlar os nosos impulsos para non preparar inmediatamente unha receita chocolateira porque senón non sairíamos do chocolate, haha. Por tanto, tocou darlle un pouco máis ao maxín para lograr unha nova larpeirada. Fomos recollendo ideas dun libro e doutro para acabar fusionando nesta sorprendente torta de merengue e crema de limón. 
E cal é a novidade desta vez? Pois que estamos coma vós de momento. A torta está no frigoríficio agardando a ser degustada. Non vos podemos enganar. Acabamos de facela onte á noite e aínda temos que agardar unhas horas para lle meter o dente. Así que... atrevédesvos a mimetizar a receita ou agardades que vos contemos?


Torta de merengue e crema de limón


Ingredientes:


Para a base:
Para a crema de limón:
  • 200g de azucre
  • 200ml de auga
  • 125ml de zume de limón
  • 100g de manteiga
  • 3 xemas de ovo
  • 1 ovo enteiro

martes, 16 de agosto de 2016

Torta de doce de leite e ganache de chocolate

Por Viveiro e por algúns outros sitios hoxe seguimos de ponte mais pensamos tamén nos que xa retornades ao traballo e por iso vos traemos unha das larpeiradas ideadas para estes días de enchenta. É certo que hai ingredientes aos que sempre recorremos pois supoñen a base da repostaría como o chocolate. Porén, sempre tentamos ir incorporando outros que, polo que sexa, non estamos tan habituados a eles. E ese é o doce de leite. Levamos unha tempada que probamos varias cousas que levaban doce de leite e que nos sorprenderon para ben e entón pensamos en que talvez sería momento de probarmos a preparar algo con el.
Comprámos o doce e aínda que por si só non nos agradou moito, no momento en que forma parte dunha sobremesa conquista a calquera pola intensidade e pola dozura que xa se deriva do seu propio nome.
As festas de San Roque teñen un toque moi larpeiro con esta nova receita que deixamos para que preparedes en canto quixerdes. Vai:

Torta de doce de leite e ganache de chocolate


Ingredientes:

Para a base:
  • 170 gr de manteiga
  • 45 gr de cacao
  • 250 gr de fariña
  • 75 gr de azucre glass
  • 45 gr de fariña de améndoas
  • Media culleradiña de sal
  • Unha culleradiña de esencia de vainilla
  • 1 ovo