Amosando publicacións coa etiqueta cacao. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cacao. Amosar todas as publicacións

martes, 3 de xaneiro de 2023

Roscón "Pink Velvet"

Feliz 2023, bolboreteirxs! Esperamos que este ano veña cargado de moita felicidade e que todos os vosos desexos se cumpran 🥰❣️ Nós esperamos seguir acompañándovos un ano máis e que as nosas receitas vos gusten e as poñades en práctica 😉.
Primeira receita do ano e, como non podía ser doutra forma, traémosvos unha nova versión do Roscón de Reis 👑. Xa sabedes que tedes a versión clásica, unha das máis lida do noso blogue, e a versión chocolateada.  A torta "Red Velvet" é unha das nosas favoritas e cando lle vimos a Alma Obregón a receita deste delicioso Roscón non dubidamos en poñela en práctica. Veña! Tomade nota, que aínda nos dá tempo de facelo para a noite do 5 ou o almorzo do 6. 



Roscón "Pink Velvet"



Ingredientes:

  • 415 g de fariña de forza
  • 160 ml de leite
  • 90 g de azucre 
  • 60 g de manteiga
  • 7 g de lévedo seco de panadaría      
  • 2 ovos
  • 3 culleradas de esencia de vainilla
  • 1 cullerada de cacao puro

mércores, 8 de maio de 2019

Bolachas de cacao e anacardos

Bo día, bolboreteir@s! Esta semana traemos a receita cun chisco de atraso mais para compensar, imos adozarvos a semana cunha receita saborosísima para almorzos, merendas ou sobremesas cunhas cantas calorías menos que as bolachas de super.
Tiñamos ganas de algo con chocolate. Si, son habituais os antollos deste tipo nestes meses hahaha e decidimos cumprir o capricho mais cun larpeirada un tanto máis saudábel.
Habitualmente as galletas veñen sendo receita sinxela e esta aínda máis pois apenas temos o proceso do amasado. Ademais, nós que xa pensamos moito nisto, este tipo de creacións gusta moito a peques. Sempre tentamos fomentar a relación de peques e cociña, entre outros aspectos polo ludismo e o fomento da creatividade. Ben, a por elas!



Bolachas de cacao e anacardos


Ingredientes:

  • 150 g de anacardos ao natural
  • 90 g de avea moída
  • 30 g de cacao en po

sábado, 27 de abril de 2019

Crema de cacao saudábel

Bo día, bolboreteir@s! Imos adozar moito esta fin de semana coa nova receita. Hai moito tempo que tiñamos sentenciada esta creación e estes días deunos (por sorte) por executala finalmente.
Por que esta obsesión nosa? Porque a crema de cacao, representada en dúas marcas míticas como a Nutella e a Nocilla forman parte da vida de case tod@s @s lambóns, ou canto menos de todos os chocolateir@s! Non foron poucas as homenaxes infantís coa crema de cacao como protagonista!
Mais claro, entanto nos imos facendo maiores xa hai máis preocupacións polas calorías, hábitos saudábeis e demais polo que pensamos en preparar unha versión saudábel para esta larpeirada irresistíbel. Asustábanos un pouco o resultado, porque cando a mente ten marcada un sabor moi concreto como o logrado por algunhas marcas, ás veces pérdese nas execucións caseiras. Mais... non, todo o contrario. Tremenda sorpresa con esta idea que collemos da páxina de Derechupete. Que xenialidade! Aquí a tedes!




Crema de cacao saudábel




Ingredientes:


  • 200 g de abelás
  • 200 ml de leite de améndoas
  • 150 g de dátiles

sábado, 27 de maio de 2017

Tortaleta de choconata

Bolboreteir@s, imos rematando maio e achégase o verán aínda que a nós aínda nos queda a etapa de máis apuro, mais sempre cumprindo con este blogue que tanto nos leva dado. Hoxe continuamos co noso afán de inzar a rede de vídeos en galego, concretamente de vídeos gastronómicos e presentamos unha outra vídeo-receita, chea de dozura e que podemos alcanzar con moi pouco esforzo.
Desta volta nós preparámola para unha encarga que nos fixeron mais, como non, probamos o que iamos facendo e a verdade é que sobrepasaba as cotas máis altas de sabor pois certos ingredientes mesturados dan o mellor de si.
Sabedes o que nos encanta cociñar mais cando nos metemos coas tortas a verdade é que perdemos a cabeza. Non é comida para todos os días mais unha boa torta é sinónimo de festa, de celebración arredor da maxia que ofrece a gastronomía máis doce.
E despois desta introdución deixámosvos o camiño audiovisual: https://www.youtube.com/watch?v=IdS-l37o9GII , e o camiño da escrita. Agora, ao voso gusto. O caso é que a desfrutedes!


Tortaleta de choconata


Ingredientes:


Para a base:
  • 300 g de galletas
  • 170 g de manteiga
  • 1 cullerada de azucre moreno
  • 1 chisco de sal
  • 1 cullerada de manteiga (para o molde)

Para a crema de cacao:
  • 375 ml de nata
  • 300 g de crema de cacao
  • 200 g de queixo de untar
  • 150 g de azucre
  • 1 cullerada de vainilla

sábado, 20 de xuño de 2015

Torta San Marcos

Veña... que xa botabamos en falta a nosa especialidade, ou canto menos o que máis nos gusta preparar, as tortas. E hoxe unha torta clásica que tiñamos anotada hai tempo: torta San Marcos. Unha oda ao doce que se remonta ao século XII, onde se elaborou por primeira vez no Convento das Monxas de San Marcos. Xa sabedes a sona que teñen as monxas de reposteiras... E neste caso vaia xoia nos deixaron.
Ten moito de especial esta dozura, como as améndoas nos laterais, a trufa e sobre tomo esa xema á que lle pasamos o soprete, co que, por certo, nos estreabamos. A verdade, é ben cómodo, e o resultado do seu uso ben significativo.
Unha torta así tiña que se corresponder cunha boa celebración e así foi. Elaborámola especialmente para sorprender e agradar a unha moi boa amiga que estaba de aniversario. Parece que @s comensais quedaron satisfeit@s.

Torta San Marcos


Ingredientes (para un molde de 26 cm):
  • 1 biscoito xenovés (receita aquí)
  • 1 litro de nata 35% materia graxa
  • 300 gr de azucre
  • 80 gr de cacao en po
  • 3 ovos
  • Zume de limón
Para decorar:
  • 100-120 gr de améndoa 

mércores, 24 de decembro de 2014

Polvoróns de chocolate caseiros

BO NADAL!!!!!! 24 de decembro, xa chegou o día que moit@s agardabamos , especialmente @s máis pequen@s que hoxe han de recibir, con seguridade a visita do noso grande amigo O Apalpador!! É amigo de verdade xa que nos encargou hai tempo que propuxeramos receitas ben gorentosas para que as probasen a facer en moi diferentes fogares e así despois, @s cativ@s non teren o bandullo baleiro. Así que, xa sabedes, hoxe comede todos moi ben, que estamos na tempada de excesos.
E por iso, presentámosvos unha receita moi moi sinxela e idónea para facerdes pola tarde. Un dos doces máis comúns nestas datas, ben contundentes e que practicamente imposibilitan falarmos cando os estamos mastigando J Xa sabedes, os polvoróns, aínda non sendo unha sobremesa tradicional galega do Nadal, si leva moito tempo asentada nos nosos menús natalicios. E como sempre vos dicimos, se se poden elaborar na casa, para que mercalos?? E nada, entre que se fai o polo no formo, se coce o mollo das ameixas ou preparades o peixe, dávos tempo de facerdes polvoróns.
O nome deste produto vén dado pola sensación de po que dan, unha vez listos para degustar. Parece que a súa orixe está na Andalucía do século XVI (algúns din en Antequera, outros en Estepa) por mor do exceso de trigo e de manteiga. Hoxe en día, hai localidades españolas especializadas na súa produción como Tordesillas ou a propia Estepa. O seu consumo expandiuse non só á Península, senón tamén a outros territorios.

Polvoróns caseiros

Ingredientes:
  • 200 gr de fariña
  • 100 gr de manteiga
  • 75 gr de azucre glas
  • 75 gr de améndoa moída
  • 1 cullerada de cacao puro
  • 1/2 culleriña de canela

venres, 31 de outubro de 2014

Torta sanguenta "Red velvet"

Ai, o que nos pasou, iamos facer unha torta para un outro aniversario, neste caso de miña nai, e resulta que lle metimos unha tallada á man sen querer, co conseguinte rego de sangue por toda a torta. Evidentemente non a iamos tirar, así que deixámola así, que máis dá. Non se comen tamén as filloas de sangue?
Bon, por sorte, o vermello que encontraredes dentro da torta non procede das nosas veas, senón que é un simple colorante con efecto sanguento para celebrarmos o Samaín ou tamén o que no estranxeiro se coñece como Halloween, aínda que non son exactamente o mesmo. 
A etimoloxía do Samaín, este ano parece estar máis acertada que nunca, xa que significaba "fin de verán" Como algúns/has sabedes, esta celebración tivo un gran peso histórico na Galiza até hai trinta anos, cando foi desaparecendo en favor da celebración do Halloween que tanto se coñece en todo o mundo.
Nós que nos apuntamos a todas estas festas pois xa andamos argallando coa decoración das cabazas e na elaboración de tartas arrepiantes como a que hoxe vos traemos que espero que vos guste e que vos atrevades a facer. E se é nestes días mellor que mellor :-)

Torta sanguenta "Red velvet"

Ingredientes:

Para o biscoito
  • 250 gr de fariña
  • 250 gr de azucre
  • 200 ml de aceite
  • 1 iogur de amorodos
  • 2 ovos
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 3 culleradas de leite
  • 1 cullerada de cacao 
  • cullerada de vinagre
  • 1 culleriña de vainilla