sábado, 6 de agosto de 2016

Torta enreixada de cereixas

Todos os anos por estas datas traemos un doce novo ao blogue, que adoita ser unha torta. E a explicación está no aniversario dunha das partes de Bolboretas no bandullo. E vaia, como ía faltar torta caseira para unha celebración así? Ademais, como estamos en época de moita froita adoitamos aproveitar para tirar beneficio dos amorodos, da sandía ou das cereixas, como neste caso.
A de hoxe é unha típica sobremesa americana, desta que vemos que nos filmes que fan as avoas e quedan a arrefriar nas repisas das xanelas, hahaha. Con todo, nós non fomos procurar a recetarios estadounidenses senón que aproveitándomos a colaboración do último martes, con toda unha crack da repostaría como Merchi Rodal, pois procurámolo no seu último libro, "Novas lambetadas dunha larpeira feliz". 
Así pois, só quedaba procurar produtos bos e darlle o toque de agarimo que nunca debe faltar nun doce para que saia todo o saboroso que corresponde.
Aí vai!


Torta enreixada de cereixas


Ingredientes (para un molde de 30cm):

Para a base:
  • 550g de fariña
  • 320g de manteiga
  • 150g de azucre
  • 2 ovos
  • Un chisco de sal
Para o recheo:
  • 1kg e medio de cereixas
  • 240g de azucre
  • 60g de fariña de millo (maicena)
  • Unha cullerada de vainilla
Para a decoración:
  • 1 ovo
  • 1 cullerada de nata
Utensilios: un molde de 30cm, unha cunca, un coitelo, papel transparente e papel vexetal, un rolete e unha culler de pao. 


Elaboración:

Para comezar, temos de facer a masa quebrada. Para iso, mesturamos a fariña coa manteiga até facer migas. 



De seguir, engadimos o azucre e os ovos e amasamos até obter unha masa homoxénea. Non é preciso amasar moito, cando vexamos que os ingredientes están integrados será suficiente.



Envolvémola en papel transparente e deixámola repousar 45 minutos no refrixerador. 


Mentres tanto, preparamos as cereixas. Empezamos por lavalas e quitarlles a pebida, tede paciencia que leva un pouquiño. 



Cando rematemos, engadímoslles a fariña de millo, o azucre e a vainilla. 




Mesturamos todo ben e deixamos repousar un ratiño, dándolles volta de cando en vez. 


Pasado o tempo de descanso, separamos a masa en dúas partes, unha máis grande. Estiramos a máis grande coa axuda dun rolete. 


Cubrimos (opcional) o fondo do molde cun pouco de papel vexetal para que fora máis doada de desmoldar e cubrimos o molde coa masa. Non vos preocupedes se rompe un pouco, que é moi fácil de solucionar uníndoo de novo ou engadindo un chisco máis de masa. 



Botamos as cereixas sobre a masa. 


A continuación, estiramos o resto do masa e cortámola en tiras, que iremos colocando sobre a torta, entrelazando as tiras verticais coas horizontais. Batemos o ovo coa nata e pintamos a masa. 



Enfornamos a 200º, calor abaixo e ventilador, durante 45 minutos. Se vedes que se doura moito a masa, podédela tapar con papel de aluminio. Deixamos que arrefríe.


Desmoldámos a torta e colocámola no prato/bandexa escollido e xa estaría preparada para comer!! 


Agardamos que vos guste e que a fagades antes de que marchen as saborosas cereixas! Ou antes de que nolas leven os merlos larpeiros! 
Nós quedamos encantados co resultado e xa agardamos novas celebracións para probar o mesmo sistema con outras froitas como os pexegos, que de seguro encaixan tamén moi ben. Aquí quedou un anaco mais o lambón festexeiro papouno para o almorzo do día seguinte. Era irresistíbel :-)
Unha forte aperta a tod@s e desfrutade deste mes de agosto, que parece que vén cheíño de sol. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario