Aquí estamos bolboreteir@s. Vimos fortes cunha receita clásica para coller folgos durante unha semana que andaremos, como todos os anos, pola Romaría do Bo Xantar, o Naseiro. Non vos preocupedes, que habedes ir tendo noticiais nosas, mais até o sábado 3 de setembro non haberá novidades no blogue.
A idea do prato de hoxe xorde após tempo comprobando que na maior parte dos restaurantes adoitan facer a salsa carbonara con nata, incluso sendo algúns italianos. Chamounos a atención porque cando visitamos Milano, unha das primeiras cousas que aprendimos foi que botarlle nata á carbonara era un sacrilexio para eles/as.
Desde aquela, sempre imos observando o modo de preparación nos diversos lugares e desta vez fomos nós quen nos animamos a preparala. Mais antes cómpre comentar un pouco da súa orixe, que sempre crea apetito, haha.
Naceu ao abeiro da II Guerra Mundial en Italia. Curiosamente, contra o aborrecemento dos militares británicos, fartos de comer sempre o mesmo. Desde a orixe, os ovos e a pementa negra convertéronse en elementos fundamentais deste prato. Non a nata. Parece ser que os alimentos que máis abundaban nesta época de racionamento nas cociñas militares eran os ovos e a panceta, polo que solicitaron un novo prato con eses elementos. Por suposto, a pasta estaba presente en todas as casas italianas polo que esta converteuse na base desa creación.
Ademais, cómpre recordar a orixe dese termo "carbonara", que se debe á zona dos Apeninos en que comezou a degustar e na que a actividade mineira era realmente importante. Mesmo existe a lenda de que a pementa negra xorde no prato como homenaxe aos carboneiros. Mais... permítannos que o dubidemos, haha.
Pasta con salsa carbonara
Ingredientes (para 4 persoas):
- 300-350g de pasta
- 200g de panceta afumada
- 100g de queixo parmesano
- 3 ovos
- Pementa moída
- Un chisco de sal
- 2 culleradas de aceite