Amosando publicacións coa etiqueta Ledicia Costas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ledicia Costas. Amosar todas as publicacións

sábado, 8 de outubro de 2016

O Quiche Lorraine de Esmeraldina, a nena defunta

Despois dunha semana de emocións e sabores con Escarlatina, chega o momento do último prato. Unha outra delicia do mundo escarlatino creado por Ledicia Costas que se encontra na precuela, "Esmeraldina, a nena defunta". Escarlatina non sempre se chamou así, de feito este é o seu nome de defunta pola enfermidade que a levou. Mais entre a vida e a morte sucedéronlle unha serie de feitos incríbeis no Hotel Fantastique que se sitúa no Salvaxe Oeste. E entre outras cousas, neste libro descubrimos de onde procede a súa paixón pola cociña. A súa avoa, A Tremenda, que tiña unha gran conexión con Esmeraldina, preparaba as receitas máis saborosas que se podían degustar. Así pois, resultaba impensábel que esta historia non fose acompañada do seu recetario, do que precisamente tiramos este saborosísimo Quiche Lorraine.
Mais... ollo (e nunca mellor dito)! Porque é tal a ledicia da nena defunta cando alguén prepara o quiche da súa avoa, que temos a sensación de que se achega facer unha visita a quen o estea cociñando... E como o sabemos? Repetinamente notamos a aparición duns ollos no noso prato e a pesar do susto inicial,  recordamos que poderían ser de Escarlatina, que ás veces os perdía ou deixaba escapar como fixera coa sopa de Amancio, aínda que neste caso fora para lle dar un bo susto:
[...]
"Este Amancio é gggrancio insopogggrtable! -díxome Lady Horreur-. Que che parece se pggggracticas con el a comunicación selectiva cos vivos? Podemos dagggrlle un susto pánico!
A idea pareceume estupenda. Sobre todo, cando me explicou paso a paso en que consistía o seu plan.
- Pero iso é posíble? -preguntei, nada máis escoitar o que tiña entre mans.
-Poggggr suposto que si! Veggggrás que sinxelo e que divegggtido.
Agardamos á hora da cea. As dúas estabamos impacientes. [...] Agardamos agochadas debaixo e, tal e como acoradaramos previamente, en canto Lady me deu o aviso, púxenme a desenroscar os meus ollos a todo correr. Non era tan difícil como pensaba! Ata me alegrei de saber que era desmontables. Ñi, ñi, ñi, ñi... era como sacar a rolla dunha botella de viño. Dáballes voltas e saían pouco a pouco. Cando rematei de desenroscalos fixeron plop![...] En canto ela deu a volta, guindei os meus ollos dentro da sopa. Tiven que apertas a queixada pra non soltar un berrido. Estaba a ferver! 
[...]
Amancio descubriu que un dos meus globos oculares estaba a miralo en fite desde aquel universo de fideos. O gome cando descubriu o ollo aboiando placidamente na súa culler, pegou un berro, da impresión botouse cara atrás e caeu de cu, con cadeira e todo. Quedou de patas para arriba, coma un bechoco indefenso"
[...]

Trasnadas de pantasmas, hahaha. Agora si, a receita da Tremenda!

O Quiche Lorraine de Esmeraldina, a nena defunta


Imaxes impresas a partir das ilustracións de Víctor Rivas para
"Esmeraldina, a pequena defunta"


Ingredientes:

  • 1 lámina de masa crebada
  • 200 g de beicon
  • 200 g de queixo emmental
  • 1 bola de mozzarella
  • 200 ml de nata para cociñar
  • 100 ml de leite
  • 4 ovos

martes, 4 de outubro de 2016

Bolboreteando con... Ledicia Costas

Retomamos a nosa sección favorita, o Bolboreteando, e podemos sentirnos moi afortunados pois todas as persoas coas que estamos contando para este apartado son figuras que admiramos moitísimo dentro de ámbitos ben diversos da cultura galega. E dentro da nosa cultura, a xoia está nas letras, na literatura que tanto adoramos. 
Nela hai unha autora que vén conquistando lectores/as desde xa hai case dúas décadas e á que o último ano lle está traendo diversos recoñecementos grazas a unha obra clave na súa traxectoria e que nós consideramos xa fundamental para a literatura infanto-xuvenil galega: “Escarlatina, a cociñeira defunta”. Que sorte poder contar con Ledicia Costas en Bolboretas no bandullo.
Ledicia nace en Vigo no setembro do 79. Considérase herdeira de inventores e creadores de soños, talvez por iso desde ben nova se achegase á escrita. De feito, non lembra vivir sen esta paixón. Na adolescencia xa escribía novelas e desta etapa publica “Unha estrela no vento” (Xerais 1999) na colección Fóra de Xogo. 
A pesar de ser avogada de profesión, o seu percorrido vital e profesional fica ligado ás letras “a tempo completo” como ela mesmo di. Considérase tamén poeta e de feito deixa publicado versos en varias coleccións ademais do poemario “Xardín de inverno”. 
Fotografía tomada de "La Voz de Galicia"
Esta última década está a ser moi produtiva para Ledicia deixándonos numerosas obras como “O corazón de Xúpiter” (Xerais 2012), “Recinto Gris” (Xerais 2014), a dita Escarlatina (Xerais 2014) e a súa recente precuela “Esmeraldina, a pequena defunta” (Xerais 2016), “Un animal chamado néboa” (Xerais 2015) e a actual “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta” (2016 Xerais).

sábado, 1 de outubro de 2016

O Ratatouille de Escarlatina, a cociñeira defunta

Moitos de vós xa coñeceredes a famosa Escarlatina pois chegou á nosa literatura infanto-xuvenil para quedar eternamente, aínda desde o mundo dos mortos. Quen é entón esta pícara? Pois a personaxe creada por Ledicia Costas en 2014, que dá lugar á novela "Escarlatina, a cociñeira defunta", peza marabillosa que recomendamos encarecidamente a tod@s @s amantes da lectura, non só aos peques. O libro supón unha viaxe á infancia e á fantasía que esta etapa caracteriza da man de Román, un pequeno que adora a cociña e cuxo agasallo de aniversario é unha nena do Alén Mundo, que só o poderá acompañar unhas horas e que chega para acompañalo nunha viaxe polo Alén, no que se encontra con personaxes incríbeis e do que será máis difícil regresar do que podía parecer.
Non chega só coas nosas boas palabras, "Escarlatina, a cociñeira defunta" levou a que Ledicia Costas fose recoñecida co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015, que vén a demostrar todas as posibilidades da nosa literatura.
Ben, e por que chega a Bolboretas no bandullo unha receita deste libro? Porque ademais de nos namorar, non resulta común encontrar novelas que fusionen literatura e gastronomía como aquí fai Ledicia. A final de cada capítulo, inclúese unha receita do recetario de Román, o que conforma un álbum gastronómico ben interesante. Mais, o relato ten presente en todo momento a paixón duns personaxes pola cociña e reflicte á perfección a maxia do momento de elaboración de certos pratos. Aínda que ben é certo que aquí nos encontramos pratos... ben estraños, nauseabundos, mais claro esta era comida de defuntos, haha: "Albóndegas de cerebro de morcego con xarope de bile", "Sopa de ollos birollos con crías de víbora" ou "Filete de cu de avestruz empanado con crocante de cascuda e regado con mexo de burra". Alucinante, non?
Por todo isto, decidimos dedicar unha semana a "Escarlatina, a cociñeira defunta", á súa precuela, "Esmeraldina, a pequena defunta" e como non, á autora, Ledicia Costas. Hoxe comezamos este menú saboroso-terrorífico cun ratatouille que pode asustar. 
De feito, ollade como prepara o ratatouille Escarlatina:

[...]
- Bos días! - dixen bastante animado.
- Que tal durmiches, Román?
- Moi ben. O teu ataúde non é tan terríble como parece. Que é iso que estás cociñando?
- Ratatouille ao meu xeito.
Achegueime á pota na que a cociñeira tiña todo mesturado e observei o seu contido ao tempo que inspiraba profundamente polo nariz. Aquilo alcatreaba e tiña pinta de todo agás de ratatouille.
-Puag! Pero a que cheira isto, Escarlatina?
Por toda resposta, colleu coas dúas mans un bote grande de cristal rotulado cunha etiqueta onde poñía: RATA, púxomo diante dos ollos e tiven que esforzarme para non cuspirlle dento de puro noxo. Dentro do recipiente había rabos, patas e fociños de rata.
- Pero que é isto? Isto non é ratatouille, isto é rata!
Ela sorriu, divertida.
Así é como fago eu a ratatouille. Con rata cociñada no seu propio prebe.
[...]

Tranquil@s. Nós imos preparar o ratatouille máis parecido ao gusto de Román, que a fin de contas é dos viv@s, coma nós.

Ratatouille


Ingredientes: 

  • 1 berenxena grande
  • 1 cabaciña grande
  • 2-3 tomates
  • 1 pemento
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo