Moitos de vós xa coñeceredes a famosa Escarlatina pois chegou á nosa literatura infanto-xuvenil para quedar eternamente, aínda desde o mundo dos mortos. Quen é entón esta pícara? Pois a personaxe creada por Ledicia Costas en 2014, que dá lugar á novela "Escarlatina, a cociñeira defunta", peza marabillosa que recomendamos encarecidamente a tod@s @s amantes da lectura, non só aos peques. O libro supón unha viaxe á infancia e á fantasía que esta etapa caracteriza da man de Román, un pequeno que adora a cociña e cuxo agasallo de aniversario é unha nena do Alén Mundo, que só o poderá acompañar unhas horas e que chega para acompañalo nunha viaxe polo Alén, no que se encontra con personaxes incríbeis e do que será máis difícil regresar do que podía parecer.
Non chega só coas nosas boas palabras, "Escarlatina, a cociñeira defunta" levou a que Ledicia Costas fose recoñecida co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015, que vén a demostrar todas as posibilidades da nosa literatura.
Ben, e por que chega a Bolboretas no bandullo unha receita deste libro? Porque ademais de nos namorar, non resulta común encontrar novelas que fusionen literatura e gastronomía como aquí fai Ledicia. A final de cada capítulo, inclúese unha receita do recetario de Román, o que conforma un álbum gastronómico ben interesante. Mais, o relato ten presente en todo momento a paixón duns personaxes pola cociña e reflicte á perfección a maxia do momento de elaboración de certos pratos. Aínda que ben é certo que aquí nos encontramos pratos... ben estraños, nauseabundos, mais claro esta era comida de defuntos, haha: "Albóndegas de cerebro de morcego con xarope de bile", "Sopa de ollos birollos con crías de víbora" ou "Filete de cu de avestruz empanado con crocante de cascuda e regado con mexo de burra". Alucinante, non?
Por todo isto, decidimos dedicar unha semana a "Escarlatina, a cociñeira defunta", á súa precuela, "Esmeraldina, a pequena defunta" e como non, á autora, Ledicia Costas. Hoxe comezamos este menú saboroso-terrorífico cun ratatouille que pode asustar.
De feito, ollade como prepara o ratatouille Escarlatina:
[...]
- Bos días! - dixen bastante animado.
- Que tal durmiches, Román?
- Moi ben. O teu ataúde non é tan terríble como parece. Que é iso que estás cociñando?
- Ratatouille ao meu xeito.
Achegueime á pota na que a cociñeira tiña todo mesturado e observei o seu contido ao tempo que inspiraba profundamente polo nariz. Aquilo alcatreaba e tiña pinta de todo agás de ratatouille.
-Puag! Pero a que cheira isto, Escarlatina?
Por toda resposta, colleu coas dúas mans un bote grande de cristal rotulado cunha etiqueta onde poñía: RATA, púxomo diante dos ollos e tiven que esforzarme para non cuspirlle dento de puro noxo. Dentro do recipiente había rabos, patas e fociños de rata.
- Pero que é isto? Isto non é ratatouille, isto é rata!
Ela sorriu, divertida.
Así é como fago eu a ratatouille. Con rata cociñada no seu propio prebe.
[...]
Tranquil@s. Nós imos preparar o ratatouille máis parecido ao gusto de Román, que a fin de contas é dos viv@s, coma nós.
Ratatouille
Ingredientes:
- 1 berenxena grande
- 1 cabaciña grande
- 2-3 tomates
- 1 pemento
- 1 cebola
- 2 dentes de allo
- 300 g de salsa de tomate caseira (ou tomate triturado)
- Aceite de oliva
- Pementa moída
- Sal
Utensilios: unha fonte apta para o forno, unha tixola, unha mandolina (ou táboa e coitelo) e unha culler.
*Modificamos lixeiramente a de Román para adaptala aos produtos que tiñamos na casa
*Modificamos lixeiramente a de Román para adaptala aos produtos que tiñamos na casa
Elaboración:
Para comezarmos, imos preparar a salsa de tomate coa que imos cubrir o fondo do molde. Picamos finamente o pemento, a cebola e os dentes de allo e rustrímolos en 2 culleradas de aceite.
Cando estean rustridos, engadimos a salsa de tomate caseira (ou o tomate triturado) e deixamos que se cociñen uns minutos, até que espese un pouco a salsa.
Mentres tanto, cortados en finas lascas a cabaciña, a berenxena e os tomates.
Cando teñamos a salsa de tomate feita, colocámola no fondo do molde. Sobre ela, imos intercalando unha lasca de berenxena, tomate e cabaciña, comezando desde o bordo do molde e facendo unha espiral até o interior.
Engadimos un pouco de aceite, o sal e a pementa e ao gusto.
Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante, aproximadamente, unha hora. Sacamos do forno e xa estaría lista para comer!
Que vos parece? Xa coñeciades o ratatouille, mais este vai cargado de sabor literario que nos ofrecen Román, Escarlatina, Lady Horreur e o Avó. Animámosvos a polo en práctica e a desfrutalo como o fixemos nós, acompañado da lectura deste relato divertidísimo co que as horas pasan voando. Lectura imprescindíbel que recomendamos e prato clave na historia da gastronomía francesa e xa agora, mundial! Adiante con el da man de Escarlatina e Bolboretas no bandullo. Unha aperta e estade moi atent@s, que vai haber moitas novas proximamente!
Ilustración de Víctor Rivas
Ningún comentario:
Publicar un comentario