Amosando publicacións coa etiqueta ferrero rocher. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ferrero rocher. Amosar todas as publicacións

martes, 4 de outubro de 2016

Bolboreteando con... Ledicia Costas

Retomamos a nosa sección favorita, o Bolboreteando, e podemos sentirnos moi afortunados pois todas as persoas coas que estamos contando para este apartado son figuras que admiramos moitísimo dentro de ámbitos ben diversos da cultura galega. E dentro da nosa cultura, a xoia está nas letras, na literatura que tanto adoramos. 
Nela hai unha autora que vén conquistando lectores/as desde xa hai case dúas décadas e á que o último ano lle está traendo diversos recoñecementos grazas a unha obra clave na súa traxectoria e que nós consideramos xa fundamental para a literatura infanto-xuvenil galega: “Escarlatina, a cociñeira defunta”. Que sorte poder contar con Ledicia Costas en Bolboretas no bandullo.
Ledicia nace en Vigo no setembro do 79. Considérase herdeira de inventores e creadores de soños, talvez por iso desde ben nova se achegase á escrita. De feito, non lembra vivir sen esta paixón. Na adolescencia xa escribía novelas e desta etapa publica “Unha estrela no vento” (Xerais 1999) na colección Fóra de Xogo. 
A pesar de ser avogada de profesión, o seu percorrido vital e profesional fica ligado ás letras “a tempo completo” como ela mesmo di. Considérase tamén poeta e de feito deixa publicado versos en varias coleccións ademais do poemario “Xardín de inverno”. 
Fotografía tomada de "La Voz de Galicia"
Esta última década está a ser moi produtiva para Ledicia deixándonos numerosas obras como “O corazón de Xúpiter” (Xerais 2012), “Recinto Gris” (Xerais 2014), a dita Escarlatina (Xerais 2014) e a súa recente precuela “Esmeraldina, a pequena defunta” (Xerais 2016), “Un animal chamado néboa” (Xerais 2015) e a actual “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta” (2016 Xerais).

sábado, 21 de novembro de 2015

Torta de Ferrero Rocher

Bo día larpeir@s!! Estades preparad@s para a receita de hoxe?? Seguro? Pensade que imos superar as barreiras do doce e talvez despois de probardes a lambonada de hoxe todo o veredes con outros ollos. Nada volverá ser igual! Despois dos momentos emotivos que pasamos con receitas xa míticas como a Torta Kinder, a Torta Kitkat ou a Torta Oreo, hoxe xa imos coa torta entre as tortas: TORTA DE FERRERO ROCHER! Si, un soño cumprido, que se nos ocorreu tras vela na fabulosa páxina de Ó carón da lareira :-)
Pensade que estes bombóns convertéronse na fantasía gastronómica no Nadal de moitísimas familias, e aínda que pareza que leven connosco toda a vida, creáronse en 1982 na Italia. Desde o comezo estiveron asociados ao luxo dando moito valor á presentación do produto a través dun coidado envoltorio e tamén de anuncios do máis elegantes. Con todo, non son os bombóns máis caros do mercado, nin moito menos, e de vez en cando podémonos permitir un luxo con eles. E a pesar de que o normal é degustármolos pouco a pouco de forma directa, caben outras posibilidades a ter en conta, e unha das mellores podédela ver hoxe en Bolboretas no bandullo.

Torta de Ferrero Rocher


Ingredientes:

Para a base:
  • 120 gr de obleas para xeado
  • 80 gr de manteiga
  • 3-4 culleradas de crema de cacao con avelás
Para a crema:
  • 800 ml de nata (35%)
  • 400 gr de crema de cacao con avelás
  • 10 bombóns Ferrero Rocher