sábado, 21 de novembro de 2015

Torta de Ferrero Rocher

Bo día larpeir@s!! Estades preparad@s para a receita de hoxe?? Seguro? Pensade que imos superar as barreiras do doce e talvez despois de probardes a lambonada de hoxe todo o veredes con outros ollos. Nada volverá ser igual! Despois dos momentos emotivos que pasamos con receitas xa míticas como a Torta Kinder, a Torta Kitkat ou a Torta Oreo, hoxe xa imos coa torta entre as tortas: TORTA DE FERRERO ROCHER! Si, un soño cumprido, que se nos ocorreu tras vela na fabulosa páxina de Ó carón da lareira :-)
Pensade que estes bombóns convertéronse na fantasía gastronómica no Nadal de moitísimas familias, e aínda que pareza que leven connosco toda a vida, creáronse en 1982 na Italia. Desde o comezo estiveron asociados ao luxo dando moito valor á presentación do produto a través dun coidado envoltorio e tamén de anuncios do máis elegantes. Con todo, non son os bombóns máis caros do mercado, nin moito menos, e de vez en cando podémonos permitir un luxo con eles. E a pesar de que o normal é degustármolos pouco a pouco de forma directa, caben outras posibilidades a ter en conta, e unha das mellores podédela ver hoxe en Bolboretas no bandullo.

Torta de Ferrero Rocher


Ingredientes:

Para a base:
  • 120 gr de obleas para xeado
  • 80 gr de manteiga
  • 3-4 culleradas de crema de cacao con avelás
Para a crema:
  • 800 ml de nata (35%)
  • 400 gr de crema de cacao con avelás
  • 10 bombóns Ferrero Rocher
  • 8 follas de xelatina 
Para a decoración:
  • 300 gr de chocolate con avelás
  • 140 ml de nata
  • 60 gr de manteiga
  • 3 bombóns Ferrero Rocher
  • Avelás picadas
Utensilios: molde desmoldábel 30 cm, batedor manual e eléctrico, espátula, cazo, picadora e cuncas.

Recomendacións: aínda que con calquera crema de cacao e avelás a torta estará deliciosa, aconsellámosvos utilizar Nutella xa que é a crema que levan os bombóns (non pensedes que temos patrocinio ;-))

Elaboración:

Para comezarmos temos de facer a base da torta. Para iso, temos de picar as obleas para xeado.


A continuación, mesturámolas coa crema de cacao e avelás e a manteiga. 


Estendemos a mestura sobre a base do molde e refrixeramos mentres preparamos a crema. 


De seguir, temos de preparar a crema. Empezamos poñendo as follas de xelatina nunha cunca con auga fría para que abranden, sobre uns 7-8 minutos). Despois, quentamos 200 ml da nata, retiramos do lume e disolvemos nela a xelatina (debe estar ben escoada) e tamén a crema de cacao. Deixamos que arrefríe un pouco.



O seguinte paso é triturar os bombóns coa axuda da picadora (ou podémolos meter nunha bolsa de plástico e facelo cun rolete). 




Mesturamos os bombóns coa crema de nata e crema de cacao. 




Montamos, a punto de neve, o resto da nata. 


Engadímoslle, pouco a pouco, a nata montada á crema anterior até que se integre totalmente. 


Botamos a crema sobre a base de obleas que tiñamos reservada. Coa axuda dunha espátula, estendémola ben por toda a superficie. Refrixeramos durante, mínimo, 3-4 horas, aínda que é mellor se a deixamos toda a noite. 


Pasado ese tempo, temos de facer a decoración. Quentamos a nata até que comece a ferver, retiramos do lume e engadimos o chocolate, cortado en anacos, e a manteiga. 


 Mesturamos ben até que se integren totalmente e botámola sobre a crema. 


Tostamos un chisco as avelás nunha tixola e cubrimos a superficie da torta con elas. Da mesma forma, colocamos os tres bombóns no centro. 



Refrixeramos até que endureza o chocolate, máis ou menos, 2 horas e desmoldamos. 


E xa estaría preparada para comer! Agardamos que vos guste :)


Como vedes, é unha das tortas que mellor quedaron até o momento, non só esteticamente senón de sabor. Mais claro, como ía saír mal con eses ingredientes. Nós aproveitámola para unha celebración, e coidamos que pode ser unha fabulosa sobremesa para un aniversario, festexo e tamén para esas datas de Nadal, en que talvez algúns xa teñan aborrecidos certos produtos máis típicos.
Desde logo, que pouco máis se lle pode pedir a unha torta así. Ben, si, que durase un par de días máis porque... maneira de desaparecer! Pois agora que comezan a vir estes bombóns para os mercados, aproveitade e sorprendende a tod@s con esta creación. Triunfa seguro! Unha forte aperta, amig@s!!

4 comentarios:

  1. ya lo creo que esta buena esta tarta!! te ha quedado fantastica! bicos

    ResponderEliminar
  2. Madre del amor hermoso por que no puedo que sino me la comia toda y toda que pintaza tiene ,ya mismo se va a mi lista de pendientes, te ha quedado de relujo y seguro sabe mejor.
    Bicos mil y feliz domingo wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A verdade é que triunfou e seguro que se a probas se converte nunha das túas preferidas!!
      Moitas grazas por comentar!
      Bicos

      Eliminar