mércores, 5 de marzo de 2014

Ovos recheos





Xa vai rematando o Entroido por este ano, así que iremos traendo algún prato un pouco máis san, mais non por iso menos delicioso. Un clásico son os ovos recheos, aínda que nós tentamos innovar un pouco e facémolo con algún ingrediente que lle dá moita frescura como o surimi, que podedes encontrar en calquera supermercado.
Unha receita moi sinxela de facer e tamén rápida que vos pode quitar dalgún apuriño. O sabor é realmente exquisito, seguramente polos moi diversos elementos que se lle botan a estes ovos. Un prato ideal para elaborar quen non goste de pasar moito tempo na cociña nin de se complicar moito. Aquí vos quedan estes ovos recheos!!

Ovos recheos

                                                                                           
Ingredientes:
  • 4 ovos
  • 3 paus de surimi
  • 1/2 cebola
  • 15 olivas
  • Ketchup
  • Mostaza
  • Para decorar: pemento vermello, leituga e 4 aceitunas


Elaboración:

Para comezar debemos cocer os ovos en abundante auga con sal e un chorriño de vinagre, así se a casca rompe, a clara quedará no seu sitio. Cando os ovos estean cocidos, deixamos que arrefríen e pelámolos con coidado.


A continuación, abrímolos pola metade e separamos a xemas das claras, reservando estas últimas. Botamos no vaso do batedor as xemas, o surimi, a media cebola, as olivas, unha cullerada de Ketchup e outra de mostaza. Batemos até conseguir unha mestura homoxénea.
  




Coa axuda dunha culleriña, colocamos esta masa sobre as claras. A modo de decoración, colocamos leituga picada (ou o elemento que preferirdes) sobre un prato ou unha fonte. Ademais, podemos pór en cada porción de ovo media oliva e unha tira de pemento. 
Debemos deixar reposar no frigorífico unha hora para que ganen sabor, e xa estarían preparados para comer. Que aproveite! 
E se tedes pequen@s na casa probade a facelos con eles e elas. Gustaralles comelos, mais tamén elaboralos pola súa sinxeleza e pola diversión de mesturar todo :-)

Ningún comentario:

Publicar un comentario