Vai chegando o inverno amigos e amigas, os días veñen a menos e o frío faise dono das rúas progresivamente. E ao tempo que se reducen as ganas de andar por fóra ás oito ou nove da tarde, aumentan as ganas de nos pór a cociñar e estar á calor que normalmente ofrece a cociña.
Con todo, desta volta traemos unha sobremesa fría co que cumprirmos cuestións pendentes como facer o clásico reposteiro italiano ou incluírmos outra receita para a sección internacional, aínda que ben é certo, que Italia xa non a debemos contar posto que para nós, como adoramos inmensamente, é do máis recorrente.
Como non somos moi amigos do café, sempre andabamos reticentes a preparar tiramisú, mais desta volta animados por un encargo para un aniversario, puxémonos con el.
Talvez sexa o feito de levar estudando italiano catro anos ou o feito de que nos encanta a cultura italiana, mais o certo é que todo o seu corpus gastronómico nos fai tolear. Tamén o tiramisú que non sabemos se coñecedes a orixe do nome. Contounola unha profesora do ano pasado e resulta ben curiosa. Provén do dialecto da zona de Venecia, tirame sù, que significaba literalmente "tráeme para arriba", e que se vén entendendo como "súbeme o ánimo". Todo cobra sentido cando ollamos a esencia do tiramisú con esas gotiñas de alcol, o protagonismo da cafeína e o seu doce sabor. Como para non nos subir o ánimo, vaia!
Tamén sorprende que, a pesar de para nos xa parecer un clásico, non teña unha antiga existencia, pois xurdiu após a II Guerra Mundial na zona do nordeste italiano.
Tiramisú
Ingredientes:
- 500 gr de queixo mascarpone
- 300 gr de biscoitos de soletilla
- 1 taza grande de café
- 8 xemas de ovo
- 4 claras
- 5 culleradas de azucre
- 3 culleradas de amaretto
- 1 chisco de sal
- Para decorar: cacao en po
Utensilios: batedor eléctrico (ou manual), garfo, espátula e molde.
Elaboración:
Para comezarmos, temos que bater as xemas do ovo xunto co azucre até que dupliquen o seu tamaño.
Agregamos, pouco a pouco, o queixo mascarpone, e seguimos batindo. Reservamos no frigorífico.
A continuación, montamos as claras a punto de neve cun chisco de sal, para que queden máis firmes.
Mesturamos, coa axuda da espátula, as claras de ovo e a crema de queixo e ovos.
Estendemos unha fina capa desta crema sobre o molde que escollimos.
A continuación, nun plato botamos o café e o licor e mesturamos ben. Emborrachamos uns biscoitos na mestura e colocámolos sobre a crema de queixo.
Cubrimos, de novo, coa crema e colocamos máis biscoitos.
Rematamos con máis crema e refrixeramos durante, mínimo, 2-3 horas, mellor se é unha noite enteira. E despois empoamos co cacao en po e xa estaría preparada para comer!! Agardamos que vos guste!!
E así en segredo, estamos pensando en darlle un toque galego. Imaxinades o que pode saír se elaboramos o tiramisú con... licor café??? Iso ten que ser apoteósico, porque aí os biscoitos habían de quedar emborrachados literalmente, haha. Pois xa vos contaremos, xa :-)
Unha forte aperta e ánimo para esta máis breve semana!
Me encanta el tiramisu y este se ve de rexupete umm quien pudiera pillar un caxin ,te ha quedado de relujo.
ResponderEliminarBicos mil wapisima.
Moitas grazas guapa!! ;);)
EliminarAo levar ovo sen cociñar, coidadiño coa salmonelose. Agora xa hai á venda ovo ou claras pasteurizadas, que son mais seguras.
ResponderEliminarSempre comprobamos que os ovos estean ben antes de cociñalos! De todas formas, mil grazas pola información!
EliminarBicos