sábado, 7 de novembro de 2015

Gastrorruta Granada e Sevilla

Xa tres semanas aló e nós aínda sen vos falar da nosa aventura por terras andaluzas. E iso que ganas tíñamos, e moitas. Xa sabedes que non é moi común que fagamos artigos deste tipo mais, desta volta, coidamos que merece moito a pena para coñecerdes un pouco máis da cultura gastronómica do sur peninsular. Para isto o que faremos será presentarvos o noso percorrido nestes tres días de experiencia inolvidábel.
Cómpre recordar, que fomos convidados pola marca Puleva a asistir ao II Blogtrip Grandes retos de la alimentación infantil en el nuevo milenio, que se desenvolveu na cidade nazarí. Podedes imaxinar pois a alegría que levamos cando nos chegou o convite. Alén de representar o noso blogue, fomos tamén por parte de Chiquirecetas, páxina en que levamos colaborando case desde os inicios de Bolboretas no bandullo. 

Gastrorruta Granada e Sevilla


Venres:

Despois dunha longa, mais agradábel, viaxe en coche desde A Coruña, chegamos preto das 16 á cidade granadina. Pensabamos que a esas horas non sería moi doado encontrar un lugar para xantarmos, mais as tabernas típicas seguían cheas e achamos un oco para degustar unhas tapas. Xa só coas consumicións trouxéronnos unha tapa de carne asada con patacas coa que descubrimos unha das grandes marabillas deste paraíso. Non é que poñan tapas de balde coa consumición, igual que nalgunha vila da Galiza, senón que ofrecen unhas cantidades máis propias dunha ración coas que case podes comer. 


Como aínda tiñamos algo de fame, decidimos pedir o primeiro dos pratos típicos: unhas migas con salchichas frescas vermellas e panceta. Ben, a sorpresa foi cando chegou o prato, non só traía as demandadas migas, senón tamén unha tradicional tapa de pescaíto frito con pementos verdes fritos e unha grande lasca de melón. Vaia recibimento!!!



Despois, demos un primeiro paseo polas rúas das Teterías, quedando fascinados co seu encantador ambiente. Con todo, logo tivemos que marchar para o hotel xa que ás 19 tiñamos a recepción do Blogtrip coas compañeiras de Puleva. 

Só un de nós asistiu ao evento (Diana) mentres David quedou coñecendo un pouco máis da cidade e da súa comida. Eu, Diana, xunto coas demais compañeiras blogueiras, fixemos unha visita guiada nocturna pola Alhambra (foi unha sorte que Puleva organizara esta visita, xa que non quedaban entradas para ver o grandioso monumento até novembro) e despois degustamos un magnífico cóctel no restaurante Carmen de San Miguel. Mentres todas nos coñecíamos un pouco máis, ofrecéronnos unha serie de petiscos deliciosos: froitos secos, croquetas, bocadiños de bacallau, berenxenas ao mel, costela, ás de polo... e uns deliciosos pasteis para rematar a xornada.

Mentres tanto, David visitou unha parte da Alhambra. Tiña pensado logo ir cear por algún restaurante do centro, mais desbotou a opción despois de entrar nun bar tomar algo. Xunto ao refresco, trouxeron unha rosca rechea de xamón e tomate de importante tamaño. Si, é posíbel cear cunha única consumición en Granada! 

                                                       

Iso si, faltaba a sobremesa, así que parou nunha pastelaría tradicional próxima ao hotel para degustar un xeado. E como non, tiña que ser un xeado diferente polo que o pediu de pionono, un pastel de grande tradición na zona. A verdade é que o sabor doce sorprendía, e moito. Desta non hai foto, mais queda a palabra dun bo larpeiro, haha.

Sábado:

Comezamos a xornada almorzando no hotel en que estamos aloxados, o MA Nazaríes. Temos que dicir que para ser un hotel de elevada categoría nos esperábamos un pouco máis no almorzo e, aínda que eu non tiven ningunha queixa, xa que tomei unhas torradas e algo de froita, David e as demais compañeiras non gustaron moito de outros produtos que nos ofrecían. 
De seguir, fomos a unha conferencia do Dr. Ángel Gil e a un coloquio cos Drs. José Maldonado, Víctor Manuel Navas e F. Lara, onde non se falou de marcas, senón da importancia do leite na nutrición infantil. Na metade das conferencias, achegámonos a outro restaurante para podermos tomar un petisco a media mañá, o cal foi moi bo, xa que tíñamos unha grande variedade de produtos a escoller: torradas con tomate, manteiga ou marmelada, froita, friames varios, pasteis e pastas, zumes, cafés etc. 


Despois das conferencias e, como despedida ao Blogtrip, fomos comer ao impresionante Panoramic 360, o primeiro e único restaurante panorámico e xiratorio de España. Como podedes intuír, as vistas eran incríbeis. 


O menú estaba composto de dous entrantes. O primeiro composto de varios patés para untar sobre un pan aromatizado con aceite e especias e ensalada César. 









E de segundo, e prato principal, solombo recheo de queixo de cabra con brócoli e cherrys á prancha con patacas fritas e acompañado dun mollo de mostaza.


Para finalizar o xantar, a sobremesa era un sorbete de limón con nata, cun pionono da casa e froita fresca (ananás, amorodo e kiwi).


Entretanto, David andaba desfrutando das marabillosas paisaxes de Granada coa parella dunha compañeira. E si, continuaba coas tapas, haha. Despois de andar uns cantos quilómetros toda a mañá, que mellor que recuperar forzas por esa marabillosa rúa Elvira, que baixo un sol outonal de forza e un ambiente espectacular (acompañado tamén por actuacións musicais), se convertía no mellor sitio posíbel para desfrutar dunhas tapas. Neste caso, foron varias as tapas consumidas, mais igualmente contundentes e farturentas. De novo unha rosca rechea de xamón e tomate, co toque mediterráneo do pa am oli, e tamén unha de paella e unha memorábel tapa de chourizo ao viño que nada tiña que envexar en tamaño a unha das nosas racións. Pensade que esas tapas son... individuais!!!


E xa despois do xantar, reunímonos para ver algúns dos lugares que tiñamos pendentes en Granada como o Albaicín, o Mirador de San Nicolás (que vistas á Alhambra!) ou a Carrera del Darro (tamén chamado Paseo de los tristes). Perdímonos unha vez máis pola rúa das Teterías, pola Alcaicería e confirmamos un amor eterno por esta cidade. Para rematar a estancia, asistimos de noite a un típico espectáculo flamenco (con guitarra, voz e bailarina) que non podiamos perder. E como non, acompañamos isto dunhas patacas cheas de sabor nunha receita que non habemos de tardar en preparar.



Domingo:

Neste último día por Andalucía, erguémonos cun ceo moi escuro, pouco propio destas terras e unha ameaza de auga que pronto se cumpriu, tal e como avisaran. Si, fomos a Sevilla e parece que levamos a auga desde Galiza porque caía de todos os lados. Con todo, puidemos apreciar todas as belezas hispalenses entre treboada e treboada e coa axuda do paraugas.
Non faltaron a Giralda, Catedral, Torre de Oro e a amabilidade da xente sevillana e ese famoso cheiro a azar nas rúas cheas de laranxos. 
E chegado o momento de xantar, xa non tiñamos esas inxentes tapas granaínas, mais tiñamos uns manxares á nosa disposición que fai difícil a elección. Con todo, tentamos probar pratos o máis típicos da zona. Así metémoslle o dente ao rabo de touro, ao flamenquín e ás papas San Miguel. Non podiamos pasar por Sevilla sen degustar isto. E tamén habedes de ver algunha destas proximamente por aquí.


Co bandullo cheíño aínda se ve mellor a cidade, haha. Tocou á tarde a Praza de España, que estaba fechada polo clima (estes non viron nada, pechar unha praza por un pouco de auga, haha). Porén, tivemos a grandísima sorte de que alguén forzou a fechadura e durante unha hora puidemos visitala. Despois xa se encargou a Policía de desaloxar a praza, mais mentres tanto, que sorte! Porque unha vez que se vai a Sevilla non ver este luminoso espazo... E outro golpe de sorte foi encontrármonos co "Festival de las Naciones" nos Xardíns del Prado que tiña uns cens postos dedicados a mostras gastronómicas de moi diferentes puntos (si, tamén estaba Galiza ;-)) e no que degustamos algunha que outra xoia como eses buñuelos con chocolate, que como vistes, xa puxemos en práctica (receita aquí).









Co luscofusco cruzamos o Guadalquivir para tomar algo polo sonado barrio de Triana e desfrutar das impresionantes vistas dos principais monumentos sevillanos desde o outro lado. Do mellorciño, que marabilla!!


E regresamos ao centro para cear nunha das mellores bodegas da cidade, a cal nos recomendaran e na que había que facer números para lograr un tallo e unha mesa. Cun taboleiro gastronómico completo e varidísimo, optamos por tres tapas que foron do mellor desta fin de semana: solombo ao whisky, berenxenas ao mel (quedamos namorados en Granada delas) e lágrimas de polo. E ao nivel da comida estaban os camareiros. Todo un espectáculo digno da Sevilla máis aberta e alegre.




Tocaba xa regresar, coa sensación de moito desfrutado mais de todo pasar demasiado rápido. Iso si, aquí temos que volver si ou si!
Agardamos que desfrutárades do artigo de hoxe, un tanto diferente e algo extenso, mais tiñamos moito que vos contar xa que desta viaxe tamén faciades parte, Bolboretas no bandullo non existe sen @s seus lambonciñ@s lectores, haha. Unha fortísima aperta a tod@s e pasade un moi bo día!

2 comentarios:

  1. Alégrame moitísimo que tivérades esta oportunidade! Ben merecido o tiñades, polo voso contido de calidade e tamén pola vosa constancia. Parabéns, rapaces! E a miña noraboa tamén polo post, fixéchedes un relato fantástico e non vos deixáchedes nada no tinteiro. Encantoume todo, vou ter que viaxar a Granada no só por vela Alhambra, senón tamén para probar esas tapas tan tremendas!

    Bicos grandes e tamén apertas para os dous!

    Yoly

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas!!! Mil grazas por estar sempre por aquí!!!
      A verdade é que merece moitísimo a pena, Granada é incríbel en todos os sentidos!!!
      Bicos

      Eliminar