martes, 3 de novembro de 2015

Tiramisú

Vai chegando o inverno amigos e amigas, os días veñen a menos e o frío faise dono das rúas progresivamente. E ao tempo que se reducen as ganas de andar por fóra ás oito ou nove da tarde, aumentan as ganas de nos pór a cociñar e estar á calor que normalmente ofrece a cociña.
Con todo, desta volta traemos unha sobremesa fría co que cumprirmos cuestións pendentes como facer o clásico reposteiro italiano ou incluírmos outra receita para a sección internacional, aínda que ben é certo, que Italia xa non a debemos contar posto que para nós, como adoramos inmensamente, é do máis recorrente.
Como non somos moi amigos do café, sempre andabamos reticentes a preparar tiramisú, mais desta volta animados por un encargo para un aniversario, puxémonos con el.
Talvez sexa o feito de levar estudando italiano catro anos ou o feito de que nos encanta a cultura italiana, mais o certo é que todo o seu corpus gastronómico nos fai tolear. Tamén o tiramisú que non sabemos se coñecedes a orixe do nome. Contounola unha profesora do ano pasado e resulta ben curiosa. Provén do dialecto da zona de Venecia, tirame sù, que significaba literalmente "tráeme para arriba", e que se vén entendendo como "súbeme o ánimo". Todo cobra sentido cando ollamos a esencia do tiramisú con esas gotiñas de alcol, o protagonismo da cafeína e o seu doce sabor. Como para non nos subir o ánimo, vaia!
Tamén sorprende que, a pesar de para nos xa parecer un clásico, non teña unha antiga existencia, pois xurdiu após a II Guerra Mundial na zona do nordeste italiano.


Tiramisú


Ingredientes:

  • 500 gr de queixo mascarpone
  • 300 gr de biscoitos de soletilla
  • 1 taza grande de café
  • 8 xemas de ovo
  • 4 claras
  • 5 culleradas de azucre
  • 3 culleradas de amaretto
  • 1 chisco de sal
  • Para decorar: cacao en po

Utensilios: batedor eléctrico (ou manual), garfo, espátula e molde. 

Elaboración:

Para comezarmos, temos que bater as xemas do ovo xunto co azucre até que dupliquen o seu tamaño.



Agregamos, pouco a pouco, o queixo mascarpone, e seguimos batindo. Reservamos no frigorífico.










A continuación, montamos as claras a punto de neve cun chisco de sal, para que queden máis firmes.


Mesturamos, coa axuda da espátula, as claras de ovo e a crema de queixo e ovos.











Estendemos unha fina capa desta crema sobre o molde que escollimos.


A continuación, nun plato botamos o café e o licor e mesturamos ben. Emborrachamos uns biscoitos na mestura e colocámolos sobre a crema de queixo.








Cubrimos, de novo, coa crema e colocamos máis biscoitos.


Rematamos con máis crema e refrixeramos durante, mínimo, 2-3 horas, mellor se é unha noite enteira. E despois empoamos co cacao en po e xa estaría preparada para comer!! Agardamos que vos guste!!


Vaia apetito se nos abre cun doce que sempre entra ben. Como vedes, falta a foto do corte que seguramente fixese máis mérito a esta larpeirada, mais desta volta non o puidemos abrir na casa posto que era para fóra. Con todo, visto o éxito, habémolo facer de novo en pouquiño tempo para engadir a foto e nos dar unha boa bandullada de tiramisú.
E así en segredo, estamos pensando en darlle un toque galego. Imaxinades o que pode saír se elaboramos o tiramisú con... licor café??? Iso ten que ser apoteósico, porque aí os biscoitos habían de quedar emborrachados literalmente, haha. Pois xa vos contaremos, xa :-)
Unha forte aperta e ánimo para esta máis breve semana!


4 comentarios:

  1. Me encanta el tiramisu y este se ve de rexupete umm quien pudiera pillar un caxin ,te ha quedado de relujo.
    Bicos mil wapisima.

    ResponderEliminar
  2. Ao levar ovo sen cociñar, coidadiño coa salmonelose. Agora xa hai á venda ovo ou claras pasteurizadas, que son mais seguras.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sempre comprobamos que os ovos estean ben antes de cociñalos! De todas formas, mil grazas pola información!
      Bicos

      Eliminar