Amosando publicacións coa etiqueta forno. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta forno. Amosar todas as publicacións

xoves, 27 de marzo de 2025

Roliños de froitos vermellos

 Bo día, bolboreteirxs! Que tal? Hoxe viñemos para adozarvos o día xa que vos traemos unha receita moi lambona, uns roliños de froitos vermellos. Esta lambonada non só é moi chamativa visualmente, senón que está espectacular de sabor, alén de que podedes adaptar o recheo ao voso gusto. 
Se vos fixades nos ingredientes, temos o puré de patacas, que é un pouco estraño para usar en repostaría, mais úsase para que a masa aguante máis tempo fresca e para darlle esponxosidade aos roliños. 
Aquí vos deixamos a receita:




Roliños de froitos vermellos



Ingredientes:


Para a masa:
  • 360 g de fariña de forza
  • 260 g de auga morna
  • 90 g de manteiga derretida
  • 45 g puré de patacas instantáneo       
  • 40 g de azucre
  • 30 g de leite en po
  • 8 g de lévedo seco de panadaría
  • Un chisco de sal
  • Ovo batido
  • AOVE
Para o recheo:
  • 400 g de amorodos
  • 200 g de arandos
  • 1 cullerada de azucre

xoves, 6 de febreiro de 2025

Boliños de pan

Bo día, bolboreteirxs! Aquí vos traemos unha nova receita moi saborosa, uns boliños de pan. Xa sabedes que na nosa casa somos moi panadeirxs e sempre andamos argallando para facer novas masas ou panes! E desta forma saíron estes boliños, que son deliciosos! 

Como ides ver, son moi rápidos de facer e pódennos sacar dun apuro. De feito, nós sempre facemos de máis para ter gardados no conxelador e ter sempre pan na casa cando non temos tempo de ir á panadaría. E non podemos olvidar o pracer que dá facer pan caseiro e que a nosa casa quede impregnada dese delicioso olor. 



Boliños de pan





Ingredientes:
  • 600 g de fariña de forza
  • 300 ml de auga                                       
  • 75 ml de aove

mércores, 15 de novembro de 2023

Pizza outonal

Bo día, bolboreteirxs! Aquí estamos un día máis cunha nova receita outonal, cuxa protagonista é a cabaza. Esta é unha nova versión da pizza, xa que en lugar de facer unha blanca ou con salsa de tomate, imos usar a cabaza, o que lle dará un toque diferente, e moi especial á nosa pizza. Para o resto dos ingredientes nós facémosvos esta proposta, que triunfou na nosa casa, mais xa sabedes que hai que xogar cos produtos e os nosos gustos. 


Pizza outonal  



Ingredientes:


Para a pizza:

  • Masa de pizza 
  • Puré de cabaza 
  • Chistorra        
  • Champiñóns 
  • Cebola 

domingo, 2 de maio de 2021

A pasta máis famosa de TikTok (con tomatiños e queixo)

Boa noite, bolboreteir@s. Como vai?? Por aquí tivemos unha fin de semana de relax e gastronomía. O sábado pasamos pola mítica feira de Betanzos para almorzar uns churros e petiscar despois algo e hoxe tocou tailandés e xeado nesta tarde solleira.

E claro, argallamos tamén algunha cousiña para o blogue. Hoxe traémosvos unha receita que se tornou viral na rede social de moda, o Tiktok e que nos vimos obrigados a probar. Xa sabedes, nós caemos en calquera reto gastronómica que haxa pola rede, sobre todo se implica unha proba despois. 

É certo que nós aínda non estamos nesa rede (todo caerá) mais si chegou a nós a través doutras e a verdade é que nos chamou moito a atención pola sinxeleza e bo aspecto. Imos por ela!


A pasta máis famosa de TikTok (con tomatiños e queixo)



Ingredientes:

  • Macarróns
  • 300 g de tomatiños cereixas
  • 1 taco de queixo feta
  • Ourego
  • Pementa moída
  • Sal

luns, 22 de marzo de 2021

Pizza de brócoli e bacon (mais unha mini-receita)

 Bo día, bolboreteir@s! Chegamos cun pouco de retraso porque na finde houbo moito trafego preparando as avaliacións. Vale, e tamén aproveitando un pouquiño o sol ;-)

Pois hoxe imos cun deses clásicos en calquera casa: a pizza. Aínda que ben sabemos que non todos optades pola masa caseira, non podemos máis que insistirvos en que vos animedes con ela pois a diferenza é notabilísima.

A pizza está sen dúbida, no noso top5 de pratos favoritos pero destaca entre eles por ser o que logra ter un día da semana fixo. Imos ver, fixo fixo non é, pero un día á semana nesta casa dedicado á pizza sempre hai. E normalmente asociado á fin de semana. É dicir, a pizza é pura alegría. 

Aquí vos traemos unha opción que probamos esta semana e que nos pareceu moi interesante para compartir convosco. 



Pizza de brócoli e bacon





Ingredientes:

  • Masa de pizza
  • Salsa de tomate  
  • Queixo relado
  • 150 g de bacon

martes, 26 de maio de 2020

Biscoito de manga

Boa tarde, bolboreteir@s! Como vai esta última semana deste maio tan estraño? Aquí, como andamos de estrea de vivenda andamos a probar os novos trebellos de cociña para elaboración de novos pratos e estamos a gozar como ananos, claro. 
Para probar os fornos, sempre se lle preparou un biscoito así que o obxectivo estaba claro. Ora ben, tamén é habitual mentres se lle colle o truco aos electrodomésticos, que haxa algunha desfeita, así que fomos con moito coidadiño para que non se nos queimase a nosa larpeirada.
E facémolo de manga porque é unha froita que estamos a redescubrir tempo despois. Había tempo que non se facía moito oco na nosa cociña e nestas últimas semanas volvémolo mercar e vaia gozada. Os que collemos están que se desfán na boca. Así que tiñamos claro que lle darían todo o sabor que precisabamos a esta receita.



Biscoito de manga


Ingredientes:


  • 250 g de fariña
  • 200 g de manga
  • 180 g de azucre
  • 100 g de aceite de oliva

sábado, 11 de abril de 2020

Coca de trampó

Bo día, bolboreteir@s! Como levastes esta semana? Agardamos que vaia moi ben e esteades tirando proveito das receitas e da cociña para pasardes máis entretidos estas semanas.
Hoxe viaxamos, unha vez máis, a través da gastronomía, xa que doutra forma de momento non se pode. E facémolo a unha das nosas terras favoritas, Mallorca, onde temos familia. Alí foi onde coñecimos a preparación da coca, unha masa con certas similitudes á pizza aínda que na realidade a propia masa é o que máis se diferencia, sendo máis sólida e cun toque máis crocante.
Abaixo deixámosvos a outra coca que xa fixeramos, hai uns anos, coas verduras tamén como protagonistas. Mais como desta volta nos entrou moito antollo das Baleares, fixémola aínda máis típica posto que o recheo é outro dos pratos típicos da illa, o trempó, ou como din en mallorquí, trampó. Un conxugación de verduras moi habitual en verán que é refrescante mais que desta volta adquire temperatura para entrar a formar parte dunha coca deliciosa!


Coca de trampó



Ingredientes:

  • Masa para a coca
  • 1 pemento vermello
  • 1 pemento verde
  • 2 tomates
  • Allo en po
  • Pementa moída 
  • Sal

sábado, 15 de febreiro de 2020

Tacos de coliflor

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Aquí andamos algo enleados ultimamente entre peque, exames e mudanzas pero tentamos seguir deixando canto menos un oco para a creación dunha receita nova a compartir con vós.
Desta volta, collemos unha idea da revista Lecturas Cocina que nos conquistou e que sabiamos que ía ser un acerto. Aínda que non contabamos que tanto. Nós gustamos moito deste tipo de pratos "de man" mais aquí utilizamos produtos nunca antes probados neles.
É certo que nos gustou tanto que como nos sobrou recheo, acabamos por comelo directamente, sen taco nin nada. Agora, é a vosa quenda!





Tacos de coliflor


Ingredientes:


  • Arroz blanco
  • 1/2 coliflor
  • 1 cenoria
  • 2-3 follas de leituga
  • Tortillas de millo para tacos
  • Pementa moída

sábado, 11 de xaneiro de 2020

Salmón con capa e verduras

Bo día, bolboreteir@s! Como estades? Agardamos que xa recuperados dos excesos do Nadal e adaptados de novo á rutina, canto menos alimenticia. Nós seguimos coa nosa actividade blogueira, presentándovos opcións que nos conquistan a nós previamente.
Ben, o salmón é talvez o noso peixe favorito xunto co peixe-sapo e a verdade é que estamos moi acomodado a facelo na tixola sen máis que unha gota de aceite. Que é ben cómodo para o día a día e tamén unha delicia. Porén, convén non aborrecelo tampouco así que matinamos nesta nova opción, tamén bastante saudábel e con moita novidade no sabor. Ollade!




Salmón con costra e verduras



Ingredientes:

  • 2 toros de salmón
  • 1 cebola
  • 1/2 pemento vermello
  • 1/2 pemento amarelo
  • 3-4 champiñóns
  • 2 galletas mariñeiras
  • 30 g de améndoa crúa

sábado, 23 de novembro de 2019

Boliños de queixo

Bo día, bolboreteir@s! Mimadriña como estamos aproveitando para cociñar receitas novas neste mes. Lemos hoxe que vai todo o mes con auga e nós aquí vemos unha oportunidade para nos beneficiar do tempo na casa.
Desta volta preparamos un petisco sinxeliño que xunta dous dos nosos produtos favoritos: pan e queixo. Ou máis ben, botamos man do queixo para chegar a un pan ben especial, cheo de sabor.
É certo que estes vémolos máis como entrante de menú que como outra cousa. Sexa como for, ides gozar dunha boa delicia que podemos adaptar a calquera queixo e tamén a calquera tamaño. Aquí vai a nova receita.



Boliños de queixo



Ingredientes:


  • 250 g de fariña
  • 150 g de queixo
  • 70 g de manteiga
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 cullerada de allo en po
  • 1 culleriña de azucre
  • Un chisco de sal
Para a decoración:
  • 50 g de queixo
  • 50 g de manteiga

sábado, 19 de outubro de 2019

Torta tenebrosa

Bo día, amig@s! Como vai. Aquí andamos emocionados xa coa chegada da primeira festa temática do outono. Aproxímase o Samaín, que por sorte vén recuperando terreo nos últimos anos e que nós queremos reforzar desde Bolboretas no bandullo coa creación de receitas axeitadas. Ademais, évos unha festa que dá moi ben co noso carácter. Xa sabedes, aquí somos moi de ánimas en pena, cemiterios e contos de medo arredor da lareira antigamente e agora pois... arredor dunha torta coma esta.
É ideal se tedes peques na casa. O Xiao de momento non dá a súa opinión mais nós imos practicando para cando se emocione máis con estas argalladas gastronómicas de seus pais. Entretanto, agardamos que vos poda servir para darlle un pouco de sabor e escuridade a estes días que se aproximan. Aquí a tedes.



Torta tenebrosa



Ingredientes:


Para o biscoito:
  • 200 g de manteiga
  • 200 g de azucre
  • 190 g de fariña
  • 4 ovos
  • 1 cullerada de vainilla
  • 1 cullerada de cacao puro

martes, 9 de xullo de 2019

Niños de ovo

Olaaaaa!!! Seguimos creando aproveitando o tempo que nos ofrece o verán para ler, visualizar e saborear. Estivemos aprendendo estes días que os ovos son bastante recomendábeis durante o embarazo e como non estaba comendo moitos decidimos matinar unha receita que lle dese todo o protagonismo ao ovo, variando así das formas clásicas.
E xa vedes ao que chegamos, unha creación orixinal e con moito máis sabor do que se pode mostrar en ningunha imaxe xa que esa pseudoclara do ovo alberga unha intensidade dificilmente esquecíbel para o padal.
Probade a poñerlle estes niños de ovo á xente da casa a ver que vos din. Van flipar! Ollade que pouco para lograr un prato saborosísimo!!




Niños de ovo



Ingredientes:

  • 2-3 ovos
  • 3 lascas de bacon
  • 2 culleradas de queixo parmesano
  • Ourego
  • Pementa moída
  • Sal

sábado, 25 de maio de 2019

Biscoito de cenoria saudábel

Bo día, bolboreteir@s! Non vos asustedes, a palabra saudábel está comezando a ganar moito espazo no noso blogue mais non por iso renunciamos ao doce eh! Co larpeir@s que nós somos...
Ben, pois hoxe erguímonos con ganas de argallar na cociña e, previo paso polo super, preparamos unha lambonada idónea para almorzo, sobremesa ou merenda.
Non sei se xa vos contamos algunha vez a paixón que sentimos polas carrot cake. Ben, isto non chega a esas cotas de dozura mais criamos que a cenoria tiña que ser a protagonista desta fin de semana... et voilà!
Se sodes dos que os biscoitos forman parte xa da vosa familia, ollade a idea para ampliar o rexistro. Aí vai.




Biscoito de cenoria saudábel


Ingredientes:

  • 300 g de cenoria
  • 150 g de fariña integral/avea
  • 4 ovos
  • 2 culleradas de aceite
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 culleriña de canela

sábado, 13 de abril de 2019

Quiche de touciño entrefebrado con verduras

Bo día, bolboreteir@s! Que? Gustastes da sorpresa do último día, verdade! Estamos superfelices, a verdade.
Ben, antes de collermos unhas vacacións nesta semana próxima, queremos deixarvos cunha receita para relamber os dedos. Nós a verdade é que nunca viaxamos a Francia e aínda así adoramos a gastronomía francesa, é máis, este é un dos motivos polo que nos apetece coñecela!
E as quiches son unha verdadeira perdición por diferentes motivos. Un pastel salgado sempre ofrece algo diferente. Ademais, este é moi sinxelo de facer xa que optamos polo follado como base e iso leva consigo rapidez.
Os ingredientes van a gusto do consumidor mais é moi probábel que gocedes destes! A ver que vos parece!




Quiche de touciño entrefebrado con verduras



Ingredientes:


  • 1 lámina de follado
  • Queixo mozzarella
  • 120 g de touciño entrefebrado (bacon)
  • 1 cebola grande
  • 1/2 pemento
  • 4-5 champiñóns
  • 2 dentes de allo
  • 200 ml de nata para cociñar
  • 2 ovos

mércores, 13 de febreiro de 2019

Costela á mostaza e ao mel

Ola, bolboreteir@s!!! Como vai todo!! Por aquí andamos moi contentos pois xa vemos o Entroido próximo, ou máis ben xa nos relambendo, pois xa temos a cociña chea de aromas de cocido, roscas e freixós. Mmmmmmmmm...
Mais hoxe non toca larpeirada senón un prato de día a día, deses recursos ben prezados que nos ofrece unha variante para unha materia prima habitual. A costela en ocasións, nalgúns cociñados, ten como inconveniente o feito de ficar algo seca. Non é este caso, onde se nos desfai con meterlle o coitelo e presenta un sabor ben ben gustoso. Ollade!



Costela á mostaza e á mel



Ingredientes:


  • 1 tira de costela
  • 5 culleradas de mostaza
  • 3 culleradas de mel

martes, 20 de novembro de 2018

Roliños de paté de olivas e salmón

Boa tarde, bolboreteir@s! Seguen as receitas, segue o sabor en Bolboretas no bandullo! Nunhas semanas de moito movemento e actividade, imos introducíndonos progresivamente na rutina. Na semana pasada, aproveitando que tiñamos unha cea cuns moi bos amigos, decidimos crear, dando lugar ao arroz que vos presentamos no pasado sábado.
Ben, pois adentrámonos nese menú tan saboroso, cun petisco deste que fican no maxín. O salmón afumado, que tanto adoita gustar, convenceunos tamén moito aquí.
Imos por esta apetecíbel receita.


Roliños de paté de olivas e salmón




Ingredientes:


  • 1 masa de follado
  • 200 g de salmón afumado
  • 150 g de olivas

martes, 25 de setembro de 2018

Brownie de froitos vermellos

Ola, bolboreteir@s! Canto había que non preparabamos un doce coma este. O brownie é unha das nosas larpeiradas favoritas e non falla cando nos queremos dar unha homenaxe, subir o ánimo ou simplemente desfrutar do chocolate en todo o seu esplendor.
Desta volta necesitabamos un biscoito ou torta para o aniversario da avoa e para non perdermos moito tempo agora que andamos algo enleados co inicio das aulas, optamos por un brownie no que as froitas entrasen en xogo.  
Se quixerdes arrasar entre os vosos comensais ou gozardes inmensamente desta lambetada, esta é a vosa receita. Para non perder!!



Brownie de froitos vermellos



Ingredientes:

  • 125 g de framboesas
  • 125 g de arandos
  • 225 g de manteiga
  • 200 g de azucre moreno
  • 100 g de chocolate negro
  • 50 g de fariña
  • 50 g de cacao en po
  • 1 cullerada de vainilla

sábado, 9 de xuño de 2018

Patacas hasselback

Bo día, bolboreteir@s! Desta volta chegamos coa receita para o sábado, estivemos máis espertos e non deixamos a tarxeta coas fotos na Coruña, como na semana pasada, haha.
O que hoxe vos traemos non sabemos se calificalo como petisco, acompañante ou prato principal pois serve para calquera deles. É certo que nós concebímolo como un acompañante, como se fosen unhas patacas fritas ou asadas máis. Porén, acabaron acaparando todo o protagonismo da nosa cea téndomos que deixar sobras do que viña sendo o prato principal.
Esta gornición ten a orixe en Suecia, nun prestixioso restaurante chamado Hasselbacken, no que se creo a primeira escola de cociña do país e onde o alumnado maxinou esta marabilla. Nun primeiro momento apenas levaban a manteiga da cuberta e o sal mais co paso do tempo foron gañando en adobíos aparecendo ingredientes como os que aquí ides ver e nos que o queixo e a panceta van ter moito que dicir. Imos con estas patacas tan apetitosas!!



Patacas hasselback



Ingredientes:


  • Patacas de tamaño medio
  • 3-4 lascas de bacon
  • 3-4 lascas de queixo gouda
  • Queixo relado
  • 15 g de manteiga
  • Pementa moída

martes, 29 de maio de 2018

Robaliza ao forno

Bo día, bolboreteir@s! Hoxe vimos orgullosos coa nosa receita pois, aínda sendo moi sinxela, é ben importante para nós pois se hai unha carencia que percibimos na nosa cociña é a falta de cociñado de peixes, o que procuraremos solucionar a partir de agora, sobre todo porque cada vez nos gusta máis papalo. É xa cuestión de orgullo. Galegos e mariñaos, como para non incluírmos receitas peixeiras.
Tamén hai que confesar que non foi casualidade que se dese este prato xusto nesta fin de semana. Nos últimos días tocou traballar o léxico mariñeiro co alumnado de 3º da ESO e xurdiron pratos moi apetecíbes que nos provocaron un apetito que agora vos tentamos transmitir a través desta sinxelísima  robaliza ao forno. A por ela!



Robaliza ao forno



Ingredientes:

  • 1 robaliza
  • 2-3 patacas
  • 1 tomate
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1/2 pemento vermello
  • 1/2 pemento verde
  • 1/2 vaso de viño branco
  • Aceite de oliva

martes, 26 de decembro de 2017

Lagostinos ao forno

Bolboreteir@s! Como foron estes días de comiolas e enchentas? Agardamos que moi ben e sen ningunha indixestión. Ás veces é difícil pór freo ante tantos manxares.
Ben, hoxe, traémosvos un clásico dos menús natalicios, os lagostinos. Un dos mariscos de maior éxito que se adoitan degustar sen mollo desfrutando do seu sabor exquisito. Pero é certo que ás veces se presentan dúbidas á hora de os cociñar pois na grella deixan moitísimo fume pola casa adiante e este tarda en marchar despois, aínda que teñamos o extractor aceso durante un bo anaco de tempo.
Pois nós, desde xa hai anos optamos por preparalos ao forno, non existindo apenas diferenzas no sabor ao tempo que temos un cociñado moito máis cómodo e limpo.
De paso, para @s que nos vos coincidiu lernos nas RRSS nestes días, comentámosvos o que deixou o Apalpador para vós, bolboreteir@s! Até o día 30 deste mes, o sábado, poderedes conseguir un exemplar de "Os arquivos de Escarlatina" (Editorial Xerais), a sensación literaria do Nadal en Galiza, que chega da man de Ledicia Costas, con ilustracións de Víctor Rivas. Este libro cheo de xogos, imaxes e receitas macabras pode ser voso con comentar en calquera destas últimas receitas (esta, por exemplo) e seguirnos ben en Twitter ou ben en Instagram [nas dúas tamén serve, claro ;-)]. Se non tedes ningunha destas redes, na nosa páxina de Facebook poderedes ver outra forma de o conseguir.
Con isto queremos celebrar o 4º aniversario de Bolboretas no bandullo que se cumprirá o vindeiro sábado. Ese día anunciaremos o gañador. Agora, a participar e a desfrutar destes lagostinos. Ñam, ñam! 




Lagostinos ao forno



Ingredientes:

  • 1 kg de lagostinos
  • 6-7 culleradas de aceite
  • 6-7 dentes de allo
  • 1/4 culleriña de sal