Bo día, bolboreteir@s! Desta volta chegamos coa receita para o sábado, estivemos máis espertos e non deixamos a tarxeta coas fotos na Coruña, como na semana pasada, haha.
O que hoxe vos traemos non sabemos se calificalo como petisco, acompañante ou prato principal pois serve para calquera deles. É certo que nós concebímolo como un acompañante, como se fosen unhas patacas fritas ou asadas máis. Porén, acabaron acaparando todo o protagonismo da nosa cea téndomos que deixar sobras do que viña sendo o prato principal.
Esta gornición ten a orixe en Suecia, nun prestixioso restaurante chamado Hasselbacken, no que se creo a primeira escola de cociña do país e onde o alumnado maxinou esta marabilla. Nun primeiro momento apenas levaban a manteiga da cuberta e o sal mais co paso do tempo foron gañando en adobíos aparecendo ingredientes como os que aquí ides ver e nos que o queixo e a panceta van ter moito que dicir. Imos con estas patacas tan apetitosas!!
Patacas hasselback
Ingredientes:
- Patacas de tamaño medio
- 3-4 lascas de bacon
- 3-4 lascas de queixo gouda
- Queixo relado
- 15 g de manteiga
- Pementa moída
- Ourego
- Aceite de oliva virxe
- Sal
Utensilios: unha bandexa apta para o forno, un coitelo e pauíños longos.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de atravesar as patacas cos pauíños pola parte inferior. E, coa axuda do coitelo, famos cortes sen cortar a pataca de todo, o pauíño pódenos servir de guía. Podemos utilizar as patacas con pela ou sen ela, iso ao voso gusto.
En cada oco, colocamos un anaco de bacon e salgamos ao noso gusto.
Untamos as patacas con manteiga.
Enfronamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 40 minutos.
Pasado ese tempo e, con moito coidado, introducimos anacos de queixo gouda entre os ocos.
Empoamos con pementa moída e ourego.
E cun pouco de queixo relado.
Metemos 10 minutos máis no forno para que se derreta o queixo e xa estarían lista para comer!
Agardamos que vos gusten ;)
Dá ganas de meterlle o dente á pantalla, non é? Aquí ficou moi bo sabor de boca destas patacas suecas que van retornar máis cedo que tarde á nosa cociña. Ademais, mantendo o acordeón e a manteiga, temos moita marxe de personalización con este prato. Todo positivo!
Agora, cómpre desfrutárdelo! Forte aperta, bolboreteir@s!!
En casa no nos gustan nos encantan y segun mis chicos no se las hago tan amenudo como ellos quisieran ,os han quedado de relujo ademas de estar de rexupete.
ResponderEliminarBicos mil wap@s.
A nós tamén nos pasa!! Son demasiadas receitas deliciosas 🙈🙈!! 😍♥️
Eliminar