Amosando publicacións coa etiqueta comida especial. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta comida especial. Amosar todas as publicacións

martes, 26 de decembro de 2017

Lagostinos ao forno

Bolboreteir@s! Como foron estes días de comiolas e enchentas? Agardamos que moi ben e sen ningunha indixestión. Ás veces é difícil pór freo ante tantos manxares.
Ben, hoxe, traémosvos un clásico dos menús natalicios, os lagostinos. Un dos mariscos de maior éxito que se adoitan degustar sen mollo desfrutando do seu sabor exquisito. Pero é certo que ás veces se presentan dúbidas á hora de os cociñar pois na grella deixan moitísimo fume pola casa adiante e este tarda en marchar despois, aínda que teñamos o extractor aceso durante un bo anaco de tempo.
Pois nós, desde xa hai anos optamos por preparalos ao forno, non existindo apenas diferenzas no sabor ao tempo que temos un cociñado moito máis cómodo e limpo.
De paso, para @s que nos vos coincidiu lernos nas RRSS nestes días, comentámosvos o que deixou o Apalpador para vós, bolboreteir@s! Até o día 30 deste mes, o sábado, poderedes conseguir un exemplar de "Os arquivos de Escarlatina" (Editorial Xerais), a sensación literaria do Nadal en Galiza, que chega da man de Ledicia Costas, con ilustracións de Víctor Rivas. Este libro cheo de xogos, imaxes e receitas macabras pode ser voso con comentar en calquera destas últimas receitas (esta, por exemplo) e seguirnos ben en Twitter ou ben en Instagram [nas dúas tamén serve, claro ;-)]. Se non tedes ningunha destas redes, na nosa páxina de Facebook poderedes ver outra forma de o conseguir.
Con isto queremos celebrar o 4º aniversario de Bolboretas no bandullo que se cumprirá o vindeiro sábado. Ese día anunciaremos o gañador. Agora, a participar e a desfrutar destes lagostinos. Ñam, ñam! 




Lagostinos ao forno



Ingredientes:

  • 1 kg de lagostinos
  • 6-7 culleradas de aceite
  • 6-7 dentes de allo
  • 1/4 culleriña de sal

martes, 3 de xaneiro de 2017

Entrecosto en salsa de champiñóns ao viño tinto

Xa adaptad@s ao novo ano? Ou precisades uns días mais? Nós continuamos coa rutina para non vos sintades estraños neste 2017 e comezamos forte cun prato estrela para calquera menu pois xa só a carne atrae só con escoitar o seu nome. Estamos a falar do entrecosto, peza que ocupa un lugar privilexiado no maxín de tod@s @s amantes da boa carne.
Evidentemente non é unha receita para todos os días pois nin debemos inxerir acotío produtos cárnicos nin o noso peto o acepta de boa gana pois non é un alimento especialmente económico. Mais o que si ten é sabor. 
Ademais, cando pedimos un entrecosto en calquera restaurante manexamos apenas dúas opcións, ou a que conta con sala de viño Porto ou a que vén sen mollo. Así que na casa preparamos unha versión da primeira aínda que modificando o viño pois non era ese o que tiñamos a man.
O resultado podía ser bo ou moi bo e claro, foi mellor aínda pois a carne quedou tal e como queriamos e a salsa, aínda non sendo como a do Porto, si ofreceu esa humidade intensa que agradecemos ás veces para este tipo de pratos. En resumo, unha xoia gastronómica!!


Entrecosto en salsa de champiñóns ao viño tinto


Ingredientes (para 2 persoas):


  • 2 entrecostos de tenreira
  • 7-8 champiñóns
  • 1 cebola morada
  • 2 dentes de allo
  • 1 vaso de viño tinto
  • 2 culleradas de aceite
  • Pementa moída