martes, 26 de decembro de 2017

Lagostinos ao forno

Bolboreteir@s! Como foron estes días de comiolas e enchentas? Agardamos que moi ben e sen ningunha indixestión. Ás veces é difícil pór freo ante tantos manxares.
Ben, hoxe, traémosvos un clásico dos menús natalicios, os lagostinos. Un dos mariscos de maior éxito que se adoitan degustar sen mollo desfrutando do seu sabor exquisito. Pero é certo que ás veces se presentan dúbidas á hora de os cociñar pois na grella deixan moitísimo fume pola casa adiante e este tarda en marchar despois, aínda que teñamos o extractor aceso durante un bo anaco de tempo.
Pois nós, desde xa hai anos optamos por preparalos ao forno, non existindo apenas diferenzas no sabor ao tempo que temos un cociñado moito máis cómodo e limpo.
De paso, para @s que nos vos coincidiu lernos nas RRSS nestes días, comentámosvos o que deixou o Apalpador para vós, bolboreteir@s! Até o día 30 deste mes, o sábado, poderedes conseguir un exemplar de "Os arquivos de Escarlatina" (Editorial Xerais), a sensación literaria do Nadal en Galiza, que chega da man de Ledicia Costas, con ilustracións de Víctor Rivas. Este libro cheo de xogos, imaxes e receitas macabras pode ser voso con comentar en calquera destas últimas receitas (esta, por exemplo) e seguirnos ben en Twitter ou ben en Instagram [nas dúas tamén serve, claro ;-)]. Se non tedes ningunha destas redes, na nosa páxina de Facebook poderedes ver outra forma de o conseguir.
Con isto queremos celebrar o 4º aniversario de Bolboretas no bandullo que se cumprirá o vindeiro sábado. Ese día anunciaremos o gañador. Agora, a participar e a desfrutar destes lagostinos. Ñam, ñam! 




Lagostinos ao forno



Ingredientes:

  • 1 kg de lagostinos
  • 6-7 culleradas de aceite
  • 6-7 dentes de allo
  • 1/4 culleriña de sal
  • Para acompañar (opcional): maionesa allada




Utensilios: unha cunca, unha bandexa de forno e papel de aluminio/vexetal.


Elaboración:


Para comezarmos, temos que picar finamente o allo e mesturalo co aceite e o sal. 


Adobamos os lagostinos coa mestura anterior. 


Colocamos os lagostinos sobre a bandexa do forno, cuberta co papel vexetal/de aluminio e enfornamos a 220º, co forno prequente, co gratinador, aproximadamente, 10-12 minutos de cada lado. 


E xa estarían listos para comer! 


Vaia festín! Poucos mariscos apreciamos tanto como os lagostinos. Xa sexan sós ou cunha pouca de maionesa, son un billete seguro ao paraíso gastronómico. A clave, ademais de non os pasar no forno, está en comprar un bo produto. Diredes que iso sempre, pero en produtos como estes que se degustan sen moitos adobíos faise aínda máis relevante. Fican xa para vós. Sorte para o sorteo e moi feliz Nadal, bolboreteir@s! 

8 comentarios:

  1. Uummmmmmmm que ricos tenian que estar los langostinos ultimamente los hago siempre cocidos y no sera por que no nos gusten al horno pero nunca tengo latas suficientes para hacer todo en el horno.
    Os han quedado de relujo .
    Como no creo que pueda pasarme de nuevo hasta el año que viene os felicito por vuestro 4º cumpleblog ,me apunto aqui al sorteo seguro que el libro esta genial.
    Os deseo unas muy felices fiestas y un prospero año 2018.
    Bicos mil wap@s .

    ResponderEliminar
  2. Riquísimos deste xeito!! Nin fume nin cheiro pola casa; e salsa tampouco, co alliño por enrriba...para lamber os dedos!! Unha receita sinxelamente XENIAL!!! Saudiños!!
    Por certo, participo no sorteo do libro de Escarlatina!!!😂😂😂
    Bo 2018!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Totalmente de acordo, aínda que unha pouca de maionesa con allo venlle moi ben ;)!
      Apertas e Bo 2018!

      Eliminar
  3. A miña sobriña é moi fan de Escarlatina e encantaríalle como agasallo de Reis! Que teñades un moi feliz 2018, bolboreteir@s, que seguro que o será! ;) Un bico grande!

    ResponderEliminar
  4. Canto me gustan os langostinos e así ao forno están riquísimos!!! Seguide a ensinarnos receitas así de boas, fáciles e tan ricas!!!
    Bicos
    PD: A ver se teño sorte e me toca o libro de Escarlatina!

    ResponderEliminar