Amosando publicacións coa etiqueta aceite. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta aceite. Amosar todas as publicacións

sábado, 13 de febreiro de 2021

Gulas con gambas

Boa sábado de Entroido, bolboreteir@s! Hai un ano andabamos preparando todo para coñecer o entroido do sur: Xinzo, Laza, Verín... Foi unha experiencia tan espectacular que prometemos volver este ano. Mais xa vedes, igual que aos demais, tamén nos tocou aprazar unha promesa. Desta volta toca disfrazarse para andar pola casa, pasear e mesmo cociñar. Aínda que non vos é moi cómodo preparar a masa das roscas ou facer os freixós con algún conxuntiño que temos, hehe.
Vaia homenaxe nos imos dar nesta ponte. Recordade que tedes polo blogue a maiorías das receitas tradicionais do entroio: orellas, flores, filloas, roscas... Tedes para escoller. 
E entretanto, máis sabor por aquí, hoxe, algo moi sinxeliño!




Gulas con gambas


Ingredientes:

  • 250 g de gulas
  • 200 g de gambas
  • 2 dentes de allo        
  • 1 chile
  • Pementa moída

sábado, 6 de xuño de 2020

Robaliza estilo Donosti

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Por sorte, parece que imos recuperando a normalidade pouco a pouco. Ou algo parecido á normalidade. Pero iso si, seguiredes facendo pan, ou? Nós como xa somos moi panadeiros de sempre, estabamos na gloria vendo as RRSS cheas de masas nestes meses.
Sexa como for, hoxe non vai de pan senón de peixe, un dos puntos fracos do blogue a pesar de sermos de terra mariñeira. A verdade é que non é o produto que máis dominamos á hora de cociñar (fica moito por aprender) e tampouco é o recurso máis económico para a cociña do día a día, aínda que é certo que hai peixes e peixes. 
Mais non pensedes que non nos gustan, eh, de feito a un de nós, encántanos. A outra non tanto, haha. E como había tempo que non presentabamos nada de mar, optamos por un dos nosos peixes favoritos. Por dous motivos: o sabor e o feito de ser o pescado que comemos o día da nosa voda. Ai, que recordos! 

Ben, pois procurando pola rede ideas, ficamos con esta de "Directo al paladar" que nos pareceu sinxela e ben apetecíbel. A ver que vos parece. Por certo, robaliza, quedade co nome que cada vez é máis difícil encontralo ben chamado ;-)



Robaliza estilo Donosti



Ingredientes:

  • 2 filetes de robaliza
  • 2 dentes de allo
  • 4-5 culleradas de aceite

sábado, 23 de novembro de 2019

Boliños de queixo

Bo día, bolboreteir@s! Mimadriña como estamos aproveitando para cociñar receitas novas neste mes. Lemos hoxe que vai todo o mes con auga e nós aquí vemos unha oportunidade para nos beneficiar do tempo na casa.
Desta volta preparamos un petisco sinxeliño que xunta dous dos nosos produtos favoritos: pan e queixo. Ou máis ben, botamos man do queixo para chegar a un pan ben especial, cheo de sabor.
É certo que estes vémolos máis como entrante de menú que como outra cousa. Sexa como for, ides gozar dunha boa delicia que podemos adaptar a calquera queixo e tamén a calquera tamaño. Aquí vai a nova receita.



Boliños de queixo



Ingredientes:


  • 250 g de fariña
  • 150 g de queixo
  • 70 g de manteiga
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 cullerada de allo en po
  • 1 culleriña de azucre
  • Un chisco de sal
Para a decoración:
  • 50 g de queixo
  • 50 g de manteiga

sábado, 24 de agosto de 2019

Como podemos preparar lactonesa

Bo día, bolboreteir@s! Como levamos o final de agosto? Por aquí andamos de festas, en pleno Naseiro así que hoxe imos traer unha receita moi sinxela que aprendemos a preparar este verán e que cremos que pode ser moi útil para aquelas persoas alérxicas aos ovos ou que non poden comer ovo cru, como no caso das embarazadas. De aí a nosa chegada a esta creación.
Os pasos ides ver que son sumamente sinxelos e o resultado non deixa nada que envexar á maionesa estándar.




Lactonesa


Ingredientes:


  • 200 ml de aceite
  • 100 ml de leite

martes, 19 de marzo de 2019

Cuscús de coliflor

Bo día, bolboreteir@s!! Seguimos adiante? Pois veña, preparádevos que imos cunha receita que resulta difícil expresar en palabras para concretar o sabor achegado.
Ultimamente, por diferentes cuestións, andamos ollando con máis atención a alimentación infantil e nesta liña resulta fundamental a creatividade, achegando así alimentos ás veces non moi do seu gusto mais que poden ser agradábeis doutra forma. Temos que procurar maneira de non ter que renunciar ás propiedades beneficiosas de certos alimentos, neste caso a coliflor. 
A nós mesmos non nos gustaba moito e non fomos quen de comela até adultos. Mais claro, se tivésemos probado pratos orixinais coma estes en textura e sabor, seguramente falásemos doutra cousa.
Ollade como facer un cuscús dunha verdura e lograrmos un prato altamente saudábel. Aí vai!


Cuscús de coliflor


Ingredientes:


  • 1 coliflor
  • Pementa moída
  • Sal
  • Auga

Para acompañar:

Opción 1:

  • Aceite de oliva

martes, 26 de decembro de 2017

Lagostinos ao forno

Bolboreteir@s! Como foron estes días de comiolas e enchentas? Agardamos que moi ben e sen ningunha indixestión. Ás veces é difícil pór freo ante tantos manxares.
Ben, hoxe, traémosvos un clásico dos menús natalicios, os lagostinos. Un dos mariscos de maior éxito que se adoitan degustar sen mollo desfrutando do seu sabor exquisito. Pero é certo que ás veces se presentan dúbidas á hora de os cociñar pois na grella deixan moitísimo fume pola casa adiante e este tarda en marchar despois, aínda que teñamos o extractor aceso durante un bo anaco de tempo.
Pois nós, desde xa hai anos optamos por preparalos ao forno, non existindo apenas diferenzas no sabor ao tempo que temos un cociñado moito máis cómodo e limpo.
De paso, para @s que nos vos coincidiu lernos nas RRSS nestes días, comentámosvos o que deixou o Apalpador para vós, bolboreteir@s! Até o día 30 deste mes, o sábado, poderedes conseguir un exemplar de "Os arquivos de Escarlatina" (Editorial Xerais), a sensación literaria do Nadal en Galiza, que chega da man de Ledicia Costas, con ilustracións de Víctor Rivas. Este libro cheo de xogos, imaxes e receitas macabras pode ser voso con comentar en calquera destas últimas receitas (esta, por exemplo) e seguirnos ben en Twitter ou ben en Instagram [nas dúas tamén serve, claro ;-)]. Se non tedes ningunha destas redes, na nosa páxina de Facebook poderedes ver outra forma de o conseguir.
Con isto queremos celebrar o 4º aniversario de Bolboretas no bandullo que se cumprirá o vindeiro sábado. Ese día anunciaremos o gañador. Agora, a participar e a desfrutar destes lagostinos. Ñam, ñam! 




Lagostinos ao forno



Ingredientes:

  • 1 kg de lagostinos
  • 6-7 culleradas de aceite
  • 6-7 dentes de allo
  • 1/4 culleriña de sal

sábado, 31 de decembro de 2016

Navallas á prancha con aceite e allo

Chegou o último día do ano mais vimos igualmente con receita, coa derradeira deste 2016. E con algunha sorpresa máis pois como xa sabedes, onte foi o noso 3º aniversario. Si, que rápido pasa o tempo. Xa tres anos pola rede convosco, tres anos de lambetadas, salgados, artigos e moita ledicia da vosa man. Así pois, a noticia para estes tres anos é a chegada de Bolboretas no bandullo a Youtube. Unha noticia que xa adiantáramos na Sala Capitol no LGx15 mais que agora vos presentamos a tod@s. Xa podedes visitar a nosa canle e ollar o vídeo de chegada no que anunciamos a primeira videoreceita co novo ano, concretamente no 8 de xaneiro Youtube: Bolboretas no bandullo. Agardámosvos neste novo formato que non lle restará tempo nin espazo a este senón que o complementerá.
E voltándomos ao comestíbel, presentámosvos un luxo de Nadal co que despedirmos 2016. Un manxar que tiñamos encaprichado desde hai tempo e que cumprimos coa excusa destes días de celebración. Cremos que este é o modo máis sinxelo de preparar as navallas, mantendo ao tempo o seu propio sabor. Desfrutámolas moitísimo. Agora, xa tedes en disposición a receita para seguirdes:


Navallas á prancha con aceite e allo


Ingredientes:

  • 800 g de navallas
  • Aceite
  • Sal
Para a salsa:
  • 100 ml de aceite
  • 2 dentes de allo

sábado, 19 de novembro de 2016

Patacas fritas laminadas

Que ganas tiñamos de vos presentar a receita de hoxe. E por que? Pois porque levabamos moitísimo tempo con ganas de imitar as míticas patacas de bolsa tipo Bonilla e non atopabamos cando. Certo é que tamén influíu o feito de contar con mandolina na casa o que fai moitísimo máis cómodo calquera traballo de laminar na cociña, sobre todo cando o obxectivo está na finura deste tipo de patacas.
Evidentemente non é a gornición máis saudábel do mundo mais si un verdadeiro pracer que fai máis sabedeiro calquera menú. E claro, a engadir aínda temos o factor da sinxeleza. Abonda con laminar, fritir e pouco máis. 
Se adoitades ter como acompañante as patacas fritas, esta é unha boa opción para lles dar unha volta e as degustar dun modo en que destaca principalmente a textura, tan crocante debido á finura do corte. Ademais, se contades con pequen@s pola casa, halles de encantar esta opción para comer coas mans e que tanto lles recordará esas patacas de bolsa co beneficio de sabermos o que estamos a degustar. Preparad@s?


Patacas fritas laminadas aromatizadas


Ingredientes (para 4 persoas): 

  • 2-3 patacas grandes
  • Pementa moída
  • Sal
  • Auga
  • Aceite de oliva
  • Para aromatizar: 

martes, 26 de abril de 2016

Polbo vegano

Que gusto vermos este sol inundar de luz as nosas paisaxes, parece que sube o ánimo a unha velocidade imparábel. Xa vai quedando menos para esas xornadas de collermos o tupper e saírmos xantar ao parque ou á praia un pratiño ben fresco. Canto nos gusta!
Mentres tanto, seguimos argallando. E cumprimos unha débeda que tiñamos pendente de hai case un ano. Unha amiga e seguidora de Bolboretas no bandullo, enviounos ao Facebook hai xa ben tempo un prato que nos deixou coa boca aberta. Por un lado por como se xoga coa técnica do engano e das similitudes, e por outro por coñecermos máis da alimentación vegana, que segue a ficar moi descoñecida para nós.
Supomos que os máis puristas rexeitarán todo aquilo que se chame polbo e non o sexa, mais convén de cando en vez abrirmos a mente e ollarmos outras posibilidades, que son enxeñosas e moi moi saborosas.
Parece un oxímoro iso de polbo vegano, mais esa denominación é a que conleva o efecto sorpresa no momento de nos achegarmos ao prato e de lle meter o dente. O sabor non é o mesmo, mais si se logran matices e texturas moi moi semellantes. E aparentemente, xa vedes.
A nosa amiga vegana gusta deste prato e destácao como "saudábel, saboroso e libre de crueldade cos animais". Confirmamos moi alegremente e engadimos que algo máis económico tamén :-)

Polbo vegano


Ingredientes (para 2-3 persoas): 

  • 2- 3 patacas medianas
  • 15-18 cogomelos xitaque
  • Pemento doce
  • Pemento picante
  • Sal
  • Aceite de oliva
  • Auga

sábado, 13 de febreiro de 2016

Spaguetti de cabaciña con tomate seco

Estades preparad@s? Porque o de hoxe seguro que non o esquecedes. Xa vos adiantamos que nós, desde que probamos este prato, volvímolo facer tres veces. E probámolo hai moi pouco, haha.
No mesmo menú en que incluímos as falsas madalenas, presentamos esta xoia que tamén adoita sorprender a quen ten oportunidade de a probar. Unha cabaciña cortada que nos recorda claramente á pasta italiana, de aí o nome. Canto á textura, preséntanse máis brandos, aínda que moi "carnosos" para desfrutar de cada un dos bocados que degustamos.
Chama a atención, como estes spaguetti absorven os sabores de todo aquilo que os acompaña. Por iso resulta importante non pasarse co aceite. Neste caso, estas liñas de cabaciña acabaron por facerse co toque do allo, queixo, chile e demais, converténdose nunha verdadeira potencia deliciosa. Aí vos vai:

Spaguetti de cabaciña con tomate seco

Ingredientes (para 4 persoas):
  • 3 cabaciñas grandes
  • 1 bote de tomate seco en aceite
  • 2-3 dentes de allo
  • 2 culleradas de aceite
  • Queixo relado ao gusto
  • 1 chile
  • Pementa moída

sábado, 14 de novembro de 2015

Papas San Miguel

O sábado é un dos mellores días da semana, e un dos motivos está na presentación de cada nova receita aquí. Canto nos prace traervos pratos diversos cada semana para que podades pór en práctica. 
E a de hoxe forma parte da gastronomía que coñecimos en Andalucía, concretamente nunha taberna de Sevilla. Xa vos avisamos de que habiades obter beneficio desa nosa viaxe, e aquí tedes unha proba, haha.
O camareiro recomendounos, por típica, unha ración destas patacas e encantaráronnos. E pensando en pola en práctica procuramos información a respecto do seu nome ou tamén da súa presenza noutros territorios e chamounos a atención a carencia de datos ao respecto na rede. Así que, ou o de típico o inventou quen nos atendeu, ou alí é unha ración propia creada polo propio local. Sexa como for, nos quedamos con todos e cada un dos ingredientes para a elaborar fielmente. Desta forma, quedamos cun anaco de Sevilla para sempre. Que o bandullo ten moi boa memoria :-)

Papas San Miguel


Ingredientes (para 2-3 racións):

  • 3 patacas grandes
  • Maionesa allada (receita aquí
  • 2-3 lascas de salmón afumado
  • 1/2 vaso de viño branco
  • 2 culleradas de aceite
  • Pirixel
  • Pementa moída
  • Sal

martes, 10 de novembro de 2015

Luriñas e castañas en mollo de millo

Tranquil@s, que xa regresamos cunha nova receita. Xa sabemos que algúns e algunhas xa andabades impacientes por non saber dun novo prato así que despois do artigo gastronómico do pasado sábado, hoxe presentámosvos unha nosa creación diferente en que ten cabida o produto estrela do outono, a castaña, que amamos tanto que tememos constantemente pola súa fuxida invernal. Degustámolas de todas as formas posíbeis, aínda que no prato de hoxe queriamos facer unha homenaxe á castaña cocida, utilizada durante séculos como sustento alimenticio en Galiza, utilizado con moitísima frecuencia, xa for como elemento principal, ou como gornición, tal como nós fixemos aquí.
Comparte pois, protagonismo nesta receita coas luriñas e cun mollo de millo dificilmente comparábel con calquera outra salsa pola súa dozura. Estamos perante un deses pratos completos, dignos de constituír un menú por si só cun rotundo éxito.

Luriñas e castañas en mollo de millo


Ingredientes (para 4 persoas):
  • 16 luriñas
  • 4 dentes de allo
  • 1/2 culleriña de romeiro
  • 1/2 culleriña de aneto
  • Pirixel ao gusto
  • Catro culleradas de aceite de oliva
  • Dúas culleradas de viño branco

sábado, 24 de outubro de 2015

Focaccia rechea de mozzarella e xamón

Como di o xenio da cociña Ferrán Adriá, "ter ideas é sinxelo... só hai que telas". Pois iso, a nós véñennos continuamente novas ideas para compartir con todos vós aquí e non dubidamos un intre en preparalas para que vexades o resultado. E procuramos complicarnos o máis mínimo para que non lle resulte complexo a ninguén. E desde a simplicidade lógranse os máis exquisitos pratos como esta focaccia.
Xa sabedes que non é a primeira vez que elaboramos focaccia, mais é que talvez esteamos ante un dos nosos favoritos, sexa na versión que for. De feito, estamos preparando un artigo con aquelas receitas do blogue máis recorrentes na nosa alimentación e a focaccia xa vos adiantamos que non faltará.
A verdade é que non a coñecimos até unha viaxe que fixemos a Milano e desde aquela... amor eterno, haha. Mais desta última volta decidimos potenciala, nunca mellor dito, dándolle aínda máis protagonismo para calquera menú cun recheo cremoso de mozzarella, xamón e tomate que a converten nun manxar moito máis completo e contundente. Iso si, sen perder eses trazos que caracterizan a nosa focaccia: crocante, co seu aroma allado, as súas especias... Que delicia, señores e señoras, que delicia!!!

Focaccia rechea de mozzarella e xamón

Ingredientes:

Para a masa:
  • Masa de focaccia e aceite aromatizado (receita aquí)
Para o recheo:
  • 8-10 lascas de xamón
  • 1 bola de queixo mozzarella
  • Salsa de tomate
  • 1 cullerada de cebola en po

martes, 4 de agosto de 2015

Masa crebada sen ovo nin lactosa

Bo martes lambisqueir@s!! Aquí estamos de novo, traéndovos precisamente unha larpeirada despois da que foi para nós unha fin de semana moi doce con celebración de aniversario incluída. Unha das tortas que elaboramos para este festexo foi a Torta 3 chocolates, unha das nosas primeiras receitas. E a outra... pola outra tedes que agardar un pouco máis, aínda que hoxe xa vos deixamos a súa base, que quixemos presentar de maneira independente por ser apta para alérxicos áos ovos e á lactosa, algo non tan sinxelo nas tortas xa que un grande número delas levan algún destes ingredientes na súa base. 
Así pois, gardando este recurso, poderedes procurar despois o complemento adecuado para finalizar a torta adaptada á vosa alimentación. Aí vai:

Masa crebada sen ovo nin lactosa



Ingredientes:
  • 250 gr de fariña
  • 80 ml de auga
  • 65 ml de aceite de oliva virxe extra
  • Un chisco de azucre

martes, 28 de outubro de 2014

Tortillas mexicanas

Estamos por aquí outra vez cunha receita algo diferente das últimas penduradas no blogue. Nós que somos seguidores da cociña mexicana, mercamos frecuentemente o pan e o sazonador para facer fajitas, burritos... Con todo, pensamos en facelas máis naturais/caseiras polo que decidimos probar sorte co pan, con esas tortillas finas idóneas para degustar este tipo de produtos mexicanos.
Este pan é moi moi sinxeliño de facer e resulta bastante económico xa que nin sequera ten que ir ao forno, só debe repousar e pasar pola prancha. Ademais a súa elaboración é bastante entretida pola súa facilidade de amasado e estirado. Se tedes peques pola casa, podédeslle deixar argallar co rolete e que creen as formas que máis lles guste. Talvez non sirvan para reenchelas, mais a eles/elas seguro que lles encantan con esas personalizacións.
Aquí de momento probamos coas formas clásicas para despois degustalas cun pouco de polo, cogomelos, pementos e cebola. Non lle deixan nada que envexar ás que encontramos no supermercado, de feito notaredes un sabor bastante máis natural. A ver que vos parecen ;-) 

Tortillas mexicanas

Ingredientes:
  • 250 gr de fariña de trigo
  • 125 ml de auga
  • 50 ml de aceite de oliva
  • 6 gr de sal
  • 2 gr de lévedo en po