Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Por sorte, parece que imos recuperando a normalidade pouco a pouco. Ou algo parecido á normalidade. Pero iso si, seguiredes facendo pan, ou? Nós como xa somos moi panadeiros de sempre, estabamos na gloria vendo as RRSS cheas de masas nestes meses.
Sexa como for, hoxe non vai de pan senón de peixe, un dos puntos fracos do blogue a pesar de sermos de terra mariñeira. A verdade é que non é o produto que máis dominamos á hora de cociñar (fica moito por aprender) e tampouco é o recurso máis económico para a cociña do día a día, aínda que é certo que hai peixes e peixes.
Mais non pensedes que non nos gustan, eh, de feito a un de nós, encántanos. A outra non tanto, haha. E como había tempo que non presentabamos nada de mar, optamos por un dos nosos peixes favoritos. Por dous motivos: o sabor e o feito de ser o pescado que comemos o día da nosa voda. Ai, que recordos!
Ben, pois procurando pola rede ideas, ficamos con esta de "Directo al paladar" que nos pareceu sinxela e ben apetecíbel. A ver que vos parece. Por certo, robaliza, quedade co nome que cada vez é máis difícil encontralo ben chamado ;-)
Robaliza estilo Donosti
Ingredientes:
- 2 filetes de robaliza
- 2 dentes de allo
- 4-5 culleradas de aceite
- 1 cullerada de vinagre
- 1 chile (opcional)
- Sal
Utensilios: unha tixola, unha fonte para o forno e unha culler.
Para comezarmos, temos de marcar o peixo nunha tixola co aceite. Só 2 minutos.
Retiramos o peixe e colocámolo na bandexa do forno. Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 8 minutos, aínda que vai depender do feito que vos guste a robaliza.
Mentres tanto, rustrimos os dentes de allo na mesma tixola que usamos antes. E, se queremos, o chile.
Cando colla cor, agregamos o vinagre. Apagamos e reservamos.
Cando o peixe estea listo, salgamos e salseamos co mollo anterior.
E xa estaría listo para comer!
Hoxe habedes de estar ben contentos os peixeir@s! Nós canto menos ficamos ben orgullosos aínda sendo unha elaboración moi faciliña. Se é que cando se conta con bo produto hai que tentar que non se perda o sabor a destacar. Velaquí fica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario