Bo día, bolboreteir@s. Esperamos adozarvos un pouquiño o día de hoxe cunha receita das que hai que gardar na rede si ou si, imprimila ou enmarcala, posto que nos ofrece unha das larpeiradas máis doces e apetecíbeis cun traballo case ridículo.
Falamos do brownie. Se ollades polo noso blogue, na listaxe de receitas comprobaredes que o índice da letra B é maior. Débese á cantidade de brownies diferentes que levamos feitos e sen saber cal é o máis saboroso. Mais si sabemos cal é o máis sinxelo, con moitísima diferenza.
Apenas 5 minutos de amasado e despois... que traballe o forno, que para iso está. Ollade o bo de ter estas indicacións á man.
Brownie en 5 minutos
Ingredientes:
- 200 g de azucre
- 100 g de fariña
- 100 g de manteiga
- 50 g de cacao en po 0%
- 2 ovos
- 1 cullerada de esencia de vainilla
- Un chisco de sal
- Abelás
Utensilios: unha cunca, un batedor manual e un molde apto para o microondas.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de bater os ovos co azucre.
Agregamos a vainilla.
E a manteiga fundida.
Cando estean integrados, botamos a fariña e o cacao peneirados.
E, por último, as abelás.
Botamos a mestura no molde.
E cociñamos no microondas. Poñemos 2 minutos 30 segundos a máxima potencia, deixamos repousar 30 seguntes e volvemos a pór 2 minutos 30 segundos.
E xa estaría listo para comer! Menudo zampada nos demos aquí. Houbo que repartir cos veciñ@s e todo para non empachar, porque se o seguiamos tendo diante non podiamos parar. Que delicia! Oxalá vos guste moito, bolboreteir@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario