Boa tarde, bolboreteir@s! Como vai esta última semana deste maio tan estraño? Aquí, como andamos de estrea de vivenda andamos a probar os novos trebellos de cociña para elaboración de novos pratos e estamos a gozar como ananos, claro.
Para probar os fornos, sempre se lle preparou un biscoito así que o obxectivo estaba claro. Ora ben, tamén é habitual mentres se lle colle o truco aos electrodomésticos, que haxa algunha desfeita, así que fomos con moito coidadiño para que non se nos queimase a nosa larpeirada.
E facémolo de manga porque é unha froita que estamos a redescubrir tempo despois. Había tempo que non se facía moito oco na nosa cociña e nestas últimas semanas volvémolo mercar e vaia gozada. Os que collemos están que se desfán na boca. Así que tiñamos claro que lle darían todo o sabor que precisabamos a esta receita.
Biscoito de manga
Ingredientes:
- 250 g de fariña
- 200 g de manga
- 180 g de azucre
- 100 g de aceite de oliva
- 16 g de lévedo
- Para decorar: azucre glas
Utensilios: unha cunca grande, un molde apto para o forno, un batedor eléctrico, unha peneira e unha espátula.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de triturar a manga. Reservamos.
Batemos os ovos co azucre até que dupliquen o tamaño.
De seguir, agregamos o aceite.
E tamén a manga.
Cando estean integrados, engadimos a fariña peneirada.
Botamos no molde, engrasado.
Enfornamos a 180º, calor abaixo e ventilador, durante 25 min.
Deixamos que arrefríe un pouco e desmoldamos.
E xa estaría listo para comer!
Boa pinta, non é? Aquí xa vai medio papado. Ben, tamén é certo que subimos un anaco aos veciños de arriba para os conquistar ;-) Para @s que gustades das froitas doces, este biscoito vai ser toda unha perdición. Que o gocedes inmensamente!
¿Qué fruta es la "manga"?
ResponderEliminarÉ o “mango” 😉
Eliminar