Bo día, bolboreteir@s. Non sei vós mais aquí andamos ben contentos coa chegada do sol e destes días xa máis estivais que primaverais. Estamos desexando darnos o primeiro chapurrón.
Estas xornadas, ademais, parece que ofrecen máis motivación, non é? E iso proxéctase en novas receitas apetecíbeis como estas madalenas de cabaciña. Adoramos este tipo de "creacións oxímoro" nas que se asocian dous conceptos que parece que non acaban de encaixar. E si, finalmente dan lugar a pratos saborosos e orixinais como este que hoxe presentamos con moito orgullo. Velaquí o tedes!
Madalenas de cabaciña
Ingredientes:
- 1 cabaciña grande
- 1/2 cebola
- 2 ovos
- 4 culleradas de pan relado
- 60-70 g de queixo relado
- Pementa moída
- Sal
Utensilios: moldes para madalenas, unha cunca, unha picadora (ou un relador) e unha espátula.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de relar ou picar a cabaciña e a cebola.
Agregamos os dous ovos.
E, tamén, o pan relado.
De aquí, apartamos tres madalenas para o peque da casa ;).
Para nós, engadimos o queixo e salpementamos ao noso gusto.
Cubrimos os moldes para as madalenas. Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 25 minutos, ou até que vexades que están dourados.
Desmoldamos e xa estarían listos para comer!
Ningún comentario:
Publicar un comentario