Que ganas tiñamos de vos presentar a receita de hoxe. E por que? Pois porque levabamos moitísimo tempo con ganas de imitar as míticas patacas de bolsa tipo Bonilla e non atopabamos cando. Certo é que tamén influíu o feito de contar con mandolina na casa o que fai moitísimo máis cómodo calquera traballo de laminar na cociña, sobre todo cando o obxectivo está na finura deste tipo de patacas.
Evidentemente non é a gornición máis saudábel do mundo mais si un verdadeiro pracer que fai máis sabedeiro calquera menú. E claro, a engadir aínda temos o factor da sinxeleza. Abonda con laminar, fritir e pouco máis.
Se adoitades ter como acompañante as patacas fritas, esta é unha boa opción para lles dar unha volta e as degustar dun modo en que destaca principalmente a textura, tan crocante debido á finura do corte. Ademais, se contades con pequen@s pola casa, halles de encantar esta opción para comer coas mans e que tanto lles recordará esas patacas de bolsa co beneficio de sabermos o que estamos a degustar. Preparad@s?
Patacas fritas laminadas aromatizadas
Ingredientes (para 4 persoas):
- 2-3 patacas grandes
- Pementa moída
- Sal
- Auga
- Aceite de oliva
- Para aromatizar:
- Opción 1: allo e ourego.
- Opción 2: pemento picante.
- Opción 3: ao voso gusto 😉
Utensilios: unha cunca grande, unha mandolina (ou táboa e coitelo), unha tixola, papel absorbente e unha escumadeira.
Elaboración:
Para empezarmos, temos que pelar e lavar moi ben as patacas. Despois, cortámolas o máis finas que poidamos, coa mandolina ou co coitelo sobre a táboa.
De seguir, sumerxímolas en agua e deixámolas un bo anaco para quitar o almidón.
A continuación, quentamos unha tixola con abundante aceite e ímolas fritindo de poucas en poucas. É clave non enchermos de máis a tixola pois senón pegaranse e cociñaranse máis lentas non logrando o toque crocante.
Cando estean ben douradiñas, poñémolas nunha cunca con papel absorbente para eliminar o exceso de aceite.
E, por último, aromatizámolas como máis nos gusten. Nós propoñémosvos dúas opcións: con sal, pementa moída, allo e ourego.
E con sal, pementa moída e un chisco de pemento picante.
Ou incluso as podedes comer só cun chisco de sal.
Non nos digades que non son sinxelas, eh! Se contades con mandolina é a cousa máis cómoda do mundo. E senón... pois a practicar co coitelo un pouco. Tede en conta que a clave está en deixalas o moi finas para que así ao fritírense fican crocantes.
Como proba do boas que están, comentámosvos que nós xa as preparamos tres veces en dúas semanas, e iso que nós optamos normalmente polo pan como acompañante e non polas patacas. Mais é que preparadas así son todo un vicio. Probade, ollade que opción é a que máis vos apetece e xa nos comentaredes o resultado. Temos a seguridade de que quedaredes encantad@s. Desfrutade desta fin de semana de temporal e aproveitade para pór en práctica algunha destas receitas tan proveitosas. Apertas!!!
uhmm, sin palabras ! para no dejar ni una! bicos
ResponderEliminarNon sobraron non, hahaha! Mil grazas guapa!
EliminarUummmmmmm con lo que nos gustan las patatas en casa ,te dejabamos la fuente requete limpiaaaaaaaa.
ResponderEliminarBicos mil wap@s.
Hahaha!! A verdade é que aquí pouco duraron 😂😉! 😘
Eliminar