Como di o xenio da cociña Ferrán Adriá, "ter ideas é sinxelo... só hai que telas". Pois iso, a nós véñennos continuamente novas ideas para compartir con todos vós aquí e non dubidamos un intre en preparalas para que vexades o resultado. E procuramos complicarnos o máis mínimo para que non lle resulte complexo a ninguén. E desde a simplicidade lógranse os máis exquisitos pratos como esta focaccia.
Xa sabedes que non é a primeira vez que elaboramos focaccia, mais é que talvez esteamos ante un dos nosos favoritos, sexa na versión que for. De feito, estamos preparando un artigo con aquelas receitas do blogue máis recorrentes na nosa alimentación e a focaccia xa vos adiantamos que non faltará.
A verdade é que non a coñecimos até unha viaxe que fixemos a Milano e desde aquela... amor eterno, haha. Mais desta última volta decidimos potenciala, nunca mellor dito, dándolle aínda máis protagonismo para calquera menú cun recheo cremoso de mozzarella, xamón e tomate que a converten nun manxar moito máis completo e contundente. Iso si, sen perder eses trazos que caracterizan a nosa focaccia: crocante, co seu aroma allado, as súas especias... Que delicia, señores e señoras, que delicia!!!
Focaccia rechea de mozzarella e xamón
Ingredientes:
Para a masa:
- Masa de focaccia e aceite aromatizado (receita aquí)
Utensilios: batedor (eléctrico ou manual), cazo, culler, papel vexetal e bandexa de forno.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de facer a masa para a focaccia, tedes unha receita aquí. Nós fixemos o dobre de cantidade, facendo dúas bólas para poder tapar o recheo.
Da mesma forma, temos de aromatizar o aceite, como tedes na mesma receita anterior. Tamén aquí dobramos as cantidades xa que van ser dúas masas a aromatizar.
De seguir, estiramos a metade da masa sobre papel vexetal coas mans e botamos unha cuarta parte do aceite aromatizado estirándoo cun pincel (non máis, xa que nos interesa gardar a maior parte de aceite para a capa de arriba)
A continuación, estendemos unha boa capa de salsa de tomate, o xamón -cortado en anacos- e a mozzarella, reservando unha pouca para a decoración final.
Estiramos a outra metade da masa e cubrimos o recheo, non é necesario selar os bordos. Pintamos, de novo, co aceite e colocamos uns anaquiños do queixo.
Enfornamos a 210º, calor arriba e abaixo, durante 30-35 minutos.
E xa está preparada para comer! Que vos aproveite!!
Veredes que esta focaccia está a medio camiño entre a nosa empanada e a pizza italiana, mais na verdade ten unhas características moi particulares que logran que cando a comas non te lembres de ningunha das outras receitas. Esa mozzarella dálle un salto de calidade importante e xunto co xamón logran fartarnos con ben pouco creando o dilema no comensal posto que sentiredes adicción e non poderedes parar de comer nela, haha.
Agardamos que vos guste, canto menos, tanto coma nós. E iso xa é moitísimo!! Pasade unha boísima fin de semana, amig@s!
Esta receita é unha pasada! Cando teña tempo non me hei resistir! Un bico grande!
ResponderEliminarSeguro que che encanta!!! Xa nos contarás (agardamos a túa foto).
EliminarMil bicos!
Uummmmmmmmm que pena no poder meter la mano me iba a poner morada con esta deliciosa focaccia seguro que con ese relleno esta para rexuparse los dedos , no me ves pero estoy haciendote la ola.
ResponderEliminarBicos mil wapa.
Grazas!! A verdade é que foi un experimento que saiu moi ben!!
EliminarBicos