Amosando publicacións coa etiqueta xitaque. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xitaque. Amosar todas as publicacións

martes, 26 de abril de 2016

Polbo vegano

Que gusto vermos este sol inundar de luz as nosas paisaxes, parece que sube o ánimo a unha velocidade imparábel. Xa vai quedando menos para esas xornadas de collermos o tupper e saírmos xantar ao parque ou á praia un pratiño ben fresco. Canto nos gusta!
Mentres tanto, seguimos argallando. E cumprimos unha débeda que tiñamos pendente de hai case un ano. Unha amiga e seguidora de Bolboretas no bandullo, enviounos ao Facebook hai xa ben tempo un prato que nos deixou coa boca aberta. Por un lado por como se xoga coa técnica do engano e das similitudes, e por outro por coñecermos máis da alimentación vegana, que segue a ficar moi descoñecida para nós.
Supomos que os máis puristas rexeitarán todo aquilo que se chame polbo e non o sexa, mais convén de cando en vez abrirmos a mente e ollarmos outras posibilidades, que son enxeñosas e moi moi saborosas.
Parece un oxímoro iso de polbo vegano, mais esa denominación é a que conleva o efecto sorpresa no momento de nos achegarmos ao prato e de lle meter o dente. O sabor non é o mesmo, mais si se logran matices e texturas moi moi semellantes. E aparentemente, xa vedes.
A nosa amiga vegana gusta deste prato e destácao como "saudábel, saboroso e libre de crueldade cos animais". Confirmamos moi alegremente e engadimos que algo máis económico tamén :-)

Polbo vegano


Ingredientes (para 2-3 persoas): 

  • 2- 3 patacas medianas
  • 15-18 cogomelos xitaque
  • Pemento doce
  • Pemento picante
  • Sal
  • Aceite de oliva
  • Auga

sábado, 12 de marzo de 2016

Marmelada de cebola con xitaque e queixo sobre follado

Que si, que si, a fin de semana xa está aquí!! E parece que ben con sol así que hai que aproveitar para saír das covas e desfrutar da beleza destes días.
E para darlle máis sabor a estes días, hoxe traémosvos un novo invento. Argallando argallando, fomos chegando a esta curiosa e especial larpeirada. Levamos un par de semanas que andamos vezando nesta masa tan saborosa que é o follado, así que pensamos en complementalo con algo novidoso e arriscado. E entendimos por risco a mestura do salgado e o doce, que neste caso se concretaba na marmelada de cebola. E parece que foi ben. Sobre todo porque logramos un prato cun toque moi moi característico e que se o prabades, veredes que nada ten que ver con ningún outro. Ollade:


Marmelada de cebola con xitaque e queixo sobre follado


Ingredientes:

  • 1 lámina de follado
  • 8-10 cogomelos xitaque
  • 7-8 anacos de queixo San Simón afumado
  • Marmelada de cebola
  • Un chisco de fariña
  • 1 cullerada de aceite
  • Pementa moída
  • Sal