Chegou o último día do ano mais vimos igualmente con receita, coa derradeira deste 2016. E con algunha sorpresa máis pois como xa sabedes, onte foi o noso 3º aniversario. Si, que rápido pasa o tempo. Xa tres anos pola rede convosco, tres anos de lambetadas, salgados, artigos e moita ledicia da vosa man. Así pois, a noticia para estes tres anos é a chegada de Bolboretas no bandullo a Youtube. Unha noticia que xa adiantáramos na Sala Capitol no LGx15 mais que agora vos presentamos a tod@s. Xa podedes visitar a nosa canle e ollar o vídeo de chegada no que anunciamos a primeira videoreceita co novo ano, concretamente no 8 de xaneiro Youtube: Bolboretas no bandullo. Agardámosvos neste novo formato que non lle restará tempo nin espazo a este senón que o complementerá.
E voltándomos ao comestíbel, presentámosvos un luxo de Nadal co que despedirmos 2016. Un manxar que tiñamos encaprichado desde hai tempo e que cumprimos coa excusa destes días de celebración. Cremos que este é o modo máis sinxelo de preparar as navallas, mantendo ao tempo o seu propio sabor. Desfrutámolas moitísimo. Agora, xa tedes en disposición a receita para seguirdes:
Navallas á prancha con aceite e allo
Ingredientes:
- 800 g de navallas
- Aceite
- Sal
Para a salsa:
Utensilios: unha prancha, un batedor eléctrico, unha cunca grande, un prato, papel absorbente e unha fonte para presentar.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de meter as navallas nunha cunca con abundante sal para eliminar toda a area. Deixámolo, polo menos, 2-3 horas. O ideal sería cambiar a auga como mínimo 1 vez.
A continuación, sacámolas para unha fonte cuberta con papel absorbente para quitar a auga.
De seguir, botamos as dúas culleradas de aceite na prancha e unhas pedras de sal e, cando estea ben quente, botamos as navallas. Deixamos que se cociñen 1 minuto por cada lado. Coa nosa prancha, tivemos que facer varias tandas.
Mentres tanto, preparamos a salsa. botamos no vaso do batedor os dentes de allo, o pirixel e o aceite. Trituramos moi ben coa axuda do batedor.
Cando estean todas as navallas feitas, servímolas nunha fonte, engadimos a salsa de aceite, allo e pirixel e xa estarían preparadas para comer!
Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica. Nós non imos agardar a outro Nadal para as degustar pois gustamos moitísimo. Coincidindo a un bo prezo como andaban estas semanas pasadas pola peixaría e tendo ganas delas... non hai máis que pórse mans á obra.
Ben, bolboreteir@s. Deixámosvos pois con esta delicia e despedímonos até o 2017, ano que traerá novos proxectos e de seguro moita moita ledicia para tod@s vós. Mil grazas por estardes sempre aí. Unha forte aperta e bo paso de ano!
Ningún comentario:
Publicar un comentario