martes, 27 de decembro de 2016

Solombo Wellington

Como vai todo, bolboreteir@s? Agardamos que esteades a pasar un bo Nadal e que o Apalpador se portase ben. Se non veu aínda, non vos preocupedes que nos contou que había de facer outras dúas quendas de reparto de agasallos e castañas ;-)
Ben, pois hoxe imos cunha das receitas estrela da nosa casa neste Nadal. Animámonos a preparar por primeira vez o prestixioso manxar Solombo Willington, un prato ideal para este tipo de celebracións pois dá para satisfacer uns cant@s comensais.
Parece que hai dúas teorías arredor do nome deste alimento. Por un lado aseguran que foi creado en 1815 na honra do Duque de Wellington, quen derrotara a Napoleón na famosa batalla de Waterloo. Por outro, parece que a denominación provén do brillo con que sae do forno e que recorda ao dunha bota de monta militar. Sexa como for, xa é un clásico da gastronomía internacional, con punto central en Inglaterra que desde os 80 se veu convertendo na honra de calquera menú. 


Solombo Wellington


Ingredientes (para cada un):


  • Solombo (aprox. 500 g)
  • 1 lámina de follado
  • 500 g champiñóns
  • 2-3 culleradas de mostaza
  • 3-4 chalotas
  • 2 dentes de allo
  • Aceite
  • Un ovo batido
  • Pementa moída
  • Sal

Utensilios: unha prancha, unha bandexa do forno, papel vexetal, un prato e papel absorbente (opcional). 


Elaboración:

Para comezarmos, temos de salpimentar o solombo ao noso gusto. 


De seguir,  douramos o solombo na prancha ben quente por todos os lados. Nós, deixámolo bastante por cada lado porque nos gusta a carne ben pasada, mais se vos gusta ben rosadiña (como se adoita facer este solombo), non o deixedes facer moito, simplemente marcádeo.


Sacamos para un prato e deixamos que arrefríe, se vedes que está moi húmido, poñédelle un pouco de papel absorbente para que quede seco. 


Cando arrefríe un pouco, untamos os solombos coa mostaza e reservamos.


Mentres tanto, picamos as chalotas e os allos e rustrímolos, na mesma prancha en que fixemos o solombo, en dúas culleradas de aceite.


A continuación, agregamos os champiñóns laminados. Cociñamos durante 10-12 minutos. Reservamos até que arrefríen.



Pasado ese tempo, temos de montar o solombo. Estiramos o follado e poñemos no centro uns poucos de champiñóns coas chalotas e o allo. Poñemos sobre eles o solombo.


Engadimos máis champiñóns recubrindo todo o solombo e pechamos o follado, nós deixamos a unión pola parte de abaixo para que quedara máis bonito. Co follado que nos sobrou fixemos unhas estrelas para darlle un toque máis natalicio ;)


Pintamos co ovo e enfornamos, co forno prequente, a 200º, calor abaixo e ventilador, durante 25-30 minutos. Se vos gusta a carne menos feita 20 minutos serán suficientes.

Deixamos repousar uns minutos (5-10) e xa estaría listo para comer!! Podemos acompañalo de máis champiñóns, ensalada, patacas... ou o que máis vos guste!


Agardamos que vos guste e o fagades nestas festas de tantas celebracións! Como vedes, o noso quedou ben pasadiño debido ao noso gusto mais o ideal é cociñalo un pouco menos ficando esa cor rosada central tan típica. Estamos seguros que vos vai conquistar este Solombo Wellington e que vai entrar en moitos fogares a próxima noite do 31. Xa nos diredes. Se tedes calquera dúbida, xa sabedes, non tedes máis que nolas consultar en calquera das redes sociais, por correo ou no propio blogue. Unha fortísima aperta!!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario