sábado, 24 de decembro de 2016

Bolboreteando con... O Apalpador e Anxo Moure

Chegou a xornada que agardabamos, o 24 de decembro. E nós tiramos de sección preferida co Bolboreteando. Mais o de hoxe é moi moi especial. Demos conseguido unha entrevista coa figura máis desexada da Galiza nestas últimas semanas, o mítico Apalpador! Que privilexio. Mais non vén só, trouxo un grande amigo seu, outra persoa benquerida en todo o país, Anxo Moure. Si, si, o Bolboreteando de hoxe é dobre! 
Sabemos que é moi complexo sacar un oco nestes días de tanto traballo e estes dous homes fixérono para estar con Bolboretas no bandullo, atendéndonos coa máxima amabilidade, algo que valoramos e agradecemos inmensamente. E ademais, claro, cumprimos un soño entrevistando ao adorado Apalpador! Así pois, antes de nada, ímosvos falar un pouquiño de cada un deles. 
O Apalpador vive nas montañas do Courel desde hai moitísimos anos. De feito ninguén é capaz de adiviñar a súa idade. Durante o ano o que adoita facer é recoller madeira para quentar a casa e mesmo para traballala, e os días de outono aproveita para traer tamén as saborosas castañas dos fermosos soutos que rodean o seu fogar. Porén, cando chega o Nadal, deixa a madeira, selecciona as mellores castañas e baixa ás casas das nenas e nenos galegos. Este chega cando @s peques xa están durmidos. Achégase a eles, aloumíñalles a barriga para ver se están ben mantidos e se así é, susúrralles: “Así, así esteades todo o ano”, deixando unha presada de castañas ao seu carón, na mesa de noite. Mais non só! Se as crianzas teñen sido boas, déixalles algún que outro agasallo escondido pola casa, facendo desas noites e mañás momentos máxicos. E sabedes que? Pois que hoxe é o día da súa visita! Aquí xa andamos nerviosísimos! 

Deseño do Apalpador de Leandro Lamas
Foto do Facebook do Apalpador do Courel




E Anxo Moure non necesitará presentación para moit@s de vós pois de seguro que nalgún momento da vosa vida tivestes a sorte de o ouvir contar algunha historia. Un dos grandes contacontos da Galiza, nacido un 28 de decembro de 1963. Os seus contos están no maxín de milleiros de nen@s pois ten visitado escolas, parques, bosques, centros sociais e demais de todos os recunchos da Galiza, mais tamén de Euskadi, Portugal, Castela A Mancha... Coñecido xa como o Carballo con botas, da súa mente saíron creacións cheas de orixinalidade e pensadas para o entretemento d@s peques como a ciclobibioteca, a Titiricleta, o Paztinete, o Nubinete, a Barca dos Contos ou o Paraugas Dameaugas. 
É capaz de captar a linguaxe das árbores e de llas transmitir aos demais, así como toda a maxia da natureza que temos ao noso redor e que en moitas ocasións non percibimos. Ademais realiza un continuo e inxente traballo solidario, con envío de material escolar para América Latina, Asia e África ou coa plantación de miles de árbores nos bosques galegos dentro do proxecto Plantabosques. Dirixe o portal web www.contosolidarios.org coa idea de crear contos para construír un mundo mellor. A súa traxectoria foi recoñecida en diferentes ocasións e as súas historias recompiladas en libro. A súa última obra é “A música das árbores” 2015 en coautoría con Servando Barreiro, onde descobren a capacidade musical das plantas.

Vaia xenial parella. Ao Apalpador estámolo coñecendo aínda hoxe mais de Anxo Moure podémosvos confirmar que alén dun fantástico narrador é unha marabillosa persoa que deixa pegada por todo aquel sitio polo que pasa. Así pois desexámosvos un Feliz Nadal aos dous e dámosvos millóns de grazas por viaxardes dixitalmente desde as montañas luguesas até Bolboretas no bandullo. Benvidos e... imos alá!


  • Ben. Sr. Apalpador, cumprimos un soño ao conversarmos con vostede despois de tantos anos sabendo das súas visitas polos nosos fogares. Está preparando xa a baixada das montañas nesta recta final do ano?
    •  Non sen dificultades, moito lixo e lume na serra, mais coa axuda das nenas e nenos das escolas da Galiza conseguimos amañar todo para estar de novo coas nenas e nenos do país neste nadal
  • Papá Noel sempre tivo fama de lambón pois con cada visita levaba no bandullo algunha que outra lambetada. O Apalpador, pola contra, é máis solidario e opta por traer el mesmo un dos nosos superalimentos para as crianzas, as castañas.Mais… sempre nos xurdiu unha dúbida. Quere o Apalpador que lle deixemos un detalliño gastronómico para gañar en forzas despois de tanto esforzo pola Galiza adiante? 
    • Eu gosto moito do queixo con marmelo e pan do país e para beber unha boa sidra ecolóxica de maza galega. 
  • Que lle pide o Apalpador aos pequenos e pequenas para @s visitar con moito gusto e lles deixar unha boa presada de castañas? 
    • Que falen coas árbores, que escoiten os ríos e que fagan o posible por coidar a natureza. Que sexa solidarios e consciencies de que a fame que viviron as nenas e nenos galegos nos tempos en que xurdiu o Apalpador que lles traia as castañas para afastal, esa mesma fame vivena agora as nenas e nenos refuxiados, os deserdados de tantos pobos do mundo.
  • Nós temos a sensación de que vostede é tamén moi larpeiro. Cales son os seus doces favoritos, aqueles polos que perde a cachola? E os alimentos básicos na dieta do Apalpador?
    • A tarta de queixo e o arroz con leite. Moita froita e verdura, mazás a esgalla e os ovos das miñas pitiñas.
  • Nós estamos moi nerviosos todos os anos antes da súa chegada pois é unha xornada chea de fantasía e ledicia. Que opina da presenza maioritaria dunha figura allea como Papá Noel no noso país, tomando boa parte da súa ocupación?
    • Pois lembrarlle as nenas e nenos que segundo os meus estudos Papá Noel foi un vello apalpador do Courel emigrado a Laponia nos tempos da fame a quen chamaban os nenos lapones Papa Courel, vestía de verde pero despois chegou a CocaCola e o pintou de vermello. Todas as personaxes do nadal estamos ben relacionadas, naceron do pobo. 
  • Ben, Anxo, xa ves que o Apalpador ten moitas cousas interesantes que nos contar e aínda temos moito que aprender del, mais nós queremos saber máis dun dos nosos referentes culturais, ese contacontos que xa visitou a nosa escola cando nós aínda eramos uns mediometros. De onde provén o vínculo de Anxo Moure coa oralidade e coa narración? 
    • Do amor pola terra, pola fala dos bosques, de D. Alvaro Cunqueiro e do Barón Rampante de Italo Calvino, das miñas viaxes en bici e do falar da miña avoa cega Mamá Elvira.
  • Anxo, sabemos que es unha persoa tremendamente implicada co medio que nos rodea e realizas achegas continuas sobre a tod@s nós sobre o que nos rodea. Até que punto cres ti que é importante en Galiza protexer a natureza, os nosos ríos, árbores e demais? 
    • Son as nosas raices, o que nos une a terra, e a fábrica de osixeno e futuro. Os ríos e os mares, o vento.., son a música que alimenta as nosas esperanzas, pero hoxe os incendios, a contaminación, o lixo, o cambio climático.., querennos roubar o futuro e non o podemos permitir.
  • Levas moitísimos anos visitando colexios, rúas, parques ou bosques da Galiza. Que é o que máis che chama a atención dese público, maioritariamente infantil, que está fronte a ti, aprendendo das túas historias e contos?
    • A ilusión, os sorrisos, a ledicia que navega nos seus ollos en cada un dos contos. A forma de respirar palabras, de alimentarse de historias, de beber cantos e cantigas. 
  • ·Retornándomos ao ámbito gastronómico, e pensándomos nesa ubicación envexábel en Garabelos, na Serra do Faro, queriamos saber canto beneficio cociñeiro podemos tirar dunha zona tan fertil coma esa? 
    • En vinte anos fun plantando moitas froiteiras, aquí tendes castañas, cereixas, peras, mazás, péxegos, ameixas... e tamén unhas pitiñas que dan uns ovos ecolóxicos que gobernan a miña mesa.
  • Os contos do Lobo Garabelos co seu receitario de cociña solidaria son un verdadeiro manxar gastroliterario (podedes lelos en http://www.contosolidarios.org/contos.htm).Gustamos inmensamente desas sinerxias entre dous apartados que consideramos centrais para a nosa cultura. Ti ves paralelismos entre literatura e gastronomía e rendibilidade asociativa? 
    • Pois a clave está na metáfora de cociñar lentellas: O asociacionismo e a literatura é saber mergullar gastronomicamente tantas cousas boas xuntas e diversas para que aportando cada unha o mellor de si construan entre todos un sabor excelente, que saiban convivir cenouras, chourizos, allos, pementos, tomates, ovos, patacas, cebolas…, coa mediación do loureiro, para aportar o mellor sabor e toda a forza e saude precisa para mellorar o mundo.
  • Existe unha pregunta que adoramos facer a todos os colaboradores e colaboradoras de Bolboretas no bandullo, e ti, non has de ser menos, claro. Cal a Madalena de Proust do Anxo Moure? Ese sabor que o leva a tempos pasados? 
    • Unhas vellas galletas artiach que a miña avoa, mamá Elvira, muller cega dende os 30 anos que me educou no amor a terra, sempre nos agasallaba cada venres. De feito os meus pequenos Teixo e Xacia as galletas con nata chámalle “mamaelviras”
  • Se algo levas facendo nas máis de 6000 sesións de contacontos é viaxar. Supoñemos que poucos recunchos de Galiza che quedarán sen visitar e conquistar coas túas palabras. Sabéndomos que somos terra de bo comer con variantes do máis atractivas, ímosche facer unha pregunta complexa. Que territorio deixou un especial sabor (gastronómico) no teu maxín? 
    • As vellas cociñeiras dos centros escolares do medio rural galego, verdadeiras mestras que educaron o bandullo das nenas e nenos con productos tradicionais. Lembro algun polbo con cachelos, algun peixe en salsa verde, alguns arroces con zancos de polo.., degustados nos comedores escolares que educaron o meu padal.
  • Xa para rematar e dándovos as grazas de corazón aos dous, queriamos preguntarvos que menú prepararían Anxo Moure e o Apalpador para esta vindeira noite do 24? 
    • Prepararía un caldo de castañas con cenoura, berza-repolo do meu veciño o sr. Germán, pataca da miña veciña señor Alicia, chourizo de porco celta e algun ovo das miñas pitiñas e ben cocidiño. De segundo arroz con luras mariñeiras da terra da miña compañeira Marta, Cangas do Morrazo. De postre queixo Arzua-Ulloa co doce dos marmelos da miña tia, e para beber viño mencia da Ribeira Sacra.
    • E para todo o ano “Sopa de esperanza” (do conto Yetana a nena que choraba pedras) da páxina web www.contosolidarios.org, “…. Recolectamos ortigas da razón, cultivamos cenouras da tolerancia, sementamos allos da tenrura, cocemos todo con auga da liberdade (que cae na chuvia do outono) cun fondo musical do vento movento os teixos, as aciñeiras e bidueiras, sírvase en cuncas de cor verde. Para xantar enriba da Casa das Árbores (no alto dun castiñeiro).

Xa vedes que estes dous non están no mundo por estar e teñen un vínculo permanente co país e coa natureza que nos rodea. Agardamos que desfrutaran con esta conversa gastrocultural e que vós teñades pasado un momento de entretemento nesta lectura de Nadal para coñecermos un pouco máis dunha figura a reivindicar como é o Apalpador e dunha persoa clave na narración oral de Galiza como Anxo Moure. E ademais, vaia ideas sabedeiras nos deixan... Ñam!
Pasade unha moi xenial Noiteboa, e deixade que o Apalpador vos sorprenda! Xa sabedes, mañá teredes unhas poucas de castañas para asar ;-)

Ningún comentario:

Publicar un comentario