Amosando publicacións coa etiqueta carne. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta carne. Amosar todas as publicacións

venres, 29 de setembro de 2023

Nachos con carne

Hoxe traémosvos unha nova idea para pór en práctica esta fin de semana. Na casa, todos adoramos os nachos con carne, que deben levar, tamén, bastante queixo. Esta é unha receita que podemos adaptar ao noso gusto, incorporando ingredientes segundo as nosas preferencias, ou o que teñamos no refrixerador. Despois de probar con varias combinacións, esta é a nosa preferida. 


Nachos con carne



Ingredientes: 


Para a carne: 

  • 250 g de carne picada 
  • 250 g de tomate triturado 
  • 1 cebola 
  • 1 cenoria 
  • 1/2 pemento verde 
  • 1 cullerada de tomate concentrado          
  • 1 pastilla de caldo de carne 
  • Auga 

martes, 30 de marzo de 2021

Kebab da casa

Supoñemos que esta receita vai chamar a atención de moita xente e máis nestes tempos en que un kebab se converteu nun símbolo pasado de tempos festivos e de recuperacións nocturnas. A cea máis tardía tras troula ou o almorzo de máis adiantado? Sexa o que for, o kebab xa está instaurado na nosa gastronomía rutinaria de rúa desde hai arredor dunha década. Non hai vila sen o seu restaurante turco nin festa sen o parrandeiro que acuda ao kebab na procura da solución a todos os seus meigallos alcólicos. 

Aínda que aquí o asociamos, como escribimos, a restaurantes turcos, este alimento é un dos mellores representantes da gastronomía de Oriente Medio. Alí teñen moitas variantes aínda que o nacemento provén da carne espetada.

Iso si, a súa expansión por Europa vén da man do éxodo de turcos a Alemaña a mediados do século XX e hoxe en día hai máis postos de keban en Berlín que en Estabul, por exemplo, aínda que iso como sabemos, depende da comercialización e do éxito en moitas ocasións do foráneo. Reino Unido tamén é un clásico neste tipo de locais. E como mencionabamos ao principio, en Galiza veñen sendo moi habituais desde hai arredor de dez anos ganando un oco nos clásicos da comida rápida e tamén económica, algo que ao noso ver, fai que teña tamén a popularidade que ten. Aquí unha receita caseira, salvando obviamente as distancias co orixinal. 



Kebab da casa


Ingredientes:

Para a carne:
  • 2 filetes de tenreira (grandes)
  • 1 culleriña de ourego
  • 1 culleriña de alfábega
  • 1/2 culleriña de pemento doce
  • 1/2 culleriña de comiño           
  • 1/2 culleriña de canela
  • Pementa moída
  • Sal

domingo, 7 de febreiro de 2021

Caracolas de carne

Bo día, bolboreteir@s. Auga por Oleiros e supoñemos que por boa parte do país. Nós repetiremos plan de domingo: receita, xogos co peque e algo de traballo. Pouco. E si, por aquí hoxe repetiremos cos freixós. Recordade que tedes a receita na osa canle de youtube. 
Pero non ha de ser todo larpeira, claro. Hoxe traémosvos un aperitivo (ou prato principal) orixinal e ben sabedeiro. Xa sabedes que nós somos de traervos receitas con produtos habituais no frigo e nas lacenas e cremos que esta que hoxe presentamos é común canto a ingredientes e cunha elaboración moi sinxela. 
Imos alá!





Caracolas de carne


Ingredientes:

  • 1 lámina de follado
  • 300 g de carne picada 
  • 1/2 pemento vermello         
  • 1/2 pemento verde
  • 1/2 cebola
  • 1 ovo batido

sábado, 21 de novembro de 2020

Solombo á mostaza

Boas, bolboreteir@s! Como imos neste novembro sen bares? Non nos podemos queixar moito que canto menos estamos a ter sol para saír pasear. Aquí agradecémolo moito, sobre todo polo peque. 

E esta maña dedicámolo a organizar un pouquiño as cousas da casa e a preparar algunha receita nova. Alén da lambetada que vos presentaremos proximamente, traemos hoxe unha carne cociñada dun xeito pouco tradicional mais moi sinxelo e sobre todo saboroso, que é o que nos interesa aquí. 

Desta volta, procuramos inspiración e encontrámola na canle de Youtube de "Cocina con Carmen". Así pois, recreamos a idea para compartir cos nosos amig@s lectores. Aí vai!



Solombo á mostaza



Ingredientes (para 2 solombos):

     
  • 2 solombos
  • 2 cebolas
  • 2 dentes de allo 
  • 4 culleradas de mostaza
  • 2 culleradas de mel
  • 300 ml de caldo 

sábado, 24 de outubro de 2020

Falsos calacús

Samaín, Samaín, vente vindo, que nós xa estamos con todo preparado. Andamos facendo probas para a configuración dos días de defuntos e da noite de Samaín e dunha desas probas saíu isto.

Unhas cabaciñas que nin teñen pébedas nin son froito, e que no sitio, teñen un recheo de carne moi moi saboroso. E como vedes, recórdannos na forma exterior aos calacús, como lle din en diferentes zonas da Galiza.

Pois ben, a verdade é que é un aperitivo ou incluso prato principal ben apetitoso que apetece mollar nunha salsa. Neste caso estabamos folgazáns e optamos por un clásico do súper, o ketchup. E moi ben. Se andadades con folgos, preparádelle un mollo caseiro e será xa top. Aquí vai a primeira idea deste ano para o noso Samaín gastronómico. 



Falsos calacús


Ingredientes:

  • Masa follada
  • 300 g de carne picada
  • 1 bóla de mozzarella
  • Pementa doce 
  • Curry
  • Allo en po

domingo, 11 de outubro de 2020

Mini quiches variados

Boas, amig@s! Que tal estades? Supoño que con paciencia e aproveitando os momentos de relax na casiña, que é onde mellor se está esta tempada. 

Nós aproveitamos esta ponte para limpar e organizar, e tamén para preparar algunha cousiña nova para vós. E desta volta tiramos por un dos estilos que máis nos gusta, o do reaproveitamento. Ollamos o frigorífico e co que quedaba, optamos por unha receita que lle dese cabida a varios destes produtos, chegándomos así a estes mini quiches que non teñen dificultade ningunha e nos dan un prato diferente e ben sabedeiro. Fixémolos, iso si, en versión peque porque era a maneira de crear varias opcións. Se gustades dunha versión en especial, xa sabades, facede unha quiche ben grande e a gozar. Aí vai!



Mini quiches variados

Ingredientes:

  • 2 lascas de masa brisa
  • 200 ml de nata para cociñar
  • 3 ovos
  • Queixo relado
  • Pementa moída
  • Sal
Para os mini quiches de carne:
  • Carne picada
  • 1/2 pemento vermello
  • 1/2 cebola
  • Curry

luns, 10 de agosto de 2020

Pastel de carne

Boa tarde, bolboreteir@s! Aquí estamos acabados de comer, ben satisfeitos e coa receita acabada de saír do forno. Nunca mellor dito. Probando novas ideas para comer e tamén para ir incorporando á alimentación de Xiao pensamos nun prato de carne moi sinxelo e un pouco diferente a outros que preparamos máis aproximados á rutina. 

Un dos aspectos que favorecen a elaboración desta prato é a acumulación de propiedades e vitaminas pois estamos a integrar desde carne a verduras, lácteos e ovos. Unha aposta ben completiña, está claro. 

Canto á dificultade, moi baixa, non dá máis traballo que calquera outro prato no que se deban combinar ingredientes. E veredes que aínda que dese traballo, merecería a pena con este resultado. Aquí o vedes. 



Pastel de carne


Ingredientes:  



  • 1 kg de carne picada 
  • 1 cabaciña
  • 1 pemento vermello       
  • 1 cebola
  • 1 iogur natural
  • 2 ovos
  • Queixo relado
  • Ourego
  • Allo en po

sábado, 4 de abril de 2020

Callos

Bo día, bolboreteir@s! Cando parece que non damos visto a fin do confinamento, que segue a estenderse, imos traer un prato que... Ben, un prato non; O PRATO! Se había unha receita pendente ao longo destes seis anos de Bolboretas no bandullo, esa era a dos callos. Un deses manxares adorados en múltiplos fogares, que posúe mil variantes de creación, mais no que a mellor sempre é a que pasa de xeración en xeración na familia. Pensade que, ante tantos ingredientes é lóxico ter moitas posibilidades.
Entón, claro, nós temos visto moitas receitas de callos pola rede adiante mais queriamos desenvolver a nosa preferida, a da casa. Desta maneira, houbo que esperar a ter tempo libre para se producir esta entrega interxeracional de saber culinario.
Con todo, non queremos mostrar a nosa como receita universal dos callos nin moito menos mais aseguramos que vai cumprir coas demandas dos amantes desta delicia.
Señores, señoras, nov@s e vell@s. Con todos vostedes, un dos nosos pratos favoritos:



Callos 


Ingredientes:

  • 800 g de garavanzos
  • 800 g de tripa
  • 2 patas de porco
  • 3 chourizos
  • 200 g de xamón
  • 1 anaco de pan duro
  • 1 cebola
  • 1 cabeza de allos
  • 3-4 dentes de allo
  • 10 cravos

martes, 24 de marzo de 2020

Abano de carne con patacas ao forno

Un día máis, un día menos, que diría o outro. Non sabemos vós mais aquí estamos aproveitando bastante estas semanas no tempo que nos deixa o famoso teletraballo.
Imaxinación ao poder co pequeno e creatividade a tope na cociña. Iso si, imos ter que ir parando coas receitas doces porque senón... haha.
Desta volta, fixemos unha receita de finde, de xantar especial cunha carne un chisco diferente que nos deixou encantadísimos. Ollade que sinxela e que pedazo resultado!





Abano de carne con patacas ao forno


Ingredientes:


Para a carne:

  • 1 peza de lombo
  • 10-12 lascas de bacon
  • 10-12 lascas de queixo
  • 75 ml de aceite
  • 1 culleriña de allo en po
  • 1 culleriña de ourego

sábado, 8 de febreiro de 2020

Polo á mostardesa

Ola, bolboreteir@s!! Como vai todo? Por aquí andamos sacando oco para crear novas receitas do tempo que nos deixa o peque.
Hoxe presentamos unha receita ben sinxela que ten como ingrediente principal o polo, talvez un dos alimentos máis utilizados na rutina culinaria dos fogares de todo o país, principalmente por cuestións económicas claro. E é por iso que convén ter alternativas para non o aborrecer. 
Queriamos preparar un prato no que non se fixera seco, pois é un dos defectos que encontramos nalgún dos preparados desta carne. 
Así pois, xa probado isto, podemos dicir que de seco nada de nada. Todo o contrario. Ollade que apetitoso! 


Polo á mostardesa


Ingredientes:

  • 1 peituga de polo
  • 1 cebola
  • 1/2 cabaciña
  • 150 ml de viño branco
  • 50 g de queixo mozzarella
  • 3 culleradas de nata

sábado, 21 de decembro de 2019

Mein de polo e verduras

Boa noite, bolboreteir@s!! Como estades? Aquí hoxe chegamos algo tarde porque cando iamos escribir a receita marchou a luz en Viveiro e coas bromas dúas horas estivemos sen elas. Consecuencias do Fabien este. E claro, agora xa non estamos feitos para botar moito tempo sen luz. Pena dunha cociña de leña no piso, haha.
Ben, falar si mais o caso é papar. Hoxe voltamos de novo á gastronomía asiática cun produto estrela xa na nosa cociña, moi similar á pasta italiana: os noodles. Escollemos esta forma de preparación que encontramos nunha canle oriental de Youtube para comprobar que é moi sinxelo lograr a delicia sempre con estes noodles. Aquí está 





Mein de polo e verduras


Ingredientes:


  • Noodles de arroz
  • 2-3 filetes de peituga de polo
  • 1 pemento vermello
  • 1/2 cebola
  • Soia fresca
  • 1 cullerada de maizena
  • 1 culleriña de ourego
  • 1/2 culleriña de canela

sábado, 23 de febreiro de 2019

Patacas ao pobre

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Seguimos cun tempo que dá ganas de coller a roupa de verán e comezar coas tuppers de ensaladas para papar fóra. Mais ollo, que aínda estamos en febreiro e se todo vai ben aínda queda moito por chover e moito prato quente por comer.
Hoxe traémosvos unha gornición que probamos esta semana. As patacas son desde hai ben de séculos un clásico na alimentación galega, sendo co pan, o acompañante máis habitual nos nosos menús. Así pois, gustamos de investigar diferentes modos de cociñar este tubérculo para non caer na rutina papatoria.
E desta forma, demos na rede con preparacións coma esta, das que oiramos falar mais non chegaramos a probar. Un prato andaluz que foi gañando sona por diferentes puntos do estado aínda que en Galiza non son demasiado habituais.
Ben, pois nós, preparámolas da seguinte forma, dándolle un tanto máis de substancia para as converter en prato principal e non en acompañante.


Patacas ao pobre



Ingredientes (para dúas persoas):

  • 2-3 patacas medianas
  • 300 g de carne de lombo (tipo raxo)
  • 1 pemento vermello
  • 1 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 1/2 culleriña de pemento (picante)

martes, 19 de febreiro de 2019

Albóndegas en salsa de cebola

Bo día, bolboreteir@s!! Como vai todo? Ben, pois despois de vos traermos o pan para mollar na fin de semana, hoxe toca o prato forte do menú. Un outro clásico cunha modificación que nos leva a alcanzar o ceo culinario unha vez chegado ao padal. 
As albóndegas son desas receitas ben representativas das familias, que en todos lados saben ben e que hai tamén mil e unha formas de as facer. Pois ben, nós descubrimos esta xoia e... vaia! 
Esta si é para mollar pan! Ollade que boas!



Albóndegas con salsa de cebola


Ingredientes:


Para as albóndegas:
  • 500g de carne picada
  • 50-60g de queixo en po
  • Miga de pan
  • Leite
  • Allo en po
  • Pirixel

mércores, 30 de xaneiro de 2019

Gyozas

嗨,你好吗?Ups, desculpas, queriamos dicir, ola, que tal? Como vai a semana? Toca resistir a cicloxénese, non? Ben, aquí andamos acostumados así que a aproveitar para outras encomendas. E xa sabedes cal é a nosa favorita. Estamos por mudar a denominación do blogue e pasar a falar dunha bitácora asiática en galego (ha!) posto que estamos a acumular vertixinosamente receitas de Oriente. Hoxe tocounos a que seguramente sexa unha das nosas favoritas, ou canto menos, a que non falta en calquera pedido a restaurante asiático.
As famosas gyozas, curmás lonxanas das nosas "empanadiñas" adoita utilizarse en Asia para acompañar outras comidas e utilízase con recheos do máis diverso. A pesar de que hoxe en día se consagraron como prato xaponés, teñen a súa orixe na China. Como ides ver, caracterízanse principalmente pola masa fina e a cocción ao vapor así como pola salsa acompañante.
Ufff, xa babexamos de matinalas. Imos:

Gyozas


Ingredientes:


Para a masa:
  • 200 g de fariña
  • 90 g de auga
  • Un chisco de sal
Para o recheo:
  • 300 g de carne picada
  • 2-3 follas de repolo
  • 1/2 cebola

sábado, 5 de xaneiro de 2019

Pizzárbore natalicia

Bo día, bolboreteir@s!! Feliz ano! Agardamos que a entrada de 2019 estea a ter o mellor sabor de boca posíbel para vós. E senón, aquí imos tentar facer unha achega para saborearmos este sábado véspera de Reis.
Onte estabamos a comer coa tv posta, e casualmente era o programa de cociña dos irmáns Torres, emitido na TVE. Non o adoitamos seguir moito mais chamounos a atención a receita que estaban a crear e pensamos que podía ser acertada para estes días, antes de deixarmos atrás definitivamente o Nadal. Inspirámonos principalmente no formato, unha pizza con foma de árbore que queda moi fermosa e apetecíbel para estes últimos menús festivos. 
Ficaba por pensar no recheo e no sabor, mais xa imaxinabamos que resultaría sinxelo. Optar por un clásico e dedicámonos a desfrutar dunha versión ben curiosa dun clásico italiano. Che saporito!




Pizzárbore natalicia


Ingredientes:

  • Masa de pizza
  • 300 g de carne picada
  • 2-3 pementos asados
  • 1 cebola
  • 1 cenoria
  • 2 dentes de allo
  • Ourego
  • Pementa moída
  • Sal
  • Queixo ao gusto
  • 1 ovo
Salsa para acompañar:
  • 250 g de salsa de tomate
  • Aceite de oliva
  • Pementa moída

martes, 12 de xuño de 2018

Chebureki

A estas alturas e só co título, seguramente vos esteades a preguntar que é isto de chebureki. E a iso imos, á explicación, porque cremos que non está mal saber o que temos diante antes de o preparar ou comer. 
Con esta receita, iniciamos unha ciclo ligado ao evento deportido deste verán. Xa sabedes que entre nós temos un futboleiro moi futboleiro e claro, pensamos en comezar unha edición gastronómica do mundial de Rusia. Así pois, nas próximas semanas, iremos traendo algunhas receitas ligadas aos diferentes países que participan nesta competición.
E claro, por cal iamos comezar senón polo anfitrión. Rusia é un país que nos chama a atención mais do que sabemos moi pouco, especialmente canto á gastronomía e todo o que podamos aprender, benvido será.
Chegamos entón a este chebureki, unha variante da empanada, cunha masa máis doce e cremosa, que pasa pola tixola logrando así o toque crocante diferencial. En San Petersburgo véndense milleiros cada día posto que hai comercios especializados na súa venda.
Imos ver os sinxelos pasos para a elaboración:



Chebureki


Ingredientes:


Para a masa:
  • 300 gr de fariña
  • 1 vaso grande de leite
  • 2 culleradas de aceite
  • 1 ovo
  • 1 chisco de sal

Para o recheo: 
  • 150 gr de carne picada de tenreira
  • 150 gr de carne picada de porco

martes, 20 de marzo de 2018

Sándwich de lacón e brie

Bo martes, bolboreteir@s! Como vai, todo? Por aquí imos comezar a primavera cunha desas receitas de aproveitamento que tan bo xogo dan nos nosos receitarios e ofrecen outra saída aos nosos pratos.
Desta volta tiñamos lacón asado pola casa e despois de dous xantares, tiñamos uns restos que non sabiamos como aproveitar até que demos cun clásico da comida rápida que ofrece toda as posibilidades, mesmo as de combinarmos unha carne tradicional como o lacón con queixo brie nun sándwich.
Por aquí acudimos a estes emparedados con certa frecuencia, sobre todo cando estamos folgazáns e non queremos perder moito tempo no preparado. Ademais, son apostas seguras pois apenas gardan efecto sorpresa. E si, este foi outro éxito.



Sándwich de lacón e brie



Ingredientes:


  • Lascas de pan de molde/barra
  • Lacón asado
  • Queixo brie

martes, 13 de febreiro de 2018

Lombo recheo

Martes de Entroido, feseta en diversas localidades de Galiza. Aquí mesmo, en Viveiro, temos feriado hoxe, con desfile e troula, mais non descansan as receitas.
Como xa supomos que andaredes arriba de cocido, filloas ou orellas, nós xa imos preparando a volta á realidade, ao menús do día a día.
É certo que non nos preocupa tanto a depuración como após o Nadal porque aínda que estes días papamos moitas larpeiradas, non son o mesmo estes doces máis naturais que os do Nadal onde entra moito comercial... Sexa como for, algo de compensación haberá que facer, que o que levamos papado...
Ben, imos pois coa última creación, no que achegamos unha idea para degustar unha carne que en ocasións “peca” de seca, da forma máis substanciosa e saborosa.
Imos alá!



Lombo recheo


Ingredientes (para 4-6 persoas):


  • 1 kg de lombo
  • 8-9 lascas de bacon
  • 8-9 lascas de queixo
  • 1 vaso de viño branco
  • Allo en po
  • Pementa moída
  • Ourego
  • Romeu

sábado, 3 de febreiro de 2018

Pan bao recheo

Bolboreteir@s. Tiñamos ganas de sábado e non só para folgar senón para comunicar de novo con vós que xa sabedes que é unha das nosas grandes paixóns. A fin de contas, Bolboretas no bandullo existe grazas a todas as persoas que nos ledes día tras día.
Ben, pois a de hoxe é unha receita que nos fai especial ilusión pois levabamos un ano coa vaporeira na casa agardando a preparar este prato que nos ten conquistado. Esta semana que pasou deixounos un oco e puxémos punto final a estas ansias. Bon, realmente punto e aparte, porque temos ganas de máis, haha.
A estas alturas supoño que xa todos e todas coñecedes o pan bao que cada vez está a ganar máis sona grazas ao esplendor da cociña asiática. Sexa como for, estamos perante un pan de envolver super saudábel xa que se cociña con vapor mantendo intactos todos os nutrintes. A pesar do toque esplendoroso dos últimos anos, na China e en Asia en xeral segue a ser considerado un "bocadillo de rúa" que se converte nun clásico especialmente no ano novo.
O concepto "bao", que ten a ver co feito de envolver, permite xogarmos cos ingredientes do recheo aínda que se adoita optar por costela de porco ou ben variantes vexetarianas. Nós presentámosvos aquí a nosa, co afán de vos abrir o apetito.



Pan bao recheo




Ingredientes:

  • 225 g de fariña
  • 125 ml de auga 
  • 15 g de lévedo fresco
  • 1 culleriña de azucre
Para o recheo:
  • Costela
  • Canónigos
  • Maionesa allada

martes, 30 de xaneiro de 2018

Costela asada estilo bolboreteiro

Que tal, amig@s? Como vai este remate de mes? Xa vos diciamos hai nada que a pouco de saír o Nadal xa estariamos entre filloas e ollade, aí vén o Entroido. Nós xa levamos unha boa fartada dos clásicos de cada ano mais xa temos preparada tamén algunha nova receita do país.
Entre tanto seguimos argallando con outras cousiñas. A de hoxe é unha primeira metade que se verá completada o próximo sábado aínda que iso non quere dicir que non sirva por si soa, claro que si. É máis, esta receita sería unha opción ideal para o corpus de receitas do día a día.
Veredes nos ingredientes que optamos por agregar moitos mollos porque é certo que a nós a costela gústanos ben apoiada de sabor mesmo cando pasa pola grella (nese caso tiramos do clásico chimichurri, claro).
Ben, sexa como for, temos a sensación que moit@s ides simpatizar con este costela tan apetitosa. Velaquí fica. A por ela!



Costela asada ao estilo bolboreteiro


Ingredientes:

  • 1 kg de costela
  • 200 g de salsa de tomate
  • 1 cebola
  • 3-4 dentes de allo
  • 3 culleradas de Ketchup
  • 3 culleradas de soia
  • 2 culleradas de Mostaza
  • 2 culleradas de vinagre