sábado, 21 de decembro de 2019

Mein de polo e verduras

Boa noite, bolboreteir@s!! Como estades? Aquí hoxe chegamos algo tarde porque cando iamos escribir a receita marchou a luz en Viveiro e coas bromas dúas horas estivemos sen elas. Consecuencias do Fabien este. E claro, agora xa non estamos feitos para botar moito tempo sen luz. Pena dunha cociña de leña no piso, haha.
Ben, falar si mais o caso é papar. Hoxe voltamos de novo á gastronomía asiática cun produto estrela xa na nosa cociña, moi similar á pasta italiana: os noodles. Escollemos esta forma de preparación que encontramos nunha canle oriental de Youtube para comprobar que é moi sinxelo lograr a delicia sempre con estes noodles. Aquí está 





Mein de polo e verduras


Ingredientes:


  • Noodles de arroz
  • 2-3 filetes de peituga de polo
  • 1 pemento vermello
  • 1/2 cebola
  • Soia fresca
  • 1 cullerada de maizena
  • 1 culleriña de ourego
  • 1/2 culleriña de canela
  • 1/2 culleriña de pemento doce
  • Allo en po
  • Pementa moída
  • Salsa de soia
  • Aceite

Utensilios: dúas cuncas, unha tixola e unha culler. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de adobar o polo. Para iso, cortamos as peitugas e botámoslle o ourego, a canela, o pemento doce e o allo en po e a pementa moída ao gusto. 


Agregamos 2 culleradas de salsa de soia. 


E a cullerada de maizena e mesturamos moi ben. Reservamos, polo menos, 30 minutos. 



Pasado ese tempo, colocamos os noodles nunha cunca e agregámoslle auga quente até cubrilos. Reservamos 10 minutos. 


Mentres tanto, rustrimos o polo en dúas culleradas de aceite. 


Cando estea dourado, agregamos o pemento vermello e a cebola, cortados en tiras. Cociñamos até que abranden un pouco. 


Engadimos os noodles e mesturamos moi ben. Cociñamos 3 minutos máis. 


Botamos a soia e 3-4 culleradas de salsa de soa. Mesturamos moi ben. 


Servimos e empoamos co sésamo. 


E xa estarían listos para comer! A pinta é boa mais non chega para reflectir o sabor. Así que... obrigada a proba, bolboreteir@s! Aperta forte!!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario