mércores, 30 de xaneiro de 2019

Gyozas

嗨,你好吗?Ups, desculpas, queriamos dicir, ola, que tal? Como vai a semana? Toca resistir a cicloxénese, non? Ben, aquí andamos acostumados así que a aproveitar para outras encomendas. E xa sabedes cal é a nosa favorita. Estamos por mudar a denominación do blogue e pasar a falar dunha bitácora asiática en galego (ha!) posto que estamos a acumular vertixinosamente receitas de Oriente. Hoxe tocounos a que seguramente sexa unha das nosas favoritas, ou canto menos, a que non falta en calquera pedido a restaurante asiático.
As famosas gyozas, curmás lonxanas das nosas "empanadiñas" adoita utilizarse en Asia para acompañar outras comidas e utilízase con recheos do máis diverso. A pesar de que hoxe en día se consagraron como prato xaponés, teñen a súa orixe na China. Como ides ver, caracterízanse principalmente pola masa fina e a cocción ao vapor así como pola salsa acompañante.
Ufff, xa babexamos de matinalas. Imos:

Gyozas


Ingredientes:


Para a masa:
  • 200 g de fariña
  • 90 g de auga
  • Un chisco de sal
Para o recheo:
  • 300 g de carne picada
  • 2-3 follas de repolo
  • 1/2 cebola
  • 2 culleradas de soia
  • 2 culelradas de sésamo
  • 1 cullerada de aceite
  • 1 cullerada de xenxibre
  • 1 cullerada de allo en po
  • 1 cullerada de fariña de arroz/maicena
  • 1/2 culleriña de azucre
  • Sal
Para a cocción:
  • Un vaso de auga
  • 1 cullerada de fariña de arrroz/maicena
  • 2 culleradas de aceite
Para a salsa:
  • 4 culleradas de soia
  • 3 culleradas de vinagre de arroz
  • 1/2 cullerada de aceite


Utensilios: unha tixola con tapa, dúas cuncas, papel transparente, unha táboa, un coitelo e unha culler.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer a masa das gyozas. Mesturamos a fariña xunto co sal, e engadimos, pouco a pouco, a auga, que debe estar morna. 


Amasamos moi ben até conseguir unha masa branda e homoxénea. Levaranos 10 min, aproximadamente. Tapamos con papel transparente e deixamos repousar 1h 30min.


Mentres tanto, mesturamos a carne picada co allo, o xenxibre, o chisco de sal, a soia, o azucre, o aceite e o sésamo. 


Agregamos a cullerada de fariña de arroz (ou maicena). 


Botamos, tamén, a cebola e o repolo, cortados finamente. Tapamos con papel transparente e reservamos. 




Pasado o tempo de repouso, imos collendo pequenas porcións de masa e estirámolas sobre unha superficie enfariñada con fariña de arroz. Dámoslle forma redondeada, para que nos queden máis perfectos, podemos utilizar un cortapastas redondo. 



Botamos unha cullerada da carne. Mollamos os bordos cun chisco de auga e pechamos ao unirmos os extremos. 



Cando teñamos todas as empanadillas feitas, botamos dúas culleradas de aceite nunha tixola e colocamos as gyozas. 


Deixamos que se torre un pouco e, cando o fondo colla algo de cor, engadimos a fariña diluída no vaso de auga. Tapamos e deixamos que se evapore a auga, sobre 10 minutos. 


Mentres tanto, facemos a salsa. Mesturamos a soia co vinagre de arroz e o aceite. 


Cando as gyozas estean listas, servímolas acompañadas da salsa de soia. 


Agardamos que vos gusten e que as poñades en práctica. 


Non é un prato tan rápido como outros que viñamos preparando nas últimas semanas mais é destes que merecen completamente a pena, mais non vos preoucpedes, é máis sinxelo do que aparece a simple vista. As persoas que as teñades probado, xa saberedes do que falamos e as que non, toca animarvos a meter o dente a esta delicia.
Que as gocedes moito! Fortísima aperta, bolboreteir@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario