sábado, 26 de xaneiro de 2019

Trufas de oreo

Boas, bolboreteir@s! Estabamos revisando o blogue e dixemos: "como pode ser que nós, que iamos comezar Bolboretas no bandullo como un blogue doce levemos tanto tempo sen unha larpeirada?". Pois, fácil solución, fomos a por unha lambetada ao grande, unha inesquecíbel.
Aproveitamos que fomos convidados a un café-encontro entre alumnado e profesorado na Facultade de Educación da UDC para levarmos un petisco caseiro co que adozar a tarde e xa vos contarán eles e elas, mais pouco duraron. O prato volveu limpiño para a casa. Mais claro, como non ía ser un éxito algo que leva oreo, chocolate branco... Tremenda delicia. 
Aínda grazas que tivemos con quen compartilas porque senón... vaia atracón nos iamos dar. Ollade e gozade:




Trufas de Oreo



Ingredientes:

  • 28 galletas oreo
  • 180 g de queixo tipo Philadelphia
  • 150 g de chocolate branco






Utensilios: un batedor eléctrico, unha cunca, un prato, papel vexetal e unha culler. 


Elaboración:

Para comezarmos, temos de trituar as gallegas co batedor eléctrico. 


Reservamos tres culleradas da galleta triturada, e o resto mesturámola moi ben co queixo crema. Collemos pequenas porcións de masa e facemos boliñas, máis ou menos do mesmo tamaño. 


Colocámolas nun prato cuberto con papel vexetal. Refrixeramos 1 hora. 


Pasado ese tempo, derretemos o chocolate branco. 


Introducimos as boliñas no chocolate branco e cubrímolas moi ben. 


Colocámolas noutro prato, cuberto con papel vexetal, e empoamos coa galletas triturada que reservaramos. 


Volvemos refrixerar até que endureza o chocolate. 


E xa estarían listas para comer! 


Agardamos que vos encanten e poñades en práctica a receita. 


Babexamos só de as rememorar e sentimos o impulso de nos pór de novo a cociñalas mais ben, hai que controlarese, que senón... mmmm...
Ben, agardamos agora ver como resultan en cada unha das vosas cociñas. Xa nos contaredes, amig@s!!! Apertas fortes!

2 comentarios: