Bo día, bolboreteir@s! Como vai a semana? Por aquí andamos de depuración despois dunha fin de semana de bastantes excesos culinarios como puidestes ver nas nosas RRSS.
Así pois, desta volta tiramos de verdura como protagonista principal e fómonos a unha que a verdade é que si comemos nalgúns momentos da nosa vida mais tiñamos esquecida completamente: as coles de Bruxelas.
Xa sabedes, en cada casa téndese máis a uns produtos ou a outros e nós non o viñamos tendo de man aínda que descubrindo cociñados como este que vos imos presentar, convén ter estas coles á man.
Canto á orixe do produto confírmase o agardado no nome, proveñen de Bruxelas, onde se comezaron a cultivar no século XVIII estando hoxe xa estendidas por calquera territorio.
Preparad@s?
A por ela!
Coles de Bruxelas
Ingredientes:
- Coles de Bruxelas
- Xamón serrano
- 1 cebola
- 2 dentes de allo
- Queixo relado
- 1 culleriña de pemento picante
- Pementa moída
- Sal
- Aceite de oliva
- Auga
Utensilios: unha pota, unha tixola, unha fonte apta para o forno, un coitelo e unha culler de pau.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de preparar as coles. Para iso, limpámolas moi ben. Cortamos polo fondo a parte máis dura e quitamos as follas de fóra (as que se vexan máis estropeadas). Facemos dous cortes pola parte de abaixo e lavámolas moi ben. Cocémolas en abundante auga fervendo con sal durante 5 minutos. Reservamos.
Mentres tanto, rustrimos os dentes de allo laminados nunha cullerada de aceite.
Cando o allo empece a ter cor, engadimos a cebola, cortada en xuliana.
Cando as coles estean cocidas, botámolas tamén e rustrímolas uns minutos.
Salpementamos ao noso gusto, botamos o pemento picante e mesturamos moi ben.
Colocamos o rustrido nunha fonte apta para o forno, agregamos o xamón, ben picado.
E o queixo relado.
Enfornamos co gratinador a máxima potencia, até que se derreta o queixo.
E xa estarían lista para comer! Agardamos que vos gusten e que as probedes, porque seguro vos han sorprender. 😃
Boa pinta, verdade? Pois non fiquedes só na lectura e animádevos a pór en práctica este prato ben apetitoso. Agardamos os resultados, que serán óptimos. Aperta ben forte!
Ningún comentario:
Publicar un comentario