sábado, 19 de xaneiro de 2019

Falso arroz con alcachofas e lagostinos

Boas, bolboreteir@s!! Como vai a fin de semana? Andades gardadiñ@s na casa, non? Nós tamén, aproveitando para avanzar en tarefas e para cociñar pratos ben saborosos como o que hoxe vos prsesentamos. É a primeira receita que publicamos con este ingrediente mais tamén realmente a primeira vez que o cociñamos.
Estamos a falar do trigo tenro, descoñecido para nós até hai pouco. Presentáronnolo como falso arroz nun restaurante da Coruña, no Peculiar, e quedamos fascinados coa textura e co sabor. Así pois, investigando demos con esta forma de o preparar que satisfixo completamente as nosas papilas gustativas e deixou o bandullo moi contento.
De feito, alén de este se converter nun prato moi saboroso, tamén nos pareceu moi fácil de dixerir. Imos por el!


Falso arroz con alcachofas e lagostinos



Ingredientes: 


  • 300 g de trigo tenro
  • 4-5 lagostinos
  • 4-5 cogomelos
  • 2-3 alcachofas
  • 2 dentes de allo
  • 1 cullerada de polpa de pemento chouriceiro
  • 1 culleriña de cúrcuma
  • 1/2 culleriña de comiño
  • Pementa moída
  • Sal
  • 800 ml de caldo de verduras
  • 2-3 culleradas de aceite de oliva
  • Queixo relado (opcional)


Utensilios: unha pota, unha culler e un coitelo.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de limpar as alcachofas. De seguir, rustrímulas na pota co aceite de oliva durante 3-4 minutos.



De seguir, engadimos os dentes de allo laminados e salpementamos ao noso gusto.


Agregamos o pemento choureceiro e mesturamos moi ben. 


A continuación, botamos os cogomelos, o trigo tenro, a cúrcuma e o comiño. Remexemos moi ben. 


Engadimos o caldo, subimos o lume até que comece a ferver, tapamos e baixamos a mínimo. Cociñamos 15 minutos. Se vedes que durante ese tempo se seca moito, botade máis caldo. 


Pasado ese tempo, comprobamos que o grao de trigo estea feito e colocamos os lagostinos, cortados á metade. Tapamos, apagamos o lume e deixamos repousar 5 minutos. 


E xa estaría listo para comer! Servimos acompañado co queixo, que lle dá un toque moi especial. Nós usamos o San Simón. 


Agardamos que vos guste e que poñades esta receita en práctica. É unha opción moi interesante para dinamizarmos a nosa alimentación dando entrada a novos produtos de maneira natural e moi moi saborosa. A nós conquistounos. Agardamos que nos deades a vosa opinión. Forte aperta, amig@s!


Ningún comentario:

Publicar un comentario