sábado, 2 de febreiro de 2019

Roliños de canela

Boa cicloxénese, digo, boa fin de semana, amig@s! Aquí seguimos, gardadiños do frío e da auga e comezando oficialmente a tempada de cocido e freixós. Vaia finde nos imos pegar!
Mais esta semana estivemos preparando outras larpeiradas, onde a canela foi a protagonista.
Esta especia traénos moi bos recordos e transpórtanos inmediatamente cal madalena de Proust á infancia e ao arroz con leite, co que a coñecemos tanto tempo atrás. 
Puxémonos cunha especie de "cinamon rolls" dos que quedamos prendados nas rúas de New York, onde despredían un cheiro que adozaba o outono. Ollade:


Roliños de canela




Ingredientes:


Para a masa:
  • 440g de fariña, máis extra
  • 240 ml de leite morno
  • 56g de manteiga
  • 35g de azucre 
  • 25g de lévedo de panadaría
  • 2 ovos
  • Un chisco de sal
Para o recheo:
  • 100g de azucre moreno
  • 70g de manteiga
  • 12g de canela
Para o glaseado:
  • 120g de azucre glas
  • 30 ml de leite
  • 5 ml de vainilla

Utensilios: varias cuncas, un garfo, unha espátula, un rolete, papel vexetal e un molde apto para o forno.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar o lévedo cunha cullerada de azucre e 70 ml do leite. Reservamos.



Noutra cunca, mesturamos a fariña, o resto do azucre, o resto do leite, o sal e engadimos a mestura anterior (lévedo+azucre+leite). 


Mesturamos un pouco e botamos os dous ovos. 


Amasamos até ter unha masa suave e elástica, é posíbel que teñamos que engadir máis fariña. Deixamos repousar 10-15 minutos. 


Mentres tanto, preparamos o recheo. Botamos, noutra cunca, o azucre, a canela e a manteiga, a temperatura ambiente, mesturamos moi ben até que se integren. Reservamos. 


Pasados os 10-15 minutos, enfariñamos a nosa superficie de traballo e, coa axuda do rolete, estiramos a masa, dándolle unha forma rectangular. 


Estendemos, coa axuda da espátula (ou dun coitelo), o recheo.







Enrolamos sobre si mesmo e pechamos ben a masa (se queredes, podedes mollar con auga un pouco os bordos para que pechen mellor). 


Imos cortando a masa en toros de 2-3 cm e colocámolos sobre un molde apto para o forno cuberto con papel vexetal. 


Tapamos e deixamos que repouse 1 hora, ou até que duplique o seu traballo. 


Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, co forno prequente, durante 15 minutos. 


Mentres arrefría un pouco, preparamos o glaseado. Poñemos o azucre glas coa vainilla e o leite e mesturamos moi ben. 






Botamos o glaseado sobre o nosos roliños. E xa estarían listos para comer! 


Agardamos que vos guste e que poñades esta deliciosa receita en práctica. Aquí pouco durou, aínda que hai que dicir que fomos compartimos tremenda delicia, que había que deixar oco para esta doce fin de semana. Fortísima aperta, amig@s!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario