martes, 19 de febreiro de 2019

Albóndegas en salsa de cebola

Bo día, bolboreteir@s!! Como vai todo? Ben, pois despois de vos traermos o pan para mollar na fin de semana, hoxe toca o prato forte do menú. Un outro clásico cunha modificación que nos leva a alcanzar o ceo culinario unha vez chegado ao padal. 
As albóndegas son desas receitas ben representativas das familias, que en todos lados saben ben e que hai tamén mil e unha formas de as facer. Pois ben, nós descubrimos esta xoia e... vaia! 
Esta si é para mollar pan! Ollade que boas!



Albóndegas con salsa de cebola


Ingredientes:


Para as albóndegas:
  • 500g de carne picada
  • 50-60g de queixo en po
  • Miga de pan
  • Leite
  • Allo en po
  • Pirixel
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva
Para a salsa de cebola:
  • 700 ml de caldo de verduras
  • 3 cebolas
  • Allo en po
  • Pementa moída
  • Un chisco de sal

Utensilios: dúas cuncas, unha pota, unha tixola, un prato, papel absorbente e unha escumadeira.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de remollar a miga de pan en leite. Quedará mellor se a miga é do día anterior. A cantidade de pan é ao gusto e témolo que cubrir con leite. Reservamos. 



Mentres tanto, mesturamos a carne picada, co queixo relado, o allo, a pementa moída, o sal e o pirixel. 


Cando estean ben integrados todos os ingredientes, escoamos moi ben a miga de pan e agregámola á carne. 




Facemos pequenas boliñas, máis ou menos do mesmo tamaño. 


Rustrimos as albóndegas nunha tixola cun pouco de aceite. Só as temos de dourar, xa que se acabarán de facer na salsa. Retiramos nun prato cuberto con papel vexetal. 



Nesa mesma tixola, e aproveitando o aceite, rustrimos as cebolas, cortadas finamente. Salpementámolas. Neste caso, decantámonos por cebola morada, porque son un chisco máis doces, mais podedes usar as que máis vos gusten!


Cando estean ben brandiñas, engadimos o caldo deixamos cociñar 10-15 minutos. Nós tivemos que cambiar de recipiente porque tiñamos sitio para o caldo. 


Pasado ese tempo, engadimos as albóndegas. Tapamos e deixamos cociñar, a lume medio, durante 15-20 minutos. Deixamos que repousen 5-7 minutos.


E xa estarían listas para comer!  


Agardamos que vos gusten!


Nós babexamos vendo a foto porque nos transporta inmediatamente a cada bocado que degustamos. Así pois vémonos na obriga de vos impulsar a crear esta receita para compartir o pracer. Un luxazo!
Agardamos os vosos resultados. Fortísima aperta!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario