sábado, 23 de febreiro de 2019

Patacas ao pobre

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Seguimos cun tempo que dá ganas de coller a roupa de verán e comezar coas tuppers de ensaladas para papar fóra. Mais ollo, que aínda estamos en febreiro e se todo vai ben aínda queda moito por chover e moito prato quente por comer.
Hoxe traémosvos unha gornición que probamos esta semana. As patacas son desde hai ben de séculos un clásico na alimentación galega, sendo co pan, o acompañante máis habitual nos nosos menús. Así pois, gustamos de investigar diferentes modos de cociñar este tubérculo para non caer na rutina papatoria.
E desta forma, demos na rede con preparacións coma esta, das que oiramos falar mais non chegaramos a probar. Un prato andaluz que foi gañando sona por diferentes puntos do estado aínda que en Galiza non son demasiado habituais.
Ben, pois nós, preparámolas da seguinte forma, dándolle un tanto máis de substancia para as converter en prato principal e non en acompañante.


Patacas ao pobre



Ingredientes (para dúas persoas):

  • 2-3 patacas medianas
  • 300 g de carne de lombo (tipo raxo)
  • 1 pemento vermello
  • 1 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 1/2 culleriña de pemento (picante)
  • Pementa moída
  • Pirixel
  • Sal
  • Aceite de oliva

Utensilios: unha tixola, unha tapa para a tixola, táboa e coitelo.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de pelar, lavar e cortar as patacas en láminas. Botamos nunha tixola, 6-7 culleradas de aceite de oliva, as patacas e os dentes de allo e encendemos o lume, ten que estar medio-baixo. 


Cando empece a burbullear, agremaos o pemento e a cebola, cortados en xuliana. Salpementamos ao noso gusto. 








Deixamos que cociñen as patacas e as verduras 5-7 minutos e, a continuación, agregamos a carne, cortada en cadradiños, abodaba con sal, pementa e pirixel. Mesturamos moi ben e deixamos cociñar 10-12 minutos. Podemos tapar a tixola, se queremos, para que se fagan un pouco máis rápido.  



Cando todos os ingredientes estean cociñados, subimos un pouco o lume para torrar un pouco as patacas e a carne, aproximadamente 5 minutos. Apagamos, botamos o pemento picante e mesturamos moi ben. Deixamos repousar 3-4 minutos. 


E. xa estarían listas para comer! 


Agardamos que vos guste e que poñades esta deliciosa receita en práctica. 


Se tedes calquera dúbida, xa sabedes, preguntádesnos e comentámosvos. Aínda que con esta receita seguro que non ides ter problema ningún. Ben, algún si, non vos vai chegar a nada do ben que vos ha de quedar. Aperta forte, bolboreteir@s!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario