martes, 26 de febreiro de 2019

Pasta con salsa de anacardos

Mimá, pero que temperaturas son estas¡? Estamos desubicados, amig@s! Mais o Norte aínda non o perdemos. Como isto siga así imos comezar cos xeados, ensaladas frescas e demais...
Pero ben, tranquis, que mañá ou pasado volve isto ao rego, haha. Non vaia ser que se nos gasten os días solleiros.
E aquí seguimos coa rutina sabedeira traéndomos unha receita ben apetecíbel que vos han de dar xogo nos vosos menús semanais. A pasta non falta en practicamente ningún fogar por unha cuestión económica e de rendemento, mais claro, preparar sempre pasta con tomate ou con carne pode levar ao aborrecemento polo que convén ter un abano de posibilidades para crear. Aquí unha ben interesante.



Pasta con salsa de anacardos




Ingredientes:

  • Pasta ao gusto
  • 300 g de anacardos
  • 1 brócoli
  • 4-5 champiñóns
  • 4 dentes de allo
  • 1 chile
  • Cebola en po
  • Pementa moída
  • Sal
  • O zume dun limón
  • 1-2 vasos de auga
  • Aceite de oliva


Utensilios: unha tixola, unha pota, unha cunca, unha culler, un batedor eléctrico, unha táboa e un coitelo.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de botar auga quente nunha cunca e botar os anacardos. Reservamos. 


Mentres tanto, cocemos a pasta segundo as indicacións do fabricante. Reservamos. 


Nunha tixola, quentamos dúas culleradas de aceite e engadimos dous dentes de allo, cortados finamente. 


Botamos o brócoli e cociñamos 8-9 minutos. 


Pasado ese tempo, agregamos os champiñóns laminados. Cociñamos 5-6 minutos máis. Reservamos. 


Á parte, non vaso do batedor, engadimos os outros dous dentes de allo, os anacardos escoados, o zume do limón, a cebola en po, a pementa moída, un chisco de sal e un vaso e medio de auga. Trituramos moi ben, até obter unha crema, igual tedes que engadir un chisco máis de auga. 





Engadimos esta salsa ao brócoli e aos champiñóns, cociñamos 2-3 minutos.


Botamos tamén a pasta cocida, mesturamos para que se integren todos os sabores, servimos e xa estaría lista para comer!



Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica.


Apetecíbel a mais non poder e sumamente orixinal pois non adoitamos degustar os froitos secos máis alá do seu estado natural. Pois ben, aquí coa pasta!! Que marabilla a alimentación vegana, cantas posibilidades e ideas nos ofrece. 
Agardamos que a gocedes. Forte aperta!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario